O prazo de presentación das solicitudes de axuda para a primeira proposta anual de selección de proxectos da anualidade 2019/20 rematará o 31 de marzo de 2019.

De acordo coa Lei 39/2015 do procedemento administrativo, ao ser este un día inhábil, a data de fin de prazo enténdese prorrogada ao día hábil seguinte, neste caso, o luns 01 de abril de 2019.

Así mesmo, lembramos que o prazo máximo para as persoas (físicas ou xurídicas) que presenten as solicitudes a través da sede electrónica (https://sede.xunta.gal) rematará o 1 de abril ás 23:59 minutos e 59 segundos. Nos concellos nos que o día 01 de abril de 2019 sexa festivo local e teñan a presentación electrónica rematará o día 02 de abril ás 23:59 minutos e 59 segundos.

As solicitudes que consten rexistradas en SEDE ás 00:00 horas ou posterior non son admisibles por estar presentadas fóra de prazo.

En relación ás solicitudes presentadas de xeito presencial polas persoas físicas (non obrigadas á presentación electrónica) na sede do GDR o prazo rematará o 1 de abril ás 14.00 h. (se é nun rexistro público: ás 14.00 h. e se se presentara nunha oficina de correos á hora de peche desa oficina).

Nota: No hipotético caso de que o sistema informático da SEDE electrónica falle o último día de presentación de solicitudes e persoas xurídicas obrigadas á presentación electrónica decidan presentar a solicitude en papel no rexistro do GDR, unicamente se considerarán válidas esas solicitudes nos supostos nos que resulte acreditado o fallo do sistema informático (apertura dun número de incidencia no teléfono 012, por exemplo).

Máis información: 

http://www.gdrpontevedramorrazo.eu/web/axudas/formularios

Publicado en novas

O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitaron xunto co alcalde de Soutomaior e o xerente do GDR Pontevedra-Morrazo a nova sede da empresa FrutoDS.

Este proxecto, consistente na ampliación e modernización dun estudo de deseño de produto e industrial no lugar de Pedreira no municipio de Soutomaior, contou con 108.944,39 € de axuda Leader xestionada a través do GDR Pontevedra-Morrazo. As novas instalacións, que moveron un orzamento de 262.516,60 €, albergan unha oficina técnica e novas áreas como un laboratorio de I+D+I e un amplo espazo de obradoiro de 81.2m2, que xunto coas impresoras 3D e equipamento específico, lles permite: a produción de pezas a través da tecnoloxía 3D para o prototipado dos produtos, a montaxe dos prototipos deseñados, a realización das probas “in situ” e almacenaxe, mellorando a produtividade, e acadando unha maior eficiencia e calidade no proceso produtivo.

O director xeral de Agader destacou a necesidade de dotar ao rural galego dos mesmos servizos cos cidadáns poden ter nas urbes para mellorar a calidade de vida da poboación e a importancia deste tipo de proxectos para dinamizar o rural, facelo atractivo e ademais xerar unha actividade económica. Así mesmo, aproveitou a ocasión para recordar que está aberto o prazo para a presentación de solicitudes para a nova convocatoria de axudas Leader. Así, os interesados en optar a unha subvención poden enviar os seus proxectos ata o 31 de marzo ao GDR.

Publicado en novas

A Xunta Directiva do GDR Pontevedra Morrazo ven de aprobar os proxectos da convocatoria 2018/19 de axudas europeas Leader por importe de 698.265,12 euros de axuda pública e 1.842.306,28 euros de investimento total para as comarcas de Pontevedra e O Morrazo.

De entre as solicitudes presentadas ata 31 de maio de 2018, a Xunta Directiva aprobou 21 proxectos que se subvencionarán na anualidade 2018/19 e contribuirán a creación e consolidación de 59,95 empregos (UTAS) dos cales 10,81 empregos serán de nova creación.

Publicado en novas

O Centro cívico do concello de Barro albergou a primeira dun novo ciclo de xornadas informativas que o GDR vai desenvolver polos 13 concellos das comarcas de Pontevedra e O Morrazo, con motivo da convocatoria de axudas da medida LEADER Galicia 2014-2020, anualidades 2018/19.

Estas Charlas, abertas ao público en xeral, teñen como principal obxectivo dinamizar e achegar a información das axudas aos potenciais beneficiarios; asociacións, comunidades de montes, PEMES, emprendedores e promotores en xeral.

Nas xornadas informase das liñas de actuación e tipoloxía de proxectos susceptibles de seren subvencionados, así como dos requisitos, procedementos, baremo etc. que haberá que cumprir para optar con éxito ás axudas do Leader Pontevedra Morrazo.

Publicado en novas