O GDR Pontevedra Morrazo está a colaborar no Proxecto "A gastronomía fai camiño" solicitado pola Asociación de GDR de Galicia dentro do Programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

Os obxectivos do proxecto son:

-A elaboración dunha guía de pratos tradicionais e de producións locais e de tempada polas comarcas por onde transcorren os distintos Camiños de Santiago.

-A realización dunha degustación destas receitas convidando aos restaurantes dese Camiño coa finalidade de animar aos hostaleiros a ofertar un menú para as persoas que peregrinen e o turismo en xeral elaborado con producións locais, tradicionais e de tempada.

A través do proxecto A gastronomía fai camiño preténdese poñer en valor a gastronomía local e tamén dar a coñecer as tradicións asociadas aos produtos de cada zona.

Con tal motivo, o GDR Pontevedra Morrazo en colaboración coa Asociación de GDR de Galicia organizou este martes 8 de outubro un showcooking/degustación no Restaurante El Cafetín en Pontevedra con elaboración de tapas baseadas na gastronomía local e maridadas con viños da IXP Ribeiras do Morrazo.

A este acto estiveron convidados a participar os restaurantes así coma os Grupos de Desenvolvemento Rural do territorio por onde transcorre o Camiño Portugués.

Publicado en novas

O GDR Pontevedra-Morrazo organiza unhas xornadas formativas de axuda para elaboración dun “Plan de Responsabilidade Social Corporativa” dirixidas aos seus promotores. As datas previstas para a celebración das sesións teórico-prácticas son o luns 30 de setembro e o mércores 2 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra (seminario nº 8) en horario de 17:30-20:30 h.

Publicado en novas

O GDR Pontevedra-Morrazo ven de participar na 1ª reunión do grupo de traballo da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que ten como obxectivo deseñar unha estratexia común e coordinada para o sector vitivinícola galego, reforzando a súa relación co sector turístico e o aproveitamento dos recursos do territorio, actuando como elemento tractor e dinamizador dos espazos rurais. Ademais, búscase mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto, reforzar a súa imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios nos que se producen e mellorar a eficacia da promoción e comercialización en conxunto dos produtos turísticos vinculados ao sector vitivinícola galego.

Publicado en novas
Viernes, 13 Septiembre 2019 07:00

II Encontro Leader Galicia 2019

Un ano máis o GDR Pontevedra-Morrazo participou no II Encontro Leader Galicia que tivo lugar na Estrada adicado ao turismo como dinamizador do rural. O evento organizado pola AGADER e a  Asociación de GDR de Galicia contou, entre outros, coa presenza do conselleiro de Medio Rural, José González, e coa do director de Agader, Miguel Pérez Dubois. O acto celebrouse nunha carpa aberta na Praza do Concello onde os 24 GDR expuseron vídeos e imaxes de cada territorio e na que o GDR Pontevedra-Morrazo presentou o novo material promocional de Enoturismo da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo baixo o lema "A emoción de deixarse levar".

Ademais, entre outras actividades, tivo lugar a presentación da primeira edición dos premios Leader, unha degustación de produtos dos 24 territorios e a presentación de grandes fitos turísticos dos GDRs.

 

 

 

Publicado en novas

O GDR Pontevedra Morrazo promocionará a IXP Ribeiras do Morrazo no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU 2019) a través da difusión nas diferentes seccións do festival, do material audiovisual da marca así como das catas/degustacións dos actos de inauguración e clausura previstos.

O FICBUEU é unha cita cultural única, na que participarán máis de 15.000 persoas  que a longo de nove días ( do 6 ao 14 de setembro) poderán desfrutar dun total de 128 filmes e de 65 actividades programadas.

Máis info: https://www.ficbueu.com/

 

Publicado en novas

A Xunta Directiva do GDR Pontevedra Morrazo ven de aprobar os proxectos da convocatoria 2019 de axudas europeas  Leader 2014-2020 por importe de 1.961.421,87 euros de investimento total e 770.116,925 euros de axuda pública.  

O xoves 18 de xullo,  celebrouse no Pazo de Cultura de Pontevedra a reunión da Xunta Directiva do GDR Pontevedra  Morrazo coa finalidade de aprobar os proxectos da convocatoria 2019/20 da medida LEADER do PDR de Galicia 2014-2020,  que xestiona o Grupo de Desenvolvemento Rural  Pontevedra Morrazo.

De entre as solicitudes presentadas ata 01 de abril de 2019, a Xunta Directiva aprobou 11 proxectos que se subvencionarán na anualidade 2019/20 (submedida 19.2), ordenados en función da puntuación acadada do baremo e ata o límite máximo do crédito dispoñible para cada tipoloxía, así como unha lista de agarda formada por aqueles proxectos que contando cos informes favorables, non dispoñen de  crédito na anualidade.

O investimento total comprometido nos diferentes proxectos subvencionados ascende a 1.961.421,87 euros, e contribuirán a creación e consolidación de 54,93 empregos (UTAS) dos cales 14,5 empregos serán de nova creación. A proposta de axuda pública total concedida foi de 770.116,92 euros. 

Publicado en novas

Visita de estudo dos participantes no curso "Horticultura ecolóxica", comprendido dentro do programa formativo "Xestión agroforestal sustentable (2019)" que o GDR está a desenvolver, ás explotacións agrícolas ecolóxicas de Lourdes Enes en Covelo e de Antonia Pereira en Alxén (Salvaterra de Miño) para coñecer de primeira man o seu labor neste ámbito.

Agradecer a ambas a súa colaboración e a boa atención dispensada.

Publicado en novas

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle dende este mércores o primeiro curso do programa formativo Xestión Agroforestal Sustentable 2019 dedicado a horticultura ecolóxica que organiza o GDR Pontevedra Morrazo e que se desenvolverá ao longo do mes de maio e xuño.

Tralo éxito do ano anterior, a nova proposta formativa do GDR que conta con máis de 30 inscritos abordará ao longo das 54 horas lectivas do programa os fundamentos da horticultura e gandería ecolóxica, a xestión sustentable do monte e producións alternativas así como un curso transversal dedicado á comercialización, responsabilidade social e innovación dentro do sector ecolóxico.

Os cursos contemplados do programa formativo, que son totalmente gratuítos para os seus participantes, inclúen visitas temáticas de traballo, e serán impartidos e dirixidos por persoal técnico, con coñecemento específico da materia e experiencia en labores formativas e de traballo en grupo.

Lembremos que esta acción formativa xurde no marco da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020 do GDR Pontevedra Morrazo para desenvolver no territorio reforzando e mellorando as prácticas sostibles dos sectores agrogandeiro e forestal.

O programa ten polo tanto, unha dobre finalidade:

  • Mellorar as prácticas sostibles dos sectores agrogandeiro e forestal para potencialo como alternativa emerxente de emprego e/ou emprendemento.
  • Reforzar e incrementar a profesionalización e capacitación da poboación activa nos ámbitos referidos, contribuíndo a mellorar as prácticas de traballo e impulsar os aproveitamentos.

Para isto, o programa formativo centrarase en:

  • Reforzar o papel das actividades agrarias, gandeiras e forestais, como eixe para a dinamización social e económica do territorio, isto é, a activación do capital social: implicar a iniciativas que xa están en marcha, procurar novos aproveitamentos, ou aproveitamentos alternativos aos actuais, etc.
  • Introducir criterios técnicos e aprendizaxes no conxunto de actividades que leven implícita esa xestión agroforestal sustentable.

Nesta edición de 2019, a proposta de contidos didácticos para cada unhas das accións formativas a desenvolver baixo a metodoloxía de “formación-acción” serán os seguintes:

  1. Horticultura ecolóxica () Abordaranse contidos de:
  • Introdución a xestión dunha explotación hortícola en ecolóxico
  • Requisitos xerais sobre a normativa de agricultura ecolóxica
  • Manexo do solo en cultivos ecolóxicos
  • Deseño do horto ecolóxico.
  • Rego e operación culturais agroecolóxicas para mellorar a eficiencia da auga e a conservación do solo
  • Operacións de cultivo
  • Fertilización
  • Bases para a elaboración de compost
  • Sementeiros: preparación de plantas para o horto.
  • Invernadoiros
  • Asociacións e rotacións de cultivos.
  • Pragas e enfermidades. Tratamento e control.
  1. Sistemas gandeiros ecolóxicos (9h.) Abordaranse contidos de:

Apicultura ecolóxica:

  • A produción apícola dende o punto de vista ecolóxico.
  • A abella e o apicultor. Colmeas.
  • Instalación do apiario. Transhumancia.
  • Os produtos. Extracción.
  • Manipulación de colmeas. Alimentación e multiplicación.
  • Pragas e enfermidades. A Velutina.

Ovino e caprino ecolóxico:

  • Instalacións, maquinaria e equipos na explotación.
  • Alimentación.
  • Manexo de praderías e cultivos forraxeiros
  • Manexo reprodutivo e bases da sanidade.

Porcino ecolóxico:

  • Instalacións, maquinaria e equipos.
  • Alimentación en ecolóxico.
  • Manexo reprodutivo e bases da sanidade en porcino ecolóxico.
  • Cría e cebo en porcino en ecolóxico.
  • Manexo de praderías e cultivos forraxeiros en porcino ecolóxico
  1. Xestión sustentable do monte e producións alternativas (12h.) Abordaranse contidos de:
  • Os sistemas agroforestais
  • Os sistemas agrícolas, forestais e agroforestais e a PAC
  • A xestión forestal: viveiros, silvicultura de coníferas e silvicultura de frondosas (castaño, carballo, nogueira,...)
  • Usos alternativos dos sistemas agroforestais
  • Prevención de sistemas agroforestais

O castiñeiro

  • Edafoloxía, ecoloxía e fisioloxía do castaño
  • A multiplicación do castaño. A poda
  • Fitopatoloxía do castaño. Prácticas culturais

Micoloxía como alternativa produtiva forestal

  • Xeneralidades. Ordenación taxonómica
  • Reprodución
  • Métodos de clasificación
  • Detalle de familias, xéneros e especies
  • Fungos comestibles e as súas parellas tóxicas
  1. Sector ecolóxico-Comercialización, Responsabilidade Social Corporativa e Innovación (6h.) Abordaranse contidos de:
  • Responsabilidade Social Corporativa e Innovación.
  • A importancia de vender: produto / marca / proxecto.
  • Fases da venda (mercado local, feiras,  grupos de consumo,..).
  • Plan de marketing.
  • Comunicar en 360º.
  • Creación e rexistro de marcas.
Publicado en novas

Os participantes no programa formativo "Profesionalización e desenvolvemento da viticultura na IXP Ribeiras do Morrazo (2019)", no marco de cooperación entre as IXP de viños de Galicia, tiveron ocasión de realizar unha visita de estudo á IXP Val do Miño.

Nesta xornada coñeceron a finca e adega de Terras Mancas, unha das poucas adegas que na actualidade elaboran viño baixo o selo da IXP Val do Miño. Os socios ensinaron o viñedo e as instalacións, e explicaron aos asistentes tanto o proceso de constitución do seu proxecto, como as súas dificultades, o presente e os proxectos de futuro.

Ademais, nesa mesma xornada, realizouse unha visita de estudo ao proxecto colaborativo: Solaina Minei. As Bouzas – Macendo  (Castrelo de Miño). Un proxecto colaborativo dos veciños do lugar de As Bouzas, situado na D.O. Ribeiro, que baixo a fórmula dunha SL, pero traballando conxuntamente, crearon no 2008 O Polígono Agrario da Asociación "As Bouzas", un proxecto de produción vitivinícola. Actualmente son 54 socios, todos eles viticultores ou fillos de viticultores, que antes de que as viñas quedasen ermas; xuntáronse para facer realidade o proxecto.

O obxecto social da SL foi redactado de xeito máis amplo que o vitivinícola sendo parte do mesmo a producción, transformación e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros e forestais, e atender a calquera fin ou servizo que sexa propio ou estea directamente relacionado con estas actividades, en particular, coa explotación da madeira.

Na actualidade xa empezaron a elaborar o seu propio viño baixo a marca “9 queipos”, aínda que a maior parte da uva é vendida a terceiros.

Representantes dos socios ensinaron o viñedo e as instalacións, e explicaron aos asistentes todo o camiño levado a cabo dende a súa constitución.

Agradecer a todos a atención dispensada, así como a súa colaboración na xornada explicando os elementos esenciais das súas iniciativas e a posterior visita guiada ás instalacións.

 

Publicado en novas

O venres 12 de abril, no marco do programa formativo Profesionalización e desenvolvemento da viticultura na IXP Ribeiras do Morrazo (2019) que este GDR está a desenvolver, celebrouse na Casa do pobo de Beluso, en Bueu, unha sesión formativa centrada no emprendemento cooperativo na que diversos poñentes falaron da creación de iniciativas empresariais vitivinícolas e na que se analizaron distintas fórmulas colaborativas de traballo organizativo e produtivo.

Na mesma contouse coa participación dos seguintes expertos na materia:

  • D. Higinio Mougán. Director Xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA).
  • D. Xosé Carballido Presas. Enxeñeiro Técnico Facultativo da Consellería do Medio Rural. Máster en viticultura e enoloxía.

Tamén se organizou unha mesa redonda na que participaron os seguintes relatores:

  • Dª Salomé Cancela. Presidenta da adega VIÑA MORAIMA SOCIEDADE COOP. GALEGA. 
  • D. Xavier Zas Director Xeral da adega CONDES DE ALBAREI
  • D. Antonio Méndez. Presidente Xerente Adega SEÑORÍO DE RUBIÓS
  • D. Antonio Nieves. Conselleiro Delegado da Sociedade SOLAINA MINEI

 

 

Publicado en novas