O GDR Pontevedra-Morrazo ven de participar na 1ª reunión do grupo de traballo da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que ten como obxectivo deseñar unha estratexia común e coordinada para o sector vitivinícola galego, reforzando a súa relación co sector turístico e o aproveitamento dos recursos do territorio, actuando como elemento tractor e dinamizador dos espazos rurais. Ademais, búscase mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto, reforzar a súa imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios nos que se producen e mellorar a eficacia da promoción e comercialización en conxunto dos produtos turísticos vinculados ao sector vitivinícola galego.

Un ano máis o GDR Pontevedra-Morrazo participou no II Encontro Leader Galicia que tivo lugar na Estrada adicado ao turismo como dinamizador do rural. O evento organizado pola AGADER e a  Asociación de GDR de Galicia contou, entre outros, coa presenza do conselleiro de Medio Rural, José González, e coa do director de Agader, Miguel Pérez Dubois. O acto celebrouse nunha carpa aberta na Praza do Concello onde os 24 GDR expuseron vídeos e imaxes de cada territorio e na que o GDR Pontevedra-Morrazo presentou o novo material promocional de Enoturismo da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo baixo o lema "A emoción de deixarse levar".

Ademais, entre outras actividades, tivo lugar a presentación da primeira edición dos premios Leader, unha degustación de produtos dos 24 territorios e a presentación de grandes fitos turísticos dos GDRs.

 

 

 

O GDR Pontevedra Morrazo promocionará a IXP Ribeiras do Morrazo no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU 2019) a través da difusión nas diferentes seccións do festival, do material audiovisual da marca así como das catas/degustacións dos actos de inauguración e clausura previstos.

O FICBUEU é unha cita cultural única, na que participarán máis de 15.000 persoas  que a longo de nove días ( do 6 ao 14 de setembro) poderán desfrutar dun total de 128 filmes e de 65 actividades programadas.

Máis info: https://www.ficbueu.com/

 

A Xunta Directiva do GDR Pontevedra Morrazo ven de aprobar os proxectos da convocatoria 2019 de axudas europeas  Leader 2014-2020 por importe de 1.961.421,87 euros de investimento total e 770.116,925 euros de axuda pública.  

O xoves 18 de xullo,  celebrouse no Pazo de Cultura de Pontevedra a reunión da Xunta Directiva do GDR Pontevedra  Morrazo coa finalidade de aprobar os proxectos da convocatoria 2019/20 da medida LEADER do PDR de Galicia 2014-2020,  que xestiona o Grupo de Desenvolvemento Rural  Pontevedra Morrazo.

De entre as solicitudes presentadas ata 01 de abril de 2019, a Xunta Directiva aprobou 11 proxectos que se subvencionarán na anualidade 2019/20 (submedida 19.2), ordenados en función da puntuación acadada do baremo e ata o límite máximo do crédito dispoñible para cada tipoloxía, así como unha lista de agarda formada por aqueles proxectos que contando cos informes favorables, non dispoñen de  crédito na anualidade.

O investimento total comprometido nos diferentes proxectos subvencionados ascende a 1.961.421,87 euros, e contribuirán a creación e consolidación de 54,93 empregos (UTAS) dos cales 14,5 empregos serán de nova creación. A proposta de axuda pública total concedida foi de 770.116,92 euros. 

Visita de estudo dos participantes no curso "Horticultura ecolóxica", comprendido dentro do programa formativo "Xestión agroforestal sustentable (2019)" que o GDR está a desenvolver, ás explotacións agrícolas ecolóxicas de Lourdes Enes en Covelo e de Antonia Pereira en Alxén (Salvaterra de Miño) para coñecer de primeira man o seu labor neste ámbito.

Agradecer a ambas a súa colaboración e a boa atención dispensada.