Proxecto de creación dunha explotación agrícola adicada á plantación de viñedo co sistema de emparrado (4.300m2) no ámbito territorial de Indicación Xeográfica Protexida “Ribeiras do Morrazo” e á plantación complementaria de cultivo de oliveiras en intensivo (952m2) no lugar de Bordel na parroquia de Verducido.

Proxecto de creación dun centro de xardinaría na parroquia de Caritel (Ponte Caldelas), mediante a construción/instalación dunha edificación de 275.35m2 nunha parcela de 3.377,88m2 que conta cunha zona destinada a venda de flores (atención ó público, mostrador, oficina, aseos) e con outra estancia habilitada para exposición de 218.73m2 (zona de prantas, zona de frutais, de abonos e fitosanitarios, de macetas, de maquinaria, etc)

Os servizos ofertados do establecemento están enfocados á venda de todo tipo de prantas: ornamentais de exterior e interior, aromáticas, culinarias, de horticultura, sementes, bulvos, etc; ademais de ferramentas específicas para traballos en xardíns e hortas, adornos e complementos para o cultivo.

Proxecto de creación dunha granxa escola no lugar de Riomouro Pequeño en Poio nunha parcela en solo rústico de 4.093 m2, mediante a construción de dúas edificacións de carácter tradicional e vencelladas entre sí para albergar nuns 680.55 m2 tódalas estancias demandadas, e que xunto con outras auxiliares, invernadoiro, etc conformará un conxunto adicado a actividades didácticas, educativas e de lecer recuperando labouras tradicionais no medio rural, etc.

O promotor prestará os servizos de estadías/campamento en época estival en harmonía co entorno, complementado con obradoiros e visitas guiadas de colexios e entidades varias fomentando o contacto cos animais, coa horta, co medioambiente, etc.

Na primeira edificación (442.19 m2 útiles) de carácter residencial, a planta baixa cuns 221.23 m2 destinarase a espazos comúns cunha sala polivalente con diferentes obradoiros para actividades didácticas relacionados doa gandería e horticultura, así como a cociña-comedor, unha zona de recepción e outra de almacén, dúas habitacións, espazos de comunicación, etc. E na planta alta cuns 220.93 m2 ubicaranse as estadías dos monitores/alumnos e a zona de aloxamento (5 dormitorios con 5 baños).

Na segunda edificación (127.66 m2 útiles) de carácter educativo, a planta baixa cuns 62.36 m2 destinarase a cuadras de animais; e a planta alta cuns 65.30 m2 reservarase a espazos vinculados coa actividade como almacén de forraxe, aperos ou o vestiario.

Imaxe: www.pequeocio.com

Proxecto de ampliación e modernización dunha empresa, actualmente adicada á comercialización de motores eléctricos, cara a propia fabricación e montaxe industrial de reductores sinfín-corona de velocidade no polígono de “A Reigosa” no municipio de Ponte Caldelas. Esta iniciativa inclúe unha produción personalizada e adaptada ás necesidades de cada cliente, cun selo europeo e a completa supervisión do control de calidade dos seus produtos.

O proxecto contempla a construción dunha nave industrial de 1.427,70m2 construídos que albergará unha zona de fabricación/montaxe/embalaxe con sala de compresor, unha zona para depósito de mercancías incombustibles, unha zona para circulación de carga/descarga e as oficinas administrativas distribuídas en dúas plantas; así como a maquinaria e equipamento necesarios.

Con esta iniciativa o promotor amplía o seu negocio e mellora a súa competitividade cunha produción personalizada e adaptada ás necesidades de cada cliente, cun selo europeo e coa completa supervisión e control de calidade dos seus produtos.

O Concello de Ponte Caldelas proxecta a posta en marcha dunha aula de novas tecnoloxías na Casa de Cultura de Ponte Caldelas que permita o acceso dos veciños á sociedade da información con conexión de balde a internet como recurso para cursos de formación, alfabetización informática nas novas tecnoloxías, consultas e trámites dixitais, desenvolvemento cultural,etc nun centro de uso comunitario e público.

O proxecto ten por obxectivo facilitar o uso das novas tecnoloxías, permitindo o desenvolvemento da sociedade da información e as relacións dixitais, utilizando as TICs como medio de inclusión social promovendo que todos os cidadáns poidan navegar gratuitamente a través do equipamento adquirido.

Proxecto de revalorización e potenciación dos principais elementos do patrimonio arqueolóxico do Concello de Moaña (parroquias de Domaio, Meira e Tirán).

As actuacións previstas contribúen a: recuperar elementos histórico-arqueolóxicos; concienciar á poboación do municipio e ós seus visitantes sobre a importancia dos devanditos elementos e a súa conservación; favorecer o coñecemento e divulgación dos elementos; potenciar os recursos turísticos do concello; dinamizar no eido social, cultural e económico o concello; favorecer o establecemento de servizos educativos, culturais, recreativos e ambientais, asociados á valorización do patrimonio cultural e natural; fomentar actividades turísticas, como o establecemento de novos itinerarios; dotar de materiais interpretativos de alto valor educativo ó concello; introducir as novas tecnoloxías na promoción de elementos históricos, naturais, culturais e patrimoniais, como un eixo de innovación e modernización social.

Polo tanto, as actuacións terán un efecto medioambiental, educativo e cultural positivo, revalorizando o patrimonio arqueolóxico e cultural do entorno e potenciando o turismo a través da divulgación de contidos interpretativos mediante os medios convencionais e dixitais co uso das novas tecnoloxías.

Ademais, existe un acordo de colaboración entre o Concello de Moaña e as CMVMC de Domaio e Meira para o desenvolvemento do proxecto.

imaxe: https://www.flickr.com

O Concello de Cerdedo-Cotobade proxecta a posta en marcha dunha rede propia de Internet mediante tecnoloxía WIMAX baseada en radioenlaces de banda libre coa creación de 3 puntos operativos de acceso veciñal á sociedade da información no municipio con conexión de balde que permita dar servizo e cobertura a espazos e locais sociais de uso comunitario e público como son a Casa do pobo de Borela, a Casa do pobo de Augusantas e o Local social da banda de música de Tenorio.

Ten por obxectivo ofrecer servizo de internet de calidade e o uso das novas tecnoloxías ó mundo rural; e será unha ferramenta máis para revitalizar as zonas rurais de Cerdedo-Cotobade, xa que este sistema permite o desenvolvemento da sociedade da información utilizando as TICs como medio de inclusión social e relacións dixitais promovendo que os cidadáns poidan navegar libremente.

Proxecto de carácter non produtivo promovido pola CMVMC de Salcedo en Pontevedra coa finalidade de crear un parque etnoarqueolóxico ó aire libre en Salcedo que permita a recuperación dun espazo natural e a posta en valor dos restos de arte rupestre prehistóricos achados na contorna do Outeiro das Mouras, etc. como elemento dinamizador turístico e cultural da zona.

O conxunto construído contempla a reprodución dun asentamento neolítico/calcolítico de 3.146,45m2 delimitado por unha empalizada de madeira, que contará con varias réplicas de edificacións históricas e estruturas de almacenamento e cerdados para os animais (1 cabana comunal, 3 cabanas, 2 canastros, espazo comunal do lume, currais, foxos de almacenaxe e estanque); que servirán de espazos multifuncionais adicados á arqueoloxía experimental con actividades didácticas sobre a prehistoria, a antropoloxía e a educación medioambiental.