Mobilizados contra a violencia de xénero

O GDR Pontevedra Morrazo ven de celebrar a súa andaina reivindicativa contra a Violencia de xénero dentro da campaña “Rachemos coa Indiferenza”  e baixo o lema común de todos os GDR de Galicia "O RURAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO" que pretende concienciar e sensibilizar á poboación en materia de prevención da violencia de xénero no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e en colaboración coa AGADER e a Secretaría Xeral da Igualdade e a Axencia Turismo de Galicia.

As andainas dos 24 GDR de Galicia, percorreron de xeito simultáneo diferentes tramos dos camiños de Santiago co obxectivo de implicar ás persoas do rural para que camiñen desde 24 puntos distintos do noso territorio co obxectivo de reclamar o fin da violencia machista e de defender a igualdade.

A andaina do GDR Pontevedra Morrazo percorreu un tramo de pouco máis de 6 Km, do Camiño de Santiago Portugués, dende a Capela de Santa Marta de Bértola (Vilaboa)  ata a sede do GDR Pontevedra-Morrazo en Mourente (Pontevedra) onde se deu lectura dun manifesto ao mesmo tempo que nos outros 23 GDR de Galicia. O Acto que contou coa participación do Alcalde de Pontevedra e presidente do GDR Pontevedra Morrazo, Miguel Anxo Fernández Lores así como doutros representantes dos concellos de Soutomaior, Poio e Vilaboa pechouse co pase dos últimos vídeos realizados dentro da campaña #RACHEMOS COA INDIFERENZA de concienciación social sobre a problemática da desigualdade entre homes e mulleres e a violencia sobre a muller.

 ( https://www.facebook.com/rachemoscoaindiferenzaGDR/videos/?ref=page_internal )

Ningún evento vindeiro!