Descrición
O proxecto consiste nunha intervención arqueolóxica de limpeza, restauración e de rexistro dos Petróglifos das Abeleiras I, II, III e os Petróglifos das Brañas I, II E III e Outeiro Aciveiro; situados á beira dun sendeiro sinalizado (non homologado) no municipio de Cerdedo-Cotobade.
A intervención arqueolóxica de restauración está baseada nas cartas do restauro e no código deontolóxico da escola superior de conservación e restauración de BBCC de Galicia sobre os petróglifos, eliminando as capas bioxénicas e facilitando a súa observación, á vez que unha roza de toda a contorna na que se inxiren as pedras e que os faga máis accesibles e visibles, á par que facilite a conservación do sitio.
A maiores, de cada petróglifo realizarase mediante o uso de novas tecnoloxías un modelo 3D baseado en fotogrametría structure for motion que permitirá a extracción dixital do calco, o cal será colocado ao pé de cada rocha.