Proxectos subvencionables

Tipoloxía de proxectos

Os proxectos poderán clasificarse en produtivos e non produtivos.

  • Proxectos produtivos: os que supoñan a realización dunha actividade económica con fin lucrativo tendentes á produción de bens e/ou servizos e que supoñan unha creación e/ou mantemento do nivel de emprego.
  • Proxectos non produtivos: os que teñan un interese público ou colectivo e non supoñan o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica con finalidade lucrativa.

Requisitos dos proxectos

  • Estar localizados no ámbito territorial elixible de actuación do GDR Pontevedra-Morrazo.
  • Ser viables técnica, económica e financeiramente para os proxectos de natureza produtiva, e técnica e financeiramente para os non produtivos.
  • Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.
  • Ser finalista, é dicir, que na data da xustificación final dos investimentos ou gastos subvencionados cumpran os obxectivos e funcións para os cales foron aprobados os proxectos.
  • Que o investimento para o cal se solicita a axuda non estea iniciado na data da presentación da solicitude de axuda.
  • Coherencia e adecuación dos proxectos e actuacións coa estratexia de desenvolvemento local participativa (EDLP) do GDR Pontevedra-Morrazo.
  • Os proxectos e actuacións deberán cumprir, ademais, as condicións de subvencionabilidade que se especifican nas fichas de elixibilidade (FE) recollidas nas bases reguladoras.

Liñas de axuda

Os proxectos e actuacións subvencionables deberán encadrarse nalgunha das seguintes fichas de elixibilidade (FE) :

Investimentos no sector da produción agraria primaria (FE I)

Por razóns de coherencia e complementariedade con outras liñas de axuda específicas do PDR de Galicia 2014-2020, non serán subvencionables, como regra xeral, os proxectos encadrables no sector da produción agraria primaria (inclúese na definición de produción agraria primaria a produción agrícola, gandeira e forestal).

Non obstante, como excepción á regra xeral, serán subvencionables a través da medida Leader de Galicia 2014-2020, os investimentos seguintes:

  • Mellora da eficiencia enerxética das explotacións agrarias e/ou emprego de fontes de enerxía renovables.
  • A explotación agraria deberá estar en funcionamento, tendo declarada facturación real pola venda dos seus produtos, e deberá posuír un CEA ( código de explotación agraria) ou rexistro oficial que corresponda á explotación agraria dunha antigüidade de polo menos un ano anterior á data da solicitude de axuda.
  • Nos supostos de mellora da eficiencia enerxética da explotación agraria deberá quedar acreditada mediante a presentación dun plan empresarial, acompañado dun informe emitido por técnico competente ou dunha auditoría enerxética. A redución dos custes derivados da mellora da eficiencia enerxética da explotación deberá acadar unha porcentaxe mínima do 40%.
  • Pequenos proxectos, ata un máximo de 30.000 € de investimento total elixible, que supoñan o inicio ou implantación dunha actividade agrícola, gandeira ou agroforestal, sempre que esta constitúa unha actividade complementaria á actividade principal non agraria do promotor do proxecto.

Nos supostos de proxectos promovidos por persoas físicas:

  • O total da renda da unidade familiar no momento da solicitude de axuda, non poderá ser inferior ao salario mínimo interprofesional vixente.
  • O resultado final da previsión económica, xuntando a actividade principal non agraria e a renda agraria derivada do proxecto, non poderá superar o quíntuplo do valor do citado salario mínimo interprofesional.

Tomaranse en consideración para o cálculo da renda da unidade familiar no momento da solicitude de axuda, a declaración dos impostos persoais sobre a renda.

O cálculo do resultado final da previsión económica realizarase en base aos módulos fixados pola Consellería do Medio Rural para os plans de mellora de explotacións agrarias (http://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/explotacions/2016/2016_norma_complementaria.pdf norma_complementaria.pdf).

Para proxectos promovidos por promotores distintos a persoas físicas:

  • O cálculo da renda inicial realizarase en base á última declaración tributaria efectuada, tendo en conta a normativa que lle sexa aplicable a cada promotor segundo a súa específica forma xurídica.

En ambos supostos, o promotor estará obrigado a dar de alta a explotación agraria que se implante a raíz do investimento, no REAG (rexistro de explotacións agrarias de Galicia), así como a obter o correspondente CEA (código de explotación agraria) con carácter previo á xustificación final do proxecto.

Investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios (FE II)

Serán subvencionables os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización de empresas destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, excepto os produtos da pesca.

Así mesmo, considéranse incluídos nesta tipoloxía, os investimentos relativos a procesos de transformación nos cales interveñan produtos non incluídos no anexo I do Tratado e estes sexan un compoñente menor do produto final. Considerarase que son un compoñente menor cando a cantidade total destes non supere o 15 % do peso total do produto final. Os investimentos relativos a procesos de transformación nos que a porcentaxe de produtos non incluídos no anexo I do Tratado supere o citado 15% do peso total do produto final non estarán incluídos na regulación desta ficha de elixibilidade. Para comprobar esta circunstancia terase en conta o peso dos produtos que se reflicta na etiqueta final do mesmo.

Non obstante, unicamente serán elixibles os proxectos nos cales o importe total dos investimentos subvencionables non exceda da contía máxima de 30.000€ que, por razóns de coherencia e complementariedade entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia, estableza o PDR de Galicia para esta tipoloxía de proxectos que se poidan subvencionar a través da medida 19 (Leader) no período 2014-2020.

Os investimentos deben cumprir a normativa aplicable en materia de sanidade e benestar animal de ser o caso:

  • Non se concederán axudas a solicitantes que presenten proxectos relativos a instalacións xa existentes que non acrediten dispoñer de rexistro sanitario, ou que non cumpran, de ser o caso, a normativa de benestar animal, ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.
  • Non se pagarán axudas a beneficiarios que non acrediten, tras a execución dos investimentos, dispoñer de rexistro sanitario actualizado ou vixente, así como, de ser o caso, cumprir a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal. Esta acreditación non será esixida no caso de que os investimentos previstos, dadas as súas características, non supoñan unha alteración das actividades da empresa que afecten o rexistro sanitario vixente, ou alteren as condicións relativas ao benestar animal ou á elaboración de produtos para alimentación animal.

Investimentos en transformación e comercialización de produtos forestais (FE III)

  • Investimentos relacionados coa transformación, utilización e/ou comercialización da madeira como materia prima que sexan anteriores á primeira transformación industrial.
    • Serán subvencionables no caso de que estean dirixidos á produción de quebrado de madeira e/ou de pellets para a xeración de enerxía e/ou fonte de calor. Poderán incluír a tala, descortizado, troceado, almacenamento, tratamento de protección e secado e outras operacións de traballo anteriores á primeira transformación industrial da madeira.
  • Os investimentos relacionados coa transformación, utilización e/ou comercialización da madeira como materia prima que sexan posteriores á primeira transformación industrial serán subvencionables a través da ficha de elixibilidade V ( investimentos que supoñan a creación, modernización ou ampliación de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias).
    • Terá a consideración de primeira transformación as actividades posteriores ao primeiro aserrado da madeira.

Non será subvencionable a adquisición de maquinaria para servizos forestais nin a subvencionabilidade ás empresas cuxo única epígrafe no que están dadas de alta no CNAE sexa o correspondente a servizos agrarios e/ou forestais.

Investimentos que supoñan diversificación das explotacións agrarias cara actividades non agrarias (FE IV)

  • Proxectos que impliquen o inicio ou mellora dunha actividade produtiva complementaria á da propia actividade agraria que se desenvolva na explotación (agraria), respondendo ao obxectivo xeral de mellora da calidade de vida en zonas rurais e diversificación da economía rural, tales como:
    • Elaboración e venda de produtos artesanais.
    • Agroturismo: acondicionamento e mellora das instalacións da explotación agraria de cara a ofrecer servizos turísticos como actividades recreativas e de animación turística, espectáculos, actividades de aventura ou natureza, actividades deportivas como golf, náuticas, esquí, hípica e outras, actividades de valorización e divulgación do patrimonio cultural, balnearios e centros de talasoterapia. Estes investimentos, en especial os que supoñan a creación de novas prazas de aloxamento, estarán supeditados ao disposto no Acordo de Colaboración asinado entre Agader e a Axencia de Turismo de Galicia.
    • Servizos educativos, culturais, recreativos, ambientais asociados á valorización de patrimonio natural e/ou cultural ou a ecosistemas agrarios e/ou forestais do territorio.
    • Prestación de servizos á poboación.

Investimentos que supoñan a creación, modernización ou ampliación de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias (FE V)

  • Proxectos que supoñan a creación, ampliación e modernización de pequenas empresas, en sectores da economía distintos ao da produción agraria primaria, respondendo ao obxectivo xeral de mellora da calidade de vida en zonas rurais e diversificación da economía rural.
    • Entenderase por creación a posta en marcha dunha nova empresa ou, no caso de que a empresa xa tivera actividade comercial con carácter previo á solicitude de axuda, a posta en marcha dunha actividade distinta á que viñera desenvolvendo con carácter previo á data da solicitude de axuda. Considérase que a actividade é distinta cando o grupo do código nacional de actividades económicas (CNAE) correspondente á nova actividade sexa distinto ao do CNAE correspondente á actividade ou actividades comerciais que tivera a empresa con carácter previo á data da solicitude de axuda .
    • Por modernización entenderase a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio fundamental na natureza da produción ou na tecnoloxía correspondente.

Os investimentos que se limiten a substituír un edificio ou unha máquina existente, ou partes dos mesmos, por un edificio ou por outra máquina nova, unicamente serán subvencionables no caso de que a substitución supoña ampliar a capacidade de produción en máis dun 25% con respecto á que viña desenvolvendo o edificio ou a maquinaria substituída.

Investimentos en proxectos non produtivos (FE VI)

Poderán ser subvencionables:

  1. Proxectos que teñan un interese público ou colectivo, é dicir, que afecten, interesen ou beneficien dalgún xeito ao conxunto da poboación ou da sociedade en xeral, e que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica. Entre outros:
  • Proxectos relacionados co mantemento, recuperación e rehabilitación do patrimonio cultural e natural das poboacións, das paisaxes rurais e de zonas de alto valor natural.
  • O departamento da Xunta competente na materia deberá acreditar o interese da proposta ou ben estea definido como de interese no plan de mantemento, restauración, mellora ou posta en valor do patrimonio natural ou cultural que o GDR poida elaborar e que estea aprobado por Agader.
  • Proxectos referidos á creación, mellora ou ampliación de todo tipo de servizos para a poboación rural como as actividades recreativas e culturais, xunto coas correspondentes infraestruturas a pequena escala.
  1. No suposto de que o proxecto de interese público ou colectivo, conleve unha actividade económica por si mesmo ou de maneira coadxuvante, terá a consideración de non produtivo cando:
  • Os ingresos que se xeren procedan de taxas no caso de proxectos promovidos por entidades públicas locais.
  • No resto dos casos, tanto para os proxectos promovidos por entidades públicas locais en que os ingresos proceden de prezos públicos como nos casos de proxectos promovidos por outros promotores distintos ás entidades públicas locais, os proxectos poderán ter a consideración de non produtivos cando o beneficio neto non chegue a superar o valor de capitalización do investimento ao xuro legal do diñeiro.

Descarga Instrucións de Agader:

Eventos -Calendario

Lun Mar Mié Jue Vie Sáb Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
No hay próximos eventos!