Publicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, que ten como finalidade a recuperación das terras agrarias de Galicia para uso agrícola, gandeiro e forestal. A lei recolle o marco xeral para a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos e o fomento da súa recuperación. O fin que se persegue é poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións existentes que a precisan. Ademais, a lei promove a continuidade das explotacións e a boa xestión das terras que as conforman. Todo isto fará posible anticiparse aos lumes forestais, traballar pola recuperación demográfica e polo asentamento no rural e mellorar a calidade de vida da poboación. Por outra banda, esta normativa ordenará o uso das terras de carácter agroforestal. Realizarase a través da posta en marcha dun Mapa de usos agroforestais, que reflectirá o emprego das terras agroforestais e servirá de base para planificar as actuacións das administracións públicas na materia. En relación coa identificación e coa ordenación de usos, tamén prevé a creación dun Catálogo de solos agropecuarios e forestais, que tratará de facer unha planificación integral contemplando os usos agrícolas, gandeiros e forestais.
No hay próximos eventos!