Este xoves, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o GDR Pontevedra Morrazo celebrou Xunta directiva e Asemblea xeral, nas que se aprobou, entre outros asuntos a Estratexia de desenvolvemento participativo (EDLP) 2023_27 que orientará os fondos europeos do Programa LEADER dos vindeiros anos no territorio.

A estratexia coordina e integra todos os elementos, todas as accións e actuacións sobre o territorio dirixíndoas a conseguir o obxectivo xeral de promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, a inclusión social e o desenvolvemento local.

Para isto o Plan de acción contempla pequenos investimentos destinados á diversificación das actividades non agrícolas no rural reforzando o sector agrario e forestal e mellorando a competitividade das zonas rurais e fomentando ao mesmo tempo un modelo produtivo inclusivo e diversificado, que tende cara a dixitalización, a transición ecolóxica e a sostibilidade

No que se refire ao conxunto da economía rural, para mellorar a calidade de vida e benestar social da poboación rural, o Plan prioriza os investimentos destinados á prestación de servizos básicos que axuden a manter as persoas no rural, creando emprego e reducindo o risco de pobreza.

Ademais dase prioridade aos proxectos vinculados aos diferentes instrumentos establecidos na Lei de recuperación dá terra agraria de Galicia, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural.

No Plan de acción tamén se incorpora unha nova forma para fomentar o emprego no rural; o Bono activa rural. Trátase dunha axuda a tanto global destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrícolas en zonas rurais. A axuda non se vinculará á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón ao mantemento da actividade e ao cumprimento dun plan empresarial que deberá demostrar a súa viabilidade técnica e económica, apoiándose nas condicións de mercado.

No plan de formación afondase na viticultura sustentable proporcionando coñecementos e habilidades para implantar prácticas sostibles na produción de viño e contribuír ao desenvolvemento dun sector máis responsable e respectuoso co medio ambiente, e na Silvicultura sustentable, para implantar prácticas forestais sostibles, centrándose en cultivos alternativos á madeira, como as oliveiras e as castañas, e aproveitando as oportunidades dos mercados de carbono.

No plan de cooperación, contémplase 4 proxectos, en colaboración cos GDR de Galicia, que teñen como finalidade:

  • Realizar unha aposta pola produción agrogandeira de carácter artesanal e de calidade diferenciada, aproveitando os selos existentes a tal efecto, e potenciando a colaboración entre diferentes sectores e territorios.
  • Valorizar dunha maneira cooperativa os servizos ecosistémicos que prestan as comunidades de montes, incluidos os dereitos de carbono, apostando por un modelo de xestión forestal sostible e circular.
  • Apostar polo desenvolvemento do enoturismo ligado ás IXP vitícolas de Galicia, para promocionar os viños das IXP, ao tempo que se xera maior valor engadido para as explotacións e se contribúe a dinamizar a economía local, poñendo tamén en valor os recursos e o patrimonio local.
  • Apostar pola dixitalización do tecido económico local, promovendo un maior acceso á dixitalización e novas tecnoloxías por parte de pequenas empresas, co obxectivo de gañar maior competitividade no acceso aos mercados.

Finalmente, a estratexia tamén contempla actuacións propias do GDR no ámbito da animación e dinamización territorial, como o desenvolvemento da “Ruta dos viños oceánicos” da IXP Ribeiras do Morrazo, o proxecto "Memoria sonora" de activación da memoria a través da música de Raíz nos centros de día subvencionados polo GDR, ou a campaña de sensibilización ambiental para preservar a paisaxe, así como mesas redondas, xornadas , seminarios etc. para poñer en valor poñer en valor e potenciar a Estratexia e contribuír ao desenvolvemento do territorio e a reforzar a gobernanza das súas entidades.

Publicado en novas

O GDR Pontevedra Morrazo foi seleccionado como organización candidata a converterse en entidade colaboradora da AGADER na xestión da medida Leader Galicia 2023-27.

Na Xunta Directiva celebrada onte deuse conta da preselección do GDR como entidade colaboradora e da concesión dunha subvención orientada á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño da futura estratexia de desenvolvemento local participativo para o período 2023-27.

Deste xeito a Xunta Directiva acordou lanzar o proceso de elaboración da EDLP que deberá estar finalizado antes do 20 de decembro de 2022.

Publicado en novas

O GDR Pontevedra Morrazo culmina a primeira fase dos traballos preparatorios para converterse en entidade colaboradora da Xunta de Galicia na medida Leader de Galicia para o período 2023-2027, coa solicitude formalizada este luns 01 de agosto de 2022.

Os traballos preparatorios comezaron o pasado 2 de xuño, data na que se publicaron as bases reguladoras. Entre outros asuntos, aprobáronse en Asemblea xeral a modificación dos estatutos necesaria para cumprir as condicións de admisibilidade do novo período,  e  púxose en marcha a campaña #somos GDR para animar ás asociacións e entidades do territorio a participar e formar parte do GDR, promovendo a participación das mulleres nos órganos de goberno e a participación activa dos socios para  o deseño da estratexia do territorio do novo período 2023_27

Ademais, houbo que elaborar unha exhaustiva documentación:

Sobre a propia entidade e asociados, indicando as propostas para garantir a participación activa dos socios, e para a promoción da participación das mulleres nos órganos de goberno e nas tomas de decisións.

Sobre a delimitación do territorio de actuación do GDR Pontevedra Morrazo caracterizando e identificando os factores xeográficos, económicos, sociais e culturais que contribúen á cohesión funcional do mesmo.

Unha memoria explicativa coa proposta do proceso participativo que se levaría a cabo, en caso de ser seleccionada, para as actuacións preparatorias da estratexia de desenvolvemento local.

E outra memoria explicativa na que se indicaba como se  afrontarán, no caso de ser seleccionado o GDR, as actuacións preparatorias para elaboración dos contidos da estratexia 2023_27. O documento inclúe as propostas metodolóxicas para o  análise e diagnóstico do contexto territorial e socioeconómico, da actuación retrospectiva das EDLP no territorio, de análise do novo marco normativo e institucional e o seu impacto previsible na futura estratexia, da análise do uso e ocupación do territorio rural no ámbito xeográfico do GDR, da coordinación coas estratexias doutros GDR de Galicia, das propostas para identificar e promover proxectos piloto así como a metodoloxía para definir os obxectivos, plan de acción, formación , animación e cooperación etc.)

Máis información

Web, facebook, instagram

695333087

Publicado en novas

#somosGDR é unha campaña que busca a participación activa das entidades e asociacións do territorio no Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo.

As asociacións de mulleres, mozos, entidades de acción social, relacionadas coa protección e/ou mellora do ambiente, sector agrario, cultural, asociacións de empresarios e profesionais, etc. do territorio podedes formar parte do GDR.

Por que asociarse ao GDR?

  • Porque vos sentides orgullosos do noso territorio.
  • Porque representades un reforzo social e sectorial para o GDR.
  • Traeredes novas ideas, valores e obxectivos.
  • Enriqueceredes os nosos debates facéndonos máis plurais.
  • Para colaborar no deseño e xestión da estratexia de desenvolvemento local.
  • Para contribuír a revitalizar o rural, a facelo habitable e habitado, dinámico e integrador.

ASÓCIATE E PARTICIPA NO DESENVOLVEMENTO DO TEU TERRITORIO!

         SOMOS COMPROMISO, SOMOS RURAL, #SOMOSGDR

Como Participar?

Para adquirir a condición de asociado haberá que presentar unha solicitude de ingreso, xunto coa seguinte documentación:

  • Acordo do órgano competente da entidade que exprese a vontade de ser asociado
  • Acordo do órgano competente nomeando as persoas representantes da asociación: Titular e Suplente.
  • Copia dos Estatutos
  • Copia da Acta de Constitución e  acreditación rexistro de asociacións
  • Copia do C.I.F. da entidade e do N.I.F. dos representantes (Titular e Suplente)
  • Acreditación dun ano de actividade no territorio

Cando un candidato a ser asociado non teña o seu domicilio social no ámbito de actuación desta asociación deberá acreditar que desenvolve unha actividade relevante en dito ámbito territorial

Descarga PDF Modelo de adhesión como socio do GDR (60 Kb)

Descarga PDF Estatutos GDR Pontevedra Morrazo (2834 Kb)

Publicado en novas

A Xunta Directiva e Asemblea do GDR celebrada onte no Pazo da Cultura de Pontevedra acordaron, entre outros asuntos, a presentación da candidatura do GDR Pontevedra Morrazo como entidade colaboradora da Xunta de Galicia para a xestión da medida LEADER de Galicia 2023_27.

Os traballos preparatorios iniciáronse o pasado 2 de xuño, data na que se publicaron as bases reguladoras para a selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras na medida Leader de Galicia para o período 2023-2027, para a concesión de axudas orientadas á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo para o período de programación 2023-2027, cofinanciadas polo fondo Feader, e para a aprobación de estratexias de desenvolvemento local, así como a correspondente convocatoria, para as anualidades 2022 e 2023.

Na Asemblea xeral aprobouse a modificación dos estatutos necesaria para cumprir as condicións de admisibilidade do novo período, destacando a importancia da participación activa dos socios e outras entidades do territorio nas actuacións preparatorias.

Ademais deuse conta da campaña de “portas abertas” que o GDR está a desenvolver para darse a coñecer e promover a participación das diferentes asociacións de mulleres, mozos, entidades de acción social, relacionadas coa protección e/ou mellora do ambiente, sector agrario, cultural, asociacións de empresarios e profesionais, etc. do territorio.

Tamén se destacou na reunión, a importancia  da participación pública dentro do proceso participativo para elaborar a nova estratexia do territorio, xa que para optar a converterse en entidade colaboradora da medida LEADER de Galicia para o período 2023_2027, o GDR deberá desenvolver entre outras as seguinte actuacións:

  • Elaboración dunha análise e diagnóstico do contexto territorial, socioeconómico e normativo, para o que se desenvolverán eventos, consultas, reunións, e outros procesos de participación activa tanto cos grupos de interese da entidade ou institucións doutros territorios cuxa utilidade sexa manifesta para a correcta configuración das accións preparatorias.
  • Elaboración dunha análise exhaustiva da evolución dos programas europeos de desenvolvemento rural nos períodos de programación anteriores, para identificar éxitos e propostas de mellora que permita propoñer estratexias e procedementos innovadores, adaptados á nova realidade do territorio e ao marco normativo vixente.
  • Deseño de liñas estratéxicas e propostas de actuación para incluír na futura estratexia, coherentes coas características, necesidades e potencialidades do territorio afectado.
  • Análise do novo marco normativo e institucional, e impacto previsible na futura estratexia, centrado no ámbito territorial correspondente.
  • Análise da situación actual de uso e xestión do territorio correspondente, centrado nas posibilidades de recuperación da terra agraria.
  • Análise das posibilidades de cooperación con outros territorios.
  • Propostas de coordinación coas restantes propostas de estratexias de desenvolvemento local de Galicia.
  • Plans de animación, que incluirá o desenvolvemento de accións para involucrar os actores locais para deseñar as liñas estratéxicas: actividades de formación e de animación; asesoramento; fomento da participación en proxectos piloto e, en xeral, fomento das capacidades dos actores locais de xestión dos proxectos.
  • Análise e proposta de proxectos piloto en prol do desenvolvemento rural, que poidan servir de exemplo replicable dentro do territorio da entidade seleccionada, ou mesmo en toda a Comunidade Autónoma.
  • Plan de acción.
  • Normas para a xestión da estratexia de desenvolvemento local, Plan de seguimento e Plan financeiro do gasto público previsto.
Publicado en novas
O pasado venres tivo lugar a constitución da Comisión de Seguimento do convenio de colaboración entre a Agader e o Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo segundo ao previsto na cláusula 23ª do convenio de colaboración para a aplicación dunha estratexia de desenvolvemento local conforme á medida Leader do PDR de Galicia 2014-20. Na citada Comisión actuaron como representantes de Agader o subdirector de Relacións cos GDR, Moisés Blanco Paradelo e o xefe de área de Seguimento e Control de Programas, José Sanlés, e como representante do GDR actuou o xerente, José María Tobío. Entre outros asuntos, tratouse o Convenio de Colaboración asinado entre AGADER e o GDR, a xestión das convocatorias de axudas Leader e a Estratexia de Desenvolvemento Local.
Publicado en novas