O 2º proxecto de cooperación das IXP de viño de Galicia culmina coa creación e posta en marcha da asociación dos operadores das IXP, coa elaboración de estudos preeliminares para mellorar a base territorial das explotacións e apostando polo enoturismo.

A asociación nace dentro do proxecto de cooperación “Desenvolvemento e dinamización das IXP de Viño de Galicia” . Trátase dunha iniciativa impulsada polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR 15 Pontevedra Morrazo, GDR 03 Montes e Vales Orientais, GDR 11 Comarca de Ourense, GDR 17 Salnés, Ulla, Umia GDR 18 Deloa, GDR 23 Mariñas Betanzos) e financiada polo FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural), no marco do programa LEADER, actuando o GDR Pontevedra Morrazo como grupo Coordinador.

Entre os obxectivos do proxecto contemplase o impulso ao asociacionismo e cooperación entre os diferentes operadores das IXP de viños de Galicia para crear estruturas permanentes de colaboración.

Como colofón deste proceso, este luns 27, na Sede de Agacal, tivo lugar o acto de constitución da Asociación de IXP de Viños de Galicia, coa sinatura da acta fundacional e a elección da Xunta Directiva e coa participación das 17 adegas pertencentes ás diferentes IXP: IXP Ribeiras do Morrazo, IXP Barbanza Iria, IXP Betanzos, IXP Val do Miño-Ourense, IXP Terras de Navia.

Coa constitución da Asociación mellórase a gobernanza e colaboración entre operadores, reforzando o posicionamento e mellorando a información e promoción das adegas das IXP e dos seus viños.

A aposta pola colaboración entre ás adegas das IXP supón, entre outras as seguintes vantaxes:

  • Unha solución conxunta e máis rendible para afrontar as problemáticas comúns do sector.
  • A promoción conxunta implica unha maior oferta de produto, máis solvente e diversificada, o que optimiza a comercialización. Tamén supón ter maior capacidade para enfrontarse ao mercado e para asistir a feiras ou eventos.
  • Increméntanse as posibilidades de acceso ao financiamento público, principalmente no relacionado coa calidade alimentaria.
  • Aumentan as posibilidades de compartir servizos comúns de carácter técnico, de asesoramento, esixencias normativas,... pero tamén recursos.
  • Cooperar é necesario para facer a xestión e uso compartido da plataforma común de promoción: https://viños.ixp.gal/es, creada a través do proxecto de cooperación. Isto implicará unha maior difusión e comunicación de todas as IXP e de cada unha das adegas.
  • Por último, cooperar tamén permitirá a posibilidade de compartir provedores comúns: botellas, cortizas, portaenxertos, fitosanitarios, produtos de limpeza etc.

Este luns, 27 de novembro, ás 11 horas celebrouse na sede de AGACAL (Santiago de Compostela) a constitución da asociación das IXP de viño de Galicia. Á cita acudiron representantes das 17 adegas que forman parte das cinco IXP de Galicia. Tras aprobar os estatutos da asociación, designáronse aos titulares da xunta directiva:

  • Presidente/a: María Teresa Maestre Manteca
  • Secretario/a: Luís Sande Lamas
  • Vicepresidente/a: Manuel Cancio López
  • Tesoureiro/a: José Manuel Bandín Castiñeiras
  • Vogal: Enrique Fernández-Perán Martínez Cubells.

 

OUTROS RESULTADOS DO PROXECTO DE COOPERACIÓN

O proxecto de desenvolvemento e dinamización das IXP de viños de Galicia, ten tamén como finalidade impulsar a viticultura nas IXP de Galicia desenvolvendo a base territorial das explotacións vitícolas, promocionando os seus viños e adegas e desenvolvendo o enoturismo.

Por iso outra das accións realizadas para lograr os obxectivos deste proxecto, e a elaboración de estudos preliminares para desenvolver polígonos agroforestais nas IXP de viños de Galicia (mínimo de 10 ha. en cada polígono de cada IXP), que permitan a posible ampliación da superficie cultivada.

Tamén foron creados e deseñados cinco itinerarios enoturísticos. Trátase de cinco itinerarios circulares, un por zona, a partir da identificación de recursos do territorio xeoreferenciados (adegas, espazos ou recursos de interese vitícola ou enolóxico, elementos patrimoniais, etc.) Inclúense tamén un folleto enoturístico por cada IXP

Ademais durante o mes de outubro celebráronse catro xornadas divulgativas de viños das IXP de Galicia en catro cidades galegas (Lugo, Ourense, Vigo e A Coruña) que reuniron a máis de 700 persoas.

En cada xornada púidose coñecer unha mostra/exposición de todos os viños que comercializan as IXP de Galicia. Pola mañá, impartiuse unha masterclass de formación e divulgación sobre a viticultura e os viños das IXP de Galicia da man de Alejandro e Luis Paadín, e pola tarde, con Martiño Santos, realizáronse catas comentadas de viño dirixidas a prescritores, canle Horeca e público xeral.

Publicado en novas

A empresa FRUTODS, solucións conceptuais e innovación, ven de recibir o premio de AGADER ao desenvovemento rural 2023 na Categoria de de innovación tecnolóxica

Situado no lugar de Pedreira no municipio de Soutomaior, este proxecto contou con 108.944,39 € de axuda Leader xestionada a través do GDR Pontevedra-Morrazo para a ampliación e modernización das súas instalacións, cun investimento de 262.516,60 €, para albergar a oficina técnica, un laboratorio de I+D+I, un obradoiro e equipamento específico, impresoras 3D etc.

Publicado en novas

O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo ven de aprobar este venres os proxectos da convocatoria 2023/24 da medida LEADER do PDR de Galicia 2014-2020. De entre as solicitudes presentadas ata 31 de xaneiro de 2023, aprobáronse 11 proxectos que se subvencionarán na anualidade 2023/24 (submedida 19.2), ordenados en función da puntuación acadada do baremo e ata o límite máximo do crédito dispoñible para cada tipoloxía, así como unha lista de agarda formada por aqueles proxectos que contando cos informes favorables, non dispoñen de crédito na anualidade.

O investimento total comprometido nos diferentes proxectos subvencionados ascende a 1.838.837,33 euros, e contribuirán a creación e consolidación de 46,58 empregos (UTAS) dos cales 7,75 empregos serán de nova creación e 38,83 de consolidación. A proposta de axuda pública total concedida de 583.580,06 euros será cofinanciada con fondos do FEADER (75%), AGADER (22,5%) e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (2,5%).

Publicado en novas

Aqueles que ainda non o fixeran poderán opinar e facer propostas ou achegas a través do cuestionario online ata o martes 29 de novembro ás 14:00h. Ligazón: https://forms.gle/ea9bBNqLhvHB4HWv5

Ademais o vindiero mércores 30 de novembro celebraremos un FORO VIRTUAL para poñer en común e contrastar, a diagnose realizada e a definición de prioridades estratéxicas para o territorio.

Día 30/11: Foro virtual de contraste da diagnose e obxectivos estratéxicos

Inscrición:https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScqne3h6TTgv_wqcYA0Ru7sXlLx5rD3Ih6G2o-qzu3EbKocxw/viewform

Publicado en novas

A Xunta Directiva do GDR Pontevedra Morrazo ven de aprobar os proxectos da convocatoria 2018/19 de axudas europeas Leader por importe de 698.265,12 euros de axuda pública e 1.842.306,28 euros de investimento total para as comarcas de Pontevedra e O Morrazo.

De entre as solicitudes presentadas ata 31 de maio de 2018, a Xunta Directiva aprobou 21 proxectos que se subvencionarán na anualidade 2018/19 e contribuirán a creación e consolidación de 59,95 empregos (UTAS) dos cales 10,81 empregos serán de nova creación.

Publicado en novas