Grazas a todas as persoas participantes nas actividades divulgativas da “Ruta dos viños oceánicos” da IXP Ribeiras do Morrazo. Os catro eventos temáticos, foron dedicados á gastronomía, viticultura e castes, ás rutas enoculturais e á Historia, Patrimonio e cultura do viño. Por eles pasaron persoas de diferentes ámbitos relacionados coa cultura do viño o ámbito da gastronomía, periodismo, enoloxía, bioloxía, economía, historia, antropoloxía etc. Dende finais de outubro ata finais de novembro, o numeroso público asistente puido desfrutar de faladoiros temáticos, da música de raíz, relacionada co tema do coloquio e interpretada por Xabier Blanco e das catas comentadas por Txema Ureta para probar e coñecer mellor os viños de Ribeiras do Morrazo.
Lembremos que A “Ruta dos Viños Oceánicos” é un itinerario enoturístico e cultural da IXP Ribeiras do Morrazo, que ten como fío condutor a cultura do viño na Península do Morrazo e nas marxes atlánticas de Pontevedra, Redondela e Poio.
Exposición da Ruta dos viños oceánicos
Logo das xornadas divulgativas, a exposición da ruta da IXP ribeiras do Morrazo, continuará aberta na sede do GDR. Ademais poderase ver a Bitácora audiovisual da “RUTA DOS VIÑOS OCEÁNICOS”. Trátase de 14 pezas audiovisuais para darlle voz aos legatarios do patrimonio, aos viticultores e a todos aqueles que posúen coñecementos, experiencias e vivenciais vencelladas á cultura do viño nas súas múltiples dimensións humanas, históricas, artísticas e culturais.
A Exposición e a Bitácora da “Ruta dos Viños Oceánicos” pódense visitar e ver na sede do GDR Pontevedra Morrazo, en Os Campos, 19 de Pontevedra de luns a venres en horario de mañá e as tardes do martes e xoves