GDR Pontevedra Morrazo

GDR Pontevedra Morrazo

O martes 10 de outubro celebrarase no Edificio da Deputación Provincial de Lugo o primeiro dos túneles do viño das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia.

Degustaranse viños de todas as IXP de Galicia, incluidos os da recén incorporada IXP Terras do Navia,  para coñecer as súas características diferenciais.

A seguintes citas serán:

  • O luns 16 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense): masterclass de Luis e Alejandro Paadín (de 11 a 13 h.) e cata de viños comentada por Martiño Santos (ás 17 h. e ás 18 h.)
  • O luns 23 outubro en MUTA (Vigo): masterclass de Luis e Alejandro Paadín (de 11 a 13 h.) e cata de viños comentada por Martiño Santos (ás 17 h. e ás 18 h.)
  • O luns 30 outubro na Aula de Cata Paadín  (A Coruña): masterclass de Luis e Alejandro Paadín (de 11 a 13 h.) e cata de viños comentada por Martiño Santos (ás 17 h. e ás 18 h.)

As prazas son limitadas e xa está aberta a inscrición gratuíta cubrindo o seguinte formulario.

Este evento ten lugar dentro do proxecto de cooperación para o desenvolvemento e dinamización das IXP de viños de Galicia, no que cooperan 6 Grupos de Desenvolvemento Rural e 16 adegas das diferentes indicacións de Galicia. Está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo ven de aprobar este venres os proxectos da convocatoria 2023/24 da medida LEADER do PDR de Galicia 2014-2020. De entre as solicitudes presentadas ata 31 de xaneiro de 2023, aprobáronse 11 proxectos que se subvencionarán na anualidade 2023/24 (submedida 19.2), ordenados en función da puntuación acadada do baremo e ata o límite máximo do crédito dispoñible para cada tipoloxía, así como unha lista de agarda formada por aqueles proxectos que contando cos informes favorables, non dispoñen de crédito na anualidade.

O investimento total comprometido nos diferentes proxectos subvencionados ascende a 1.838.837,33 euros, e contribuirán a creación e consolidación de 46,58 empregos (UTAS) dos cales 7,75 empregos serán de nova creación e 38,83 de consolidación. A proposta de axuda pública total concedida de 583.580,06 euros será cofinanciada con fondos do FEADER (75%), AGADER (22,5%) e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (2,5%).

Este xoves celebrouse no Pazo de Quián en Boqueixón a Xornada de presentación e coordinación do proxecto de cooperación “Desenvolvemento e Dinamización das IXP de Viños de Galicia 2023”.

Tratase dun proxecto promovido por seis Grupos de Desenvolvemento Rural no que colaboran 16 adegas repartidas entre as cinco Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia.

Ao longo desta mañá representantes das 16 adegas que forman parte das cinco IXP de Viños de Galicia, presentes nas catro provincias galegas, e os representantes de AGACAL, do grupo coordinador GDR Pontevedra Morrazo, do GDR DELOA, do GDR Mariñas-Betanzos, do GDR ADERCOU, do GDR Salnés-Ulla-Umia e do GDR Montes e Vales Orientais reuníronse para avanzar nesta segunda edición do proxecto de cooperación. Un proxecto que pretende impulsar o sector vitivinícola de cada unha das indicacións establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

Desta forma, levaranse a cabo accións que poñan en valor ao produto, ao territorio e aos produtores e que axuden a consolidar as marcas comerciais en cada IXP, a que haxa un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas, así como un mellor posicionamento enoturístico das adegas e territorios.

Algunha destas accións serán: a creación e posta en marcha da asociación de adegas das IXP de viños de Galicia, traballar na mobilización ou recuperación da terra agraria para aumentar a base territorial das explotacións vitícolas, a creación de itinerarios enoturísticos nas IXP de Viños de Galicia ou a celebración de catro masterclass de viños das IXP de Galicia (Coruña, Lugo, Ourense, Vigo) de formación e divulgación sobre a viticultura e os viños, que incluirán catas comentadas e a degustación de viños das diferentes IXP de Galicia.

O proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 e conta coa participación activa e contribución ao financiamento do proxecto dos propios operadores das diferentes IXP. En concreto conta coa colaboración de 16 adegas que se distribúen nas cinco Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia: Adega Ardán, Adega Os Areeiros, Mercedarios do Mosteiro de Poio, Reboraina e Videiras no Mar na IXP Ribeiras do Morrazo; Adega Entre os Ríos, Bodegas Calidade Antonio Saborido, Bodegas Torres Augusti, e Cazapitas na IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria; Pagos de Brigante, Adegas Bordel, Adegas Rilo na IXP Viños da Terra de Betanzos, Adega Terras Mancas e Vides Singulares na IXP Val do Miño-Ourense e Adega Panchín e Adega Sidrón na IXP Terras do Navia.

Este xoves, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o GDR Pontevedra Morrazo celebrou Xunta directiva e Asemblea xeral, nas que se aprobou, entre outros asuntos a Estratexia de desenvolvemento participativo (EDLP) 2023_27 que orientará os fondos europeos do Programa LEADER dos vindeiros anos no territorio.

A estratexia coordina e integra todos os elementos, todas as accións e actuacións sobre o territorio dirixíndoas a conseguir o obxectivo xeral de promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, a inclusión social e o desenvolvemento local.

Para isto o Plan de acción contempla pequenos investimentos destinados á diversificación das actividades non agrícolas no rural reforzando o sector agrario e forestal e mellorando a competitividade das zonas rurais e fomentando ao mesmo tempo un modelo produtivo inclusivo e diversificado, que tende cara a dixitalización, a transición ecolóxica e a sostibilidade

No que se refire ao conxunto da economía rural, para mellorar a calidade de vida e benestar social da poboación rural, o Plan prioriza os investimentos destinados á prestación de servizos básicos que axuden a manter as persoas no rural, creando emprego e reducindo o risco de pobreza.

Ademais dase prioridade aos proxectos vinculados aos diferentes instrumentos establecidos na Lei de recuperación dá terra agraria de Galicia, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural.

No Plan de acción tamén se incorpora unha nova forma para fomentar o emprego no rural; o Bono activa rural. Trátase dunha axuda a tanto global destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrícolas en zonas rurais. A axuda non se vinculará á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón ao mantemento da actividade e ao cumprimento dun plan empresarial que deberá demostrar a súa viabilidade técnica e económica, apoiándose nas condicións de mercado.

No plan de formación afondase na viticultura sustentable proporcionando coñecementos e habilidades para implantar prácticas sostibles na produción de viño e contribuír ao desenvolvemento dun sector máis responsable e respectuoso co medio ambiente, e na Silvicultura sustentable, para implantar prácticas forestais sostibles, centrándose en cultivos alternativos á madeira, como as oliveiras e as castañas, e aproveitando as oportunidades dos mercados de carbono.

No plan de cooperación, contémplase 4 proxectos, en colaboración cos GDR de Galicia, que teñen como finalidade:

  • Realizar unha aposta pola produción agrogandeira de carácter artesanal e de calidade diferenciada, aproveitando os selos existentes a tal efecto, e potenciando a colaboración entre diferentes sectores e territorios.
  • Valorizar dunha maneira cooperativa os servizos ecosistémicos que prestan as comunidades de montes, incluidos os dereitos de carbono, apostando por un modelo de xestión forestal sostible e circular.
  • Apostar polo desenvolvemento do enoturismo ligado ás IXP vitícolas de Galicia, para promocionar os viños das IXP, ao tempo que se xera maior valor engadido para as explotacións e se contribúe a dinamizar a economía local, poñendo tamén en valor os recursos e o patrimonio local.
  • Apostar pola dixitalización do tecido económico local, promovendo un maior acceso á dixitalización e novas tecnoloxías por parte de pequenas empresas, co obxectivo de gañar maior competitividade no acceso aos mercados.

Finalmente, a estratexia tamén contempla actuacións propias do GDR no ámbito da animación e dinamización territorial, como o desenvolvemento da “Ruta dos viños oceánicos” da IXP Ribeiras do Morrazo, o proxecto "Memoria sonora" de activación da memoria a través da música de Raíz nos centros de día subvencionados polo GDR, ou a campaña de sensibilización ambiental para preservar a paisaxe, así como mesas redondas, xornadas , seminarios etc. para poñer en valor poñer en valor e potenciar a Estratexia e contribuír ao desenvolvemento do territorio e a reforzar a gobernanza das súas entidades.

Este xoves, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o GDR Pontevedra Morrazo celebrou o FORO FINAL DE DESENVOLVEMENTO RURAL 2023_27 que culmina o proceso participativo para elaborar a estratexia dos vindeiros anos do territorio.

No foro afondouse a necesidade de deseñar unha estratexia que coordine e integre todos os elementos, todas as accións e actuacións sobre o territorio dirixíndoas a conseguir o obxectivo xeral de promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, a inclusión social e o desenvolvemento local.

Para isto o plan abarcará pequenos investimentos destinados á diversificación das actividades non agrícolas no rural reforzando o sector agrario e forestal e mellorando a competitividade das zonas rurais e fomentando ao mesmo tempo un modelo produtivo diversificado e respectuoso co medio ambiente.

No que se refire ao conxunto da economía rural, para mellorar a calidade de vida da poboación rural, o Plan priorizará os investimentos destinados á prestación de servizos básicos que axuden a manter as persoas no rural, creando emprego e reducindo o risco de pobreza.

Ademais fíxose fincapé na sustentabilidade ambiental e na necesidade de conservación dos recursos naturais das zonas rurais, apostando pola adopción de prácticas agrícolas e gandeiras respectuosas co medio ambiente, como o uso eficiente da auga, a xestión adecuada dos residuos e o uso reducido de pesticidas e fertilizantes químicos.

Entre outras accións, promoverase a protección e conservación da biodiversidade no rural mediante o fomento de prácticas agroecolóxicas, a creación de espazos naturais protexidos e a restauración de ecosistemas degradados. Fomentarase o uso de enerxías renovables no sector rural, promovendo a instalación de sistemas de enerxía solar, eólica ou outros limpos. Tamén se buscará promover a economía circular nas comunidades rurais, promover a reutilización, a reciclaxe e a redución de residuos.

Estas medidas contribuirán á conseguir un rural máis sostible dende o punto de vista ambiental, onde se promoverá a biodiversidade, se reducirá a pegada ecolóxica e se promoverá a transición cara a unha economía verde.

O vindeiro xoves, 15 de xuño de 2023, ás 19:00h., no Pazo da Cultura de Pontevedra, o GDR Pontevedra Morrazo vai celebrar o FORO FINAL DE DESENVOLVEMENTO RURAL 2023_27 para rematar a elaboración da futura estratexia do territorio.

O Foro está concibido como un espazo aberto e de encontro, no que calquera persoa ou entidade pode participar, achegando propostas e ideas que axuden a construír a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa para as comarcas de Pontevedra e O Morrazo.

Queremos coñecer a túa opinión, para definir entre tod@s os principais obxectivos e proxectos que van marcar o rumbo do territorio nos vindeiros anos.

 

Por un rural vivo, dinámico e integrador,

INSCRÍBETE E PARTICIPA : https://forms.gle/2osN3y5CuMBvVmYX8

 A TÚA VOZ CONTA !!

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS 2023/24 para a execución de proxectos da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221229/AnuncioO90-271222-0001_es.html). Trátase das axudas ás que poden optar calquera persoa ou entidade a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural para desenvolver proxectos produtivos e non produtivos que dinamicen as súas contornas 
As solicitudes de axuda para proxectos dos concellos das comarcas de Pontevedra e O Morrazo, dirixiranse ao GDR Pontevedra Morrazo (GDR 15) e presentaranse a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal)

O prazo para presentar as solicitudes remata o 31 de xaneiro de 2023.
Serán subvencionables os proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica con fins lucrativos e tamén proxectos de natureza non produtiva que sexan de interese público ou colectivo. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

No 2023 teremos unha nova oportunidade para cooperar e colaborar entre todas as Indicacións Xeográficas Protexidas de viño de Galicia.

O Foro Virtual celebrado este mércores permitiu poñer en común e contrastar con todas as persoas e entidades participantes a diagnose realizada e a definición de prioridades estratéxicas 2023_27 do territorio. Ademais puidéronse tratar e debater as propostas de proxectos piloto do ámbito agrario e forestal, xurdidas dos diferentes paneis estratéxicos convocados polo GDR nos que participaron diversas persoas, colectivos, entidades, empresas, universidades e centros de investigación do territorio.

Trátase de proxectos de carácter innovador, con capacidade de arrastre e relevantes para a economía e a sociedade.

En concreto abordouse un proxecto do ámbito agrario que explora novas vías para loitar contra as enfermidades do viñedo para acadar a través do coñecemento científico e as novas tecnoloxías unha viticultura máis sustentable e respectuosa co medio. O proxecto centrarase nas castes autóctonas máis comúns na IXP Ribeiras do Morrazo, albariño, tinta femia (caiño tinto) e mencia e a variedade ratiño, como singularidade dentro da D.O. Rias Baixas do territorio. O proxecto, no que participarán adegueiros e viticultores do territorio, contará co apoio técnico e científico da Misión Biolóxica de Galicia e da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

No ámbito forestal, apostouse polas posibilidades do monte como secuestradores de carbono, ante a demanda emerxente, cada vez maior, de empresas que buscan como lograr a neutralidade carbónica reducindo e compensando as súas emisións de CO2. Trátase de que o carbono se convirta nun novo recurso forestal que anime aos propietarios do monte a practicar unha silvicultura máis sustentable. O proxecto concebido fora do mercado regulado, apela á resposabilidade social corporativa para contribuir á descarbonización do territorio apostando por proxectos forestais locais sustentables.

Aqueles que ainda non o fixeran poderán opinar e facer propostas ou achegas a través do cuestionario online ata o martes 29 de novembro ás 14:00h. Ligazón: https://forms.gle/ea9bBNqLhvHB4HWv5

Ademais o vindiero mércores 30 de novembro celebraremos un FORO VIRTUAL para poñer en común e contrastar, a diagnose realizada e a definición de prioridades estratéxicas para o territorio.

Día 30/11: Foro virtual de contraste da diagnose e obxectivos estratéxicos

Inscrición:https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScqne3h6TTgv_wqcYA0Ru7sXlLx5rD3Ih6G2o-qzu3EbKocxw/viewform