Avanza o proxecto de cooperación das IXP de viños de Galicia ca programación de eventos e actividades para a IXP Terra de Barbanza e Iria. Á reunión celebrada na sede do GDR Deloa asistiron representantes dos Concellos de Pontecesures, Valga, Catoira, Boiro, Rianxo, e os representantes das adegas colaboradoras Entre Os Ríos, Cazapitas, Antonio Saborido e Torres Augusti. Ademais de contar coa asistencia técnica de Cidadania S. Coop. Galega, e dos xerentes do GDR Pontevedra Morrazo, grupo coordinador do proxecto, GDR Deloa e Salnés-Ulla-Umia.

Máis información: https://youtu.be/adstdlWh8mE

Publicado en novas

Máis información e fotos: https://www.facebook.com/media/set/?vanity=vinos.ixp.gal&set=a.121618863647547

Unha ampla representación institucional deu lectura á declaración institucional de apoio aos viños elaborados baixo as Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia e nomeadamente aos da IXP Ribeiras do Morrazo, diante de adegueiros de todos os territorios que se achegaron este sábado á inauguración do 1º Túnel dos Viños das IXP de Galicia.

O Evento, que se celebrou na sede do GDR Pontevedra Morrazo, enmarcase dentro do proxecto de cooperación      “Dinamización e promoción das IXP vitícolas de Galicia” no que participan os 6 GDR (Pontevedra Morrazo, Galicia Suroeste Eurural, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Deloa) e 15 adegas dos territorios das IXP.

No Acto participaron José Luis Cabarcos Corral, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra e María Ramallo Vázquez, alcaldesa de Marín, que deu lectura do manifesto rodeada dos alcaldes do resto dos concellos que forman parte da IXP Ribeiras do Morrazo, así como representantes da Deputación de Pontevedra, Concello de Ponte Caldelas, o Servizo de Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, a Asociación de GDRs de Galicia, o Concello de Pontecesures, o Concello de Caldas de Reis, así como as adegas colaboradoras e os Grupos de Desenvolvemento Rural cooperantes. 

No evento, o presidente do GDR Pontevedra-Morrazo e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández, destacou a importancia das Indicacións Xeográficas Protexidas para poder seguir ampliando as áreas de cultivo e conservar viñas ancestrais. Sinalou que e diversidade que reúnen os viños das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia é unha oportunidade para introducirse nun mercado no que os consumidores valoran cada vez máis a variedade e a singularidade dos produtos. 

José Luis Cabarcos Corral, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dirixiuse aos adegueiros presentes destacando o compromiso da administración pública coa produción das IXP e coincidiu na importancia da compoñente diferencial e de calidade para favorecer a comercialización internacional dos viños de Galicia.

Declaración institucional

A alcaldesa de Marín, María Ramallo Vázquez, deu lectura da declaración institucional de apoio dos concellos aos viños das IXP de Galicia, que partiu da consideración das «IXP como importante ferramenta para o desenvolvemento rural, que como marca colectiva da viabilidade a pequenas producións locais [...] e que ademais de dar a coñecer o territorio potencian outras actividades económicas complementarias». É por isto que os concellos de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa se comprometen a «contribuír á promoción e posta en valor destes viños», especialmente dos amparados na IXP Ribeiras do Morrazo da que forman parte, «apoiando as adegas, facilitando a participación en eventos públicos, empregando os seus viños nos actos celebrados polas institucións», promovendo a cooperación e tamén o seu «consumo responsable e saudable.

Exposición dos viños das IXP de Galicia e catas comentadas.

Con este acto institucional inaugurouse o primeiro dos Túneles do Viño das IXP de Galicia. Os túneles son espazos de mostra e difusión dos viños. Contan cun espazo expositivo onde se describe o contexto cultural e xeográfico dos viños das catro IXP de Galicia: Val do Miño-Ourense, Terra de Barbanza e Iria, Terrra de Betanzos e Terras do Morrazo. Ademais, ao longo do día desenvolvéronse catas comentadas dirixidas a diferentes perfís: institucionais, hostelaría, prescritores e público xeral nas que participaron máis de cen persoas que puideron coñecer de primera man as propiedades duns viños «que falan de nós», da terra, do lugar, da súa orixe, e en definitiva que falan da memoria do que somos e do que queremos ser.

O proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Máis información e fotos: https://www.facebook.com/media/set/?vanity=vinos.ixp.gal&set=a.121618863647547

 

Publicado en novas

Onte xuntámonos con adegueiros, institucións e expertos en viticultura participantes no Pazo da Cultura de Pontevedra para poñer en marcha o proxecto de cooperación para a dinamización dos Viños das IXP de Galicia. Foi unha xornada na que se sentiu a paixón e a singularidade duns viños que falan de nós.

Publicado en novas

O GDR Pontevedra Morrazo en colaboración coa Asociación de viticultores San Martín de Bueu convocan aos viticultores de Bueu a unha charla-coloquio para dar a coñecer o proxecto de posta en valor dos recursos vitivinícolas do concello de Bueu dentro da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo

A charla, que terá lugar o día 6 de agosto ás 18:30 h. no exterior da Escola Torrecino de Cela (Bueu) será o punto de partida dun proxecto que ten como principal obxectivo a ampliación da base territorial e dinamización do sector vitivinícola da IXP  Ribeiras do Morrazo para poñer en valor os viñedos de tinta femia, así como outras castes autóctonas, localizados no concello de Bueu e maioritariamente na parroquia de Cela.

Lembremos que o GDR Pontevedra Morrazo xunto con outras entidades do territorio, impulsaron a creación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Ribeiras do Morrazo” para amparar os viños elaborados nos concellos de Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela. Este distintivo de calidade para os viños do Morrazo foi aprobado pola Comisión Europea o 9 de xaneiro de 2018.

Segundo o Rexistro Vitícola de Galicia, no territorio da IXP Ribeiras do Morrazo, están inscritas preto de 75.000 parcelas, que suman 2.340 hectáreas, pertencentes a 25.414 viticultoras e viticultores. Sen embargo, actualmente so cinco adegas (situadas nos concellos de Marín, Poio, Redondela, Vilaboa e Cangas) e 15 viticultores con 6,91 ha de superficie en produción, están a elaborar viños certificados baixo esta figura.

Polo tanto,  en xeral nos concellos do territorio,  e de xeito especial en Bueu a  Indicación Xeográfica Protexida ten un enorme potencial de crecemento.

Dada a forte tradición e recoñecemento que teñen os viños de Cela, o GDR considera prioritario explorar a viabilidade das diferentes alternativas para aproveitar e poñer en valor as castes e os viñedos da zona, evitar o arranque ou abandono dos mesmos, e impulsar o aumento da superficie en produción certificada dentro da citada Indicación Xeográfica Protexida, contribuíndo así ao desenvolvemento ambiental, económico, social da zona.

Na xuntanza, na que participarán viticultores e operadores da zona, abordarase a problemática da produción, elaboración dos viños, os obxectivos etc. do proxecto para posteriormente analizar e establecer alternativas para a comercialización posta en valor dos viños dentro da IXP.

Publicado en novas

O GDR Pontevedra-Morrazo ven de lanzar o sorteo dunha selección de 12 botellas de viño das castes máis singulares da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo dentro dos agasallos promovidos na campaña de dinamización dos GDR de Galicia #OruralviveViveorural.

Para participar, tes que seguir a páxina de Facebook dos Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia (https://www.facebook.com/gdrsdegalicia/) e darlle un #gústame ao post coa publicación do sorteo antes das 20.00 horas do vindeiro día 13 de decembro. Moita sorte!

Instrucións paso a paso:

  1. Dalle un "gústame" ao post coa publicación do sorteo (https://www.facebook.com/gdrsdegalicia/photos/a.112319757181574/184490289964520/?type=3&theater).
  2. Sigue a páxina en Facebook dos Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia (@gdrsdegalicia) para estar ao corrente de todas as novidades e sigue tamén a páxina do GDR Pontevedra-Morrazo (@gdrpontevedramorrazo).
  3. Permanece atento/a á páxina, onde publicaremos o/a gañador/a.

E lembra que podes compartir o #sorteo no teu muro e mencionar aos teus amigos nos comentarios para que tamén poidan participar!
O sorteo realizarase de forma automática con #Easypromoshttp://bit.ly/FBsorteo

Publicado en novas

Os vindeiros días 9, 10 e 11 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra a Indicación Xeográfica Protexida RIBEIRAS DO MORRAZO estará presente na feira do gourmet galego Etiqueta Negra, da man do GDR Pontevedra Morrazo coa intención de poñer en valor e consolidar a imaxe da IXP no mercado.

Trátase dunha cita gastronómica, que reunirá nun mesmo espazo a profesionais do sector, produtores e consumidores co fin de coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.

Nesta cuarta edición, poderanse coñecer e degustar os viños desta nova Indicación Xeográfica protexida vitivinícola e apreciar todos os matices destes viños oceánicos a través das catas comentadas.

Máis información

https://etiquetanegragourmet.com/programa-2019/

Publicado en novas

Este venres 22 de marzo botou a andar nas instalacións da biblioteca de Beluso do concello de Bueu unha nova edición do programa formativo “PROFESIONALIZACIÓN E DESENVOLVEMENTO DA VITICULTURA NA IXP RIBEIRAS DO MORRAZO (2019)” de 71 horas lectivas organizado polo GDR Pontevedra Morrazo.

Dende 2017, o Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo, que xestiona a medida Leader 2014-2020, está a desenvolver un programa formativo para a profesionalización e desenvolvemento da viticultura na indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.

Nos anos 2017 e 2018 realizáronse accións formativas diversas orientadas a reforzar o empoderamento do sector de viticultores e adegueiros da zona comprendida na IXP Ribeiras do Morrazo, así como a súa profesionalización e capacitación técnica, fortalecendo deste xeito á propia figura ou selo de protección da calidade.

Nesta anualidade 2019, preténdese continuar a formación cunha proposta que afonda na sustentabilidade e boas prácticas na viticultura e enoloxía, con referencias a modelos de viticultura integrada e/ ou ecolóxica e explorando actuacións de carácter colaborativo entre as propias IXP de viño de Galicia e de funcionamento cooperativo.

Obxectivos do proxecto

O programa formativo pretende dinamizar o sector vitivinícola, potenciando os seus coñecementos e o traballo en conxunto en torno ao que este selo de calidade supón.

O programa realizarase dende o mes de marzo ata o de xuño, en diferentes localidades do territorio da IXP.

Esta proposta de traballo basease nunha metodoloxía de formación-acción, que ten como obxectivo fundamental o de realizar un programa formativo de carácter práctico, que impulse a participación activa dos axentes implicados no desenvolvemento e  articulación da citada indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.

Os principais obxectivos que persegue o programa formativo 2019 son:

  1. Continuar reforzando e empoderando ao sector de viticultores e adegueiros da zona comprendida na IXP Ribeiras do Morrazo.
  2. Mellorar os coñecementos e a capacitación profesional das persoas participantes, para acadar un sector vitícola e vinícola, máis dinámico, moderno e proactivo.
  1. Impulsar a xeración de iniciativas de emprendemento ligadas a modelos, como por exemplo o cooperativo.
  2. Reforzar e dar a coñecer ao propio sector, coa realización de diferentes actividades, en diferentes concellos da zona territorial que comprende a IXP, e o propio GDR.

O contido temático desta primeira sesión formativa foi de carácter introdutorio e versou sobre as boas prácticas, a responsabilidade social e a sustentabilidade na vitivinicultura e os aspectos normativos para a xestión da viña e a adega, controis, etc. dentro da IXP.

En total serán 16 accións formativas, trece delas no propio ámbito da IXP e tres visitas temáticas fóra do territorio da IXP.

 

Publicado en novas

Aberto o prazo para participar no concurso de fotografía e vídeo "Que hai nesta botella?" dentro da campaña de promoción da IXP Ribeiras do Morrazo que impulsa o GDR Pontevedra-Morrazo.

O concurso consta de dúas categorías: FOTO e VÍDEO e a temática consiste en interpretar o lema da campaña "Que hai nesta botella?. Por cada categoría sairá un gañador elixido por un xurado escollido pola propia IXP.

As persoas que desexen participar deberán subir as súas fotos e/ou vídeos a páxina de Facebook (https://www.facebook.com/IXP-Ribeiras-do-Morrazo-961447397374110/) ou Instagram (https://www.instagram.com/ribeirasdomorrazo/?hl=es) da IXP Ribeiras do Morrazo etiquetando a esta e usando os hashtags #FOTOquehainestabotella e #VIDEOquehainestabotella. Os participantes na categoría de vídeos deben ter en conta que estes terán unha duración máxima de 40 segundos.

Para máis información, pódense consultar as bases no apartado Descargar arquivos adxuntos.

Publicado en novas

Para aqueles que non tivéchedes oportunidade de ver a campaña de televisión da IXP Ribeiras do Morrazo, a continuación mostramos o anuncio da IXP que se emitiu nestas últimas semanas na TVG como parte da campaña Que hai nesta botella? e co obxectivo de dar a coñecer e dinamizar este novo selo de calidade.

Publicado en novas