Proxecto de ampliación e modernización dunha empresa, actualmente adicada á comercialización de motores eléctricos, cara a propia fabricación e montaxe industrial de reductores sinfín-corona de velocidade no polígono de “A Reigosa” no municipio de Ponte Caldelas. Esta iniciativa inclúe unha produción personalizada e adaptada ás necesidades de cada cliente, cun selo europeo e a completa supervisión do control de calidade dos seus produtos.

O proxecto contempla a construción dunha nave industrial de 1.427,70m2 construídos que albergará unha zona de fabricación/montaxe/embalaxe con sala de compresor, unha zona para depósito de mercancías incombustibles, unha zona para circulación de carga/descarga e as oficinas administrativas distribuídas en dúas plantas; así como a maquinaria e equipamento necesarios.

Con esta iniciativa o promotor amplía o seu negocio e mellora a súa competitividade cunha produción personalizada e adaptada ás necesidades de cada cliente, cun selo europeo e coa completa supervisión e control de calidade dos seus produtos.

O Concello de Ponte Caldelas proxecta a posta en marcha dunha aula de novas tecnoloxías na Casa de Cultura de Ponte Caldelas que permita o acceso dos veciños á sociedade da información con conexión de balde a internet como recurso para cursos de formación, alfabetización informática nas novas tecnoloxías, consultas e trámites dixitais, desenvolvemento cultural,etc nun centro de uso comunitario e público.

O proxecto ten por obxectivo facilitar o uso das novas tecnoloxías, permitindo o desenvolvemento da sociedade da información e as relacións dixitais, utilizando as TICs como medio de inclusión social promovendo que todos os cidadáns poidan navegar gratuitamente a través do equipamento adquirido.

Proxecto de revalorización e potenciación dos principais elementos do patrimonio arqueolóxico do Concello de Moaña (parroquias de Domaio, Meira e Tirán).

As actuacións previstas contribúen a: recuperar elementos histórico-arqueolóxicos; concienciar á poboación do municipio e ós seus visitantes sobre a importancia dos devanditos elementos e a súa conservación; favorecer o coñecemento e divulgación dos elementos; potenciar os recursos turísticos do concello; dinamizar no eido social, cultural e económico o concello; favorecer o establecemento de servizos educativos, culturais, recreativos e ambientais, asociados á valorización do patrimonio cultural e natural; fomentar actividades turísticas, como o establecemento de novos itinerarios; dotar de materiais interpretativos de alto valor educativo ó concello; introducir as novas tecnoloxías na promoción de elementos históricos, naturais, culturais e patrimoniais, como un eixo de innovación e modernización social.

Polo tanto, as actuacións terán un efecto medioambiental, educativo e cultural positivo, revalorizando o patrimonio arqueolóxico e cultural do entorno e potenciando o turismo a través da divulgación de contidos interpretativos mediante os medios convencionais e dixitais co uso das novas tecnoloxías.

Ademais, existe un acordo de colaboración entre o Concello de Moaña e as CMVMC de Domaio e Meira para o desenvolvemento do proxecto.

 

O Concello de Cerdedo-Cotobade proxecta a posta en marcha dunha rede propia de Internet mediante tecnoloxía WIMAX baseada en radioenlaces de banda libre coa creación de 3 puntos operativos de acceso veciñal á sociedade da información no municipio con conexión de balde que permita dar servizo e cobertura a espazos e locais sociais de uso comunitario e público como son a Casa do pobo de Borela, a Casa do pobo de Augusantas e o Local social da banda de música de Tenorio.

Ten por obxectivo ofrecer servizo de internet de calidade e o uso das novas tecnoloxías ó mundo rural; e será unha ferramenta máis para revitalizar as zonas rurais de Cerdedo-Cotobade, xa que este sistema permite o desenvolvemento da sociedade da información utilizando as TICs como medio de inclusión social e relacións dixitais promovendo que os cidadáns poidan navegar libremente.

Proxecto de carácter non produtivo promovido pola CMVMC de Salcedo en Pontevedra coa finalidade de crear un parque etnoarqueolóxico ó aire libre en Salcedo que permita a recuperación dun espazo natural e a posta en valor dos restos de arte rupestre prehistóricos achados na contorna do Outeiro das Mouras, etc. como elemento dinamizador turístico e cultural da zona.

O conxunto construído contempla a reprodución dun asentamento neolítico/calcolítico de 3.146,45m2 delimitado por unha empalizada de madeira, que contará con varias réplicas de edificacións históricas e estruturas de almacenamento e cerdados para os animais (1 cabana comunal, 3 cabanas, 2 canastros, espazo comunal do lume, currais, foxos de almacenaxe e estanque); que servirán de espazos multifuncionais adicados á arqueoloxía experimental con actividades didácticas sobre a prehistoria, a antropoloxía e a educación medioambiental.

Proxecto dunha empresa comercializadora ó por maior de flores e plantas ubicada en Campañó, que mellorará a súa produtividade reducindo os custos variables relativos ó consumo en enerxía eléctrica mediante unha instalación fotovoltaica de autoconsumo que lle permitirá acadar un aforro enerxético estimado do 54.05%

A central fotovoltaica habilitarase nas cubertas do inmoble ocupando unha superficie de 332 m2, e estará dotada de 85 módulos fotovoltaicos de 320Wp por unidade, que proporcionarán unha potencia nominal ó parque de 27.2kW. E segundo os datos reflectidos no proxecto técnico, a enerxía estimada que xerará a nova instalación solar fotovoltaica será aproximadamente de 37.011 kWh anuais (equivalencia en CO2 de 0.34 tCO2/MWh final e en petróleo de 0.086 tep/MWh final); contribuíndo á produción enerxética limpa, ó uso de fontes renovables e ó desenvolvemento medioambiental sostible.

Proxecto de creación dunha empresa de servizos de educación ambiental e de ocio, mediante a construción/instalación dunha pequena edificación tradicional cuns 50.53 m2 en armonía coa paixase natural, nunha finca de solo rústico de 2.015 m2 no lugar de Paredes na parroquia de Vilaboa.

Os servizos ofertados están dirixidos a promover e dar a coñecer o patrimonio histórico e natural das “Salinas do Ulló” (Rede Natura) e de todo o entorno natural, para fomentar a educación medioambiental e o turismo a través de obradoiros didácticos, charlas divulgativas, rutas de sendeirismo e visitas guiadas entre colexios/grupos de escolares, asociacións, visitantes, veciños e público en xeral.

Proxecto de ampliación dun obradoiro artesanal de pastelería ubicado na parroquia de Rebordelo no Concello de Cerdedo-Cotobade para aumentar a súa capacidade e produtividade, permitindo a elaboración de produtos con características específicas como os pans especiais (espelta, chía, cenoria, cabaza, etc), os bolos integrais e produtos para diabéticos.

A empresa amplía as súas instalacións e equipamento cun novo espazo para a preparación e conservación dos seus produtos. O obradoiro manterá na pranta baixa do inmoble os procesos de amasado e forneado; e adecuará a pranta alta (42.05 m2 útiles) para albergar os procesos de división e boleado, formado, fermentación e repouso do produto, ademais de dispoñer dunha mesa de traballo, unha laminadora de mesa, a maquinaria para conservar os produtos elaborados (conxelador e ultraconxelador) e un lavabo.

Proxecto de ampliación dun serradoiro de pedra ubicado no polígono industrial de Racelo no municipio de A Lama, que lle permitirá incrementar en máis dun 25% a capacidade produtiva da empresa mediante a instalación dunha ponte grúa tipo pórtico que lle permitirá ampliar a zona de acopio e subministro de bloques garantindo o stock de materia prima cunha produción continua, o manexo de pedras de maior volume e superficie con optimización nos despeces e redución de tempos de retirada de sobrantes, e o serrado en horario nocturno duplicando a produción na fase de corte; ademais da instalación de paneis fotovoltaicos que proporcionen un aforro enerxético das instalacións e do propio funcionamento do pórtico grúa.

O Concello de Pontevedra proxecta a rehabilitación e acondicionamento integral dun inmoble municipal no lugar de Os Campos-Mourente, para destinalo a actividades de desenvolvemento rural e como centro cívico e social onde poder realizar actividades e prestar servizos ós colectivos veciñais e culturais, e fomentar a participación cidadá e comunitaria das asociacións municipais. Tamén albergará a sede e oficina técnica do GDR Pontevedra-Morrazo onde desenvolver o traballo administrativo de dinamización e desenvolvemento rural, e acoller reunións e eventos de carácter institucional do grupo.

A edificación de dúas plantas será destinada a uso público para albergar todo tipo de actividades, por iso contará na parte baixa de 233,45m2 coa creación dun vestíbulo e un gran espazo para sala de exposición e uso múltiples, xunto con zona de almacén, aseos, cuartos de limpeza, etc; e na segunda planta de 239,65m2 instalarase unha zona de administración en concepto aberto apta para 3-4 traballadores con zona de arquivos, un despacho, unha sala de xuntas con capacidade para 35 persoas e outras dependencias para acoller as oficinas do GDR.

Ademais, o inmoble proxectado que se destinará a equipamento de carácter social, garante a accesibilidade de tódolos cidadáns e estará dotado de solucións de aforro enerxético.