O 2º proxecto de cooperación das IXP de viño de Galicia culmina coa creación e posta en marcha da asociación dos operadores das IXP, coa elaboración de estudos preeliminares para mellorar a base territorial das explotacións e apostando polo enoturismo.

A asociación nace dentro do proxecto de cooperación “Desenvolvemento e dinamización das IXP de Viño de Galicia” . Trátase dunha iniciativa impulsada polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR 15 Pontevedra Morrazo, GDR 03 Montes e Vales Orientais, GDR 11 Comarca de Ourense, GDR 17 Salnés, Ulla, Umia GDR 18 Deloa, GDR 23 Mariñas Betanzos) e financiada polo FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural), no marco do programa LEADER, actuando o GDR Pontevedra Morrazo como grupo Coordinador.

Entre os obxectivos do proxecto contemplase o impulso ao asociacionismo e cooperación entre os diferentes operadores das IXP de viños de Galicia para crear estruturas permanentes de colaboración.

Como colofón deste proceso, este luns 27, na Sede de Agacal, tivo lugar o acto de constitución da Asociación de IXP de Viños de Galicia, coa sinatura da acta fundacional e a elección da Xunta Directiva e coa participación das 17 adegas pertencentes ás diferentes IXP: IXP Ribeiras do Morrazo, IXP Barbanza Iria, IXP Betanzos, IXP Val do Miño-Ourense, IXP Terras de Navia.

Coa constitución da Asociación mellórase a gobernanza e colaboración entre operadores, reforzando o posicionamento e mellorando a información e promoción das adegas das IXP e dos seus viños.

A aposta pola colaboración entre ás adegas das IXP supón, entre outras as seguintes vantaxes:

  • Unha solución conxunta e máis rendible para afrontar as problemáticas comúns do sector.
  • A promoción conxunta implica unha maior oferta de produto, máis solvente e diversificada, o que optimiza a comercialización. Tamén supón ter maior capacidade para enfrontarse ao mercado e para asistir a feiras ou eventos.
  • Increméntanse as posibilidades de acceso ao financiamento público, principalmente no relacionado coa calidade alimentaria.
  • Aumentan as posibilidades de compartir servizos comúns de carácter técnico, de asesoramento, esixencias normativas,... pero tamén recursos.
  • Cooperar é necesario para facer a xestión e uso compartido da plataforma común de promoción: https://viños.ixp.gal/es, creada a través do proxecto de cooperación. Isto implicará unha maior difusión e comunicación de todas as IXP e de cada unha das adegas.
  • Por último, cooperar tamén permitirá a posibilidade de compartir provedores comúns: botellas, cortizas, portaenxertos, fitosanitarios, produtos de limpeza etc.

Este luns, 27 de novembro, ás 11 horas celebrouse na sede de AGACAL (Santiago de Compostela) a constitución da asociación das IXP de viño de Galicia. Á cita acudiron representantes das 17 adegas que forman parte das cinco IXP de Galicia. Tras aprobar os estatutos da asociación, designáronse aos titulares da xunta directiva:

  • Presidente/a: María Teresa Maestre Manteca
  • Secretario/a: Luís Sande Lamas
  • Vicepresidente/a: Manuel Cancio López
  • Tesoureiro/a: José Manuel Bandín Castiñeiras
  • Vogal: Enrique Fernández-Perán Martínez Cubells.

 

OUTROS RESULTADOS DO PROXECTO DE COOPERACIÓN

O proxecto de desenvolvemento e dinamización das IXP de viños de Galicia, ten tamén como finalidade impulsar a viticultura nas IXP de Galicia desenvolvendo a base territorial das explotacións vitícolas, promocionando os seus viños e adegas e desenvolvendo o enoturismo.

Por iso outra das accións realizadas para lograr os obxectivos deste proxecto, e a elaboración de estudos preliminares para desenvolver polígonos agroforestais nas IXP de viños de Galicia (mínimo de 10 ha. en cada polígono de cada IXP), que permitan a posible ampliación da superficie cultivada.

Tamén foron creados e deseñados cinco itinerarios enoturísticos. Trátase de cinco itinerarios circulares, un por zona, a partir da identificación de recursos do territorio xeoreferenciados (adegas, espazos ou recursos de interese vitícola ou enolóxico, elementos patrimoniais, etc.) Inclúense tamén un folleto enoturístico por cada IXP

Ademais durante o mes de outubro celebráronse catro xornadas divulgativas de viños das IXP de Galicia en catro cidades galegas (Lugo, Ourense, Vigo e A Coruña) que reuniron a máis de 700 persoas.

En cada xornada púidose coñecer unha mostra/exposición de todos os viños que comercializan as IXP de Galicia. Pola mañá, impartiuse unha masterclass de formación e divulgación sobre a viticultura e os viños das IXP de Galicia da man de Alejandro e Luis Paadín, e pola tarde, con Martiño Santos, realizáronse catas comentadas de viño dirixidas a prescritores, canle Horeca e público xeral.

Publicado en novas
Xoves, 16 Decembro 2021 17:42

I Mostra de Calidade Alimentaria

O Pazo de Quián, situado no lugar de Sergude, no concello de Boqueixón, acolleu este mércores a inaguración da I Mostra de Calidade Alimentaria organizada pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) para poñer en valor as producións galegas de calidade diferenciada.

Neste marco presentouse a nova campaña institucional do Goberno galego para promocionar a excelencia alimentaria galega, xunto ao Marketplace oficial no que os produtores poderán vender estas producións, establecendo contacto eles mesmos co consumidor.

Ao acto ao que asistiu o GDR Pontevedra Morrazo, contou coa presenza de diferentes adegas das IXP de viño de Galicia comprometidas co desenvolvemento da viticultura dos seus territorios.

Publicado en novas