Inauguración "A Ruta dos Viños Oceánicos": un novo produto enoturístico na IXP Ribeiras do Morrazo.

Este mércores 18 inaugurouse a exposición “A RUTA DOS VIÑOS OCEÁNICOS" nas instalacións do GDR Pontevedra Morrazo.

A “Ruta dos Viños Oceánicos” é un Itinerario enocultural da IXP Ribeiras do Morrazo, co fío condutor da cultura do viño na península do Morrazo e nas marxes atlánticas de Pontevedra, Redondela e Poio.
Un itinerario enoturístico baseado nunha realidade histórica, antropolóxica e económica que xira arredor da nosa tradición vitivinícola. Unha ruta inspirada nos principios definitorios marcados pola UNESCO para os Itinerarios Culturais e que une os diferentes concellos e comarcas cuxa arraigada tradición cultural tivo como protagonista os viños e as castes da IXP Ribeiras do Morrazo.

Ao acto de inauguración asistiron os alcaldes, alcaldesas e demais representantes dos concellos do territorio, as adegas da IXP e numerosas persoas ligadas ao mundo do viño e do turismo.

Na xornada ademais de dar a coñecer os valores da Ruta, púidose desfrutar da actuación musical de Xabier Blanco e dos viños de Ribeiras do Morrazo.

Próximas actividades

Entre o 27 de outubro e 24 de novembro celebraranse 4 eventos temáticos, cunha mesa redonda ou faladoiro, una peza musical relacionada co tema do coloquio e catas comentadas para probar e coñecer mellor os viños de Ribeiras do Morrazo.