Martes, 14 Xuño 2022 12:28

O Leader cumpre 30 anos

Onte celebramos en Cenlle (Ourense) o 30 aniversario da medida Leader en Galicia.

Dende  a súa posta en marcha na Unión Europea no ano 1991, baixo esta metodoloxía promovéronse no rural galego a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, máis de 7.300 proxectos que mobilizaron máis de 930 millóns de euros, creando máis de 5.000 novos empregos e consolidando cerca de 6.000.

O  LEADER, polo tanto, foise consolidando como unha ferramenta eficaz, que cos seus erros e acertos, conseguiu superar con éxito os obxectivos, expectativas e previsións iniciais.

Publicado en novas

O centro de día da parroquia de Sobral, concello de Soutomaior, que contou cunha axuda do programa Leader de máis de 134.000 euros, recibiu onte a visita da Directora Xeral de AGADER, Inés Santé, do presidente do GDR Pontevedra Morrazo, Miguel A. Fernández Lores, do alcalde de Soutomaior, do Subdirector de AGADER e do director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón . Alí, Inés Santé destacou que a achega xestionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, previa selección do GDR Pontevedra-Morrazo, supuxo cubrir o 45% do investimento destas instalacións para 48 prazas, cunha superficie útil construída de máis de 230 m², emprazadas na parroquia de Sobral, en Soutomaior, co obxecto de atender persoas maiores con necesidade de coidados.

En concreto, proporciónaselles aos usuarios os servizos básicos de atencións na vida diaria, sociais, sanitarios e de apoio encamiñados a facilitar a súa autonomía, aseo e hixiene persoal, así como acompañamento médico ou hospitalario. Tamén servizos de terapia fisioterapéutica, transporte, comedor, perruquería, logopedia ou actividades complementarias como obradoiros con música, animais etc.

O presidente do GDR, Miguel A. Fernández Lores, salientou a importancia que teñen estes investimentos para o rural, no que por exemplo o GDR Pontevedra Morrazo, ten aprobado, nos dous últimos períodos LEADER, axudas para financiar 6 Centros de Día dos concellos de Cangas, Moaña, Poio e Soutomaior, cun investimento total de máis dun millón de euros e unha axuda de fondos públicos de máis de 500.000 euros.

A nova convocatoria

O presidente do GDR puxo tamén en valor o papel dos GDR como axentes dinamizadores do rural e salientou a necesidade de dotar de máis fondos o novo período de axudas LEADER 2023_27 para que as actuacións dos GDR teñan o impacto necesario para contribuír á fixación de poboación no rural á diversificación da economía etc.

A directora xeral, pola súa banda, anunciou que a Xunta investirá 840.000€ para axudar aos grupos de desenvolvemento rural a deseñar novas estratexias participativas de dinamización no marco do programa LEADER.

A orde de axudas, está orientada á selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras na medida LEADER de Galicia para o período 2023-2027, á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo para dito período de programación.

Publicado en novas

Este novo centro de AFAMO situado na parroquia de Tirán, dispón de 26 prazas, e esta orientado ás persoas maiores de 65 anos, cun deterioro cognitivo moi leve ou sen unha demencia diagnosticada, da comarca do Morrazo.

Ao acto de inauguración asistiron entre outros o Subdirector da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Moisés Blanco Paradelo, o presidente do GDR Pontevedra Morrazo e alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, a Alcaldesa de Moaña Leticia Santos Paz, a deputada provincial de cohesión social Olga M. García Ballesteros e a presidenta de AFAMO Josefa Cancelas Pérez así como representantes da xunta directiva e familiares de persoas usuarias.

O obxectivo do proxecto é, ofrecer servizos de atención e asistencia diúrna a persoas maiores con necesidades de coidados; en especial, os servizos básicos de manutención, coidado persoal, aseo e hixiene, control e mantemento da saúde, asistencia nas actividades básicas da vida diaria (ABVD); ademais dos servizos terapéuticos (programa de intervención terapéutica á persoa usuaria, programa de asesoramento ás familias, programa de apoio psicolóxico e programa das formación) e os servizos complementarios (catering, transporte, etc.).

O proxecto, supuxo un investimento de 146.148 € e contou cunha axuda pública de 100.476,92 € (68,75 %) de fondos Leader 2014_2020, xestionados a través do GDR Pontevedra Morrazo e cofinanciados polo FEADER (75%), AGADER (22,5%)  e polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (2,5%).

O acto rematou coa interpretación musical de Xabier Blanco de diferentes pezas do novo proxecto im.RAÍZ.

Publicado en novas

As resolucións para os proxectos da convocatoria 2021/22 do GDR Pontevedra Morrazo, de axudas europeas Leader 2014-2020, que deberán ser emitidas por AGADER, supoñen un investimento total de 1.728.996,49 euros e unha axuda pública de 582.050,46 euros.

O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo ven de aprobar os proxectos da convocatoria 2021/22 da medida LEADER do PDR de Galicia 2014-2020. De entre as solicitudes presentadas ata 03 de xuño de 2021, aprobáronse 10 proxectos que se subvencionarán na anualidade 2021/22 (submedida 19.2), ordenados en función da puntuación acadada do baremo e ata o límite máximo do crédito dispoñible para cada tipoloxía, así como unha lista de agarda formada por aqueles proxectos que contando cos informes favorables, non dispoñen de crédito na anualidade.

O investimento total comprometido nos diferentes proxectos subvencionados ascende a 1.728.996,49 euros, e contribuirán a creación e consolidación de 59,05 empregos (UTAS) dos cales 14,35 empregos serán de nova creación. A proposta de axuda pública total concedida de 582.050,46 euros será cofinanciada con fondos do FEADER (75%), AGADER (22,5%)  e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (2,5%).

Publicado en novas
A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé Riveira, o Subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural, Moisés Blanco Paradelo e o Subdirector de Planificación e Dinamización do Medio Rural, Alfredo Fernández Ríos visitaron xunto con representantes do concello de Bueu e o xerente do GDR Pontevedra-Morrazo o proxecto de ampliación dun Centro psicopedagóxico en Bueu subvencionado a través do Leader. Este proxecto, que moveu un orzamento de 47.931,41 € e contou cunha axuda de 16.536,34 € xestionada a través do GDR Pontevedra-Morrazo, permitiu levar a cabo o acondicionamento e equipamento do local, ademais do deseño dunha páxina web. Estas novas instalacións facilitan a prestación de máis servizos dentro dos campos da psicoloxía infanto-xuvenil, de adultos, logopedia e reforzo socioeduativo, contando a promotora coa colaboración de logopedas, psicólogos e graduadas en maxisterio con mención en audición e linguaxe e pedagoxía terapéutica para ofrecer un servizo multidisciplinar a poboación da zona.
Publicado en novas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS 2021/22 para a execución de proxectos da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Trátase das achegas ás que pode optar calquera persoa ou entidade a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural do territorio galego para desenvolver proxectos que dinamicen as súas contornas, ben sexan de carácter produtivo ou non. Nesta ocasión, establécese o prazo dun mes para a admisión de solicitudes de axuda, contado desde o día seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.. As solicitudes de axuda para proxectos dos concellos das comarcas de Pontevedra e O Morrazo, dirixiranse ao GDR Pontevedra Morrazo e presentaranse a través da Sede Eléctronica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), no formulario e coa documentación prevista nas bases reguladoras desta convocatoria. Serán subvencionables proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica con fins lucrativos e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Publicado en novas

As resolucións para os proxectos da convocatoria 2020/21 do GDR Pontevedra Morrazo, de axudas europeas Leader 2014-2020, supoñen un investimento total de 426.196,54 euros e unha axuda pública de 184.725,22 euros.

O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo ven de aprobar os proxectos da convocatoria 2020/21 da medida LEADER do PDR de Galicia 2014-2020. De entre as solicitudes presentadas ata 31 de xaneiro de 2020, aprobáronse 11 proxectos que se subvencionarán na anualidade 2020/21 (submedida 19.2), ordenados en función da puntuación acadada do baremo e ata o límite máximo do crédito dispoñible para cada tipoloxía.

O investimento total comprometido nos diferentes proxectos subvencionados ascende a  426.196,54 euros,  e contribuirán a creación e consolidación de 12,23 empregos (UTAS) dos cales 4,25 empregos serán de nova creación. A proposta de axuda pública total concedida  foi de 184.725,22 euros.

Publicado en novas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a  NOVA CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS 2020/21 para a execución de proxectos da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Trátase das achegas ás que pode optar calquera persoa ou entidade a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural do territorio galego para desenvolver proxectos que dinamicen as súas contornas, ben sexan de carácter produtivo ou non.

Nesta ocasión, CONCORRERÁN A ESTA CONVOCATORIA AQUELAS SOLICITUDES PRESENTADAS ATA O 31 DE XANEIRO DE 2020. As solicitudes de axuda para proxectos dos concellos das comarcas de Pontevedra e O Morrazo, dirixiranse ao GDR  Pontevedra Morrazo e presentaranse a través da Sede Eléctronica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), no formulario e coa documentación prevista nas bases reguladoras desta convocatoria.

Serán subvencionables proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica con fins lucrativos e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.  

Publicado en novas
Venres, 13 Setembro 2019 07:00

II Encontro Leader Galicia 2019

Un ano máis o GDR Pontevedra-Morrazo participou no II Encontro Leader Galicia que tivo lugar na Estrada adicado ao turismo como dinamizador do rural. O evento organizado pola AGADER e a  Asociación de GDR de Galicia contou, entre outros, coa presenza do conselleiro de Medio Rural, José González, e coa do director de Agader, Miguel Pérez Dubois. O acto celebrouse nunha carpa aberta na Praza do Concello onde os 24 GDR expuxeron vídeos e imaxes de cada territorio e na que o GDR Pontevedra-Morrazo presentou o novo material promocional de Enoturismo da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo baixo o lema "A emoción de deixarse levar".

Ademais, entre outras actividades, tivo lugar a presentación da primeira edición dos premios Leader, unha degustación de produtos dos 24 territorios e a presentación de grandes fitos turísticos dos GDRs.

 

 

 

Publicado en novas

A Xunta Directiva do GDR Pontevedra Morrazo ven de aprobar os proxectos da convocatoria 2019 de axudas europeas  Leader 2014-2020 por importe de 1.961.421,87 euros de investimento total e 770.116,925 euros de axuda pública.  

O xoves 18 de xullo,  celebrouse no Pazo de Cultura de Pontevedra a reunión da Xunta Directiva do GDR Pontevedra  Morrazo coa finalidade de aprobar os proxectos da convocatoria 2019/20 da medida LEADER do PDR de Galicia 2014-2020,  que xestiona o Grupo de Desenvolvemento Rural  Pontevedra Morrazo.

De entre as solicitudes presentadas ata 01 de abril de 2019, a Xunta Directiva aprobou 11 proxectos que se subvencionarán na anualidade 2019/20 (submedida 19.2), ordenados en función da puntuación acadada do baremo e ata o límite máximo do crédito dispoñible para cada tipoloxía, así como unha lista de agarda formada por aqueles proxectos que contando cos informes favorables, non dispoñen de  crédito na anualidade.

O investimento total comprometido nos diferentes proxectos subvencionados ascende a 1.961.421,87 euros, e contribuirán a creación e consolidación de 54,93 empregos (UTAS) dos cales 14,5 empregos serán de nova creación. A proposta de axuda pública total concedida foi de 770.116,92 euros. 

Publicado en novas