João Rocha (Cerdedo - Cotobade). Proxecto: Ampliación de obradoiro de pastelería artesán

Para min é esencial a confianza e o respecto dos clientes

João Rocha, naceu en Salvador de Bahía (Brasil) e con 18 anos chegou a Pontevedra co afán de dedicarse ao fútbol profesional. Adestrábase pola tarde-noite e, un bo día, a persoa que se encargou de traelo ofreceulle estar nun obradoiro de pastelería-panadería para ocupar un pouco as horas do día.

No ano 2000 cheguei aquí buscando un soño, ser futbolista. Estiven xogando na 3ª división. Aos dous anos trouxen a miña familia: meus país e dous irmáns”

O conto é que lle gustou o traballo na pastelería, e foi aprendendo, de xeito que agora di que as súas dúas grandes paixóns son o fútbol e a pastelería. Foi aprendendo, formándose até que puxo en marcha O forno de Lana, en memoria da súa irmá, que se chamaba Lana, que acabou finando no 2013. Lana tivo unha grande influencia en João xa que era unha persoa moi especial, cun grande sentido da solidariedade e moi preocupada porque a alimentación fora natural e artesán.

A miña irmá sempre foi naturalista e dáballe moita importancia ao que comemos e á vida que levamos. Era unha persoa moi positiva. Dicíame que cando montaramos o obradoiro o fixeramos orientado ao natural, á pastelaría e panadería artesá. Estaba tamén moi preocupada polo que comen os cativos e a xente nova. Todo isto me sensibilizou moito e intento seguir os seus consellos porque a sentimos moito con nós”

O obradoiro de João está no concello de Cerdedo-Cotobade, nun local que antes fora restaurante vexetariano rexentado pola súa muller, Sonia. Ao quedar sen actividade o reconverteron en obradoiro de pastelería e panadería. Non ten despacho xa que o seu negocio vende, fundamentalmente, a establecementos de restauración e despachos que non teñen forno.

Gustaríme ter un espazo para facer vegano, outro para diabéticos, pero teño que pensar tamén no retorno económico, e isto aínda non hai moita xente que o necesite.

João e o seu irmán son os que xestionan a empresa e con esforzo e dedicación están logrando produtos que teñen unha excelente saída. Van pouco a pouco; de feito lle costou tres anos decidirse a solicitar a axuda do GDR. Comezaron de cero, pero João é unha persoa loitadora e competitiva que indo polas portas é quen de abrirse camiño. El ofrece o seu produto, o da a degustar aos futuros clientes, se lles gusta, encárganlle e fai. Tamén elabora a demanda produtos específicos para quen llo solicite.

Eu vou aos establecementos e vexo a proposta que teñen para os seus clientes, e vexo se o que eu podo ofrecer encaixa. Elaboro o produto e doullo a degustar. Se lle gusta, seguimos. Agora mesmo sirvo a 23 clientes tódolos días.”

 

Un dos seus produtos estrela son as empanadillas brasileiras feitas de forma totalmente artesanal e con ingredientes de máxima calidade. João insiste moito neste aspecto, el non busca ingredientes baratos, busca calidade para as súas elaboracións:

Non me importa gañar un pouco menos, pero non sacrifico a calidade polo marxe do produto. Se teño que gañar menos, gaño menos, pero para min é esencial a confianza e o respecto dos clientes.”

Un dos motivos polos que solicitou a axuda do GDR foi que a súa forma de traballar artesanal non lle permite elaborar máis cun número de produtos e non podía atender á demanda que tiña. Ante esta circunstancia tivo que procurar ampliar as prestacións do obradoiro e xestionar mellor os tempos de elaboración dos produtos. O soño de João sería chegar a comedores escolares e cafeterías de centros de ensino para que os rapaces tiveran outra opción de produtos para tomar.

Este emprendedor quere facer constar a enorme axuda que lle ofreceron desde o Concello de Cerdedo-Cotobade, nomeadamente José Luis, quen lle facilitou moito as cousas para poñer en marcha o obradoiro. Tamén ten palabras para as súas empregadas, que son como unha extensión da súa familia, ás que lle da moito valor.

O balance que João fai dende fai cinco anos até agora é que aínda ten moito que aprender e iso o leva a estar permanentemente formándose e facendo cursos. Segue a estar ilusionado e síntese moi arroupado pola súa familia e amigos. Tamén di estar aberto a colaborar e buscar formas de crear sinerxías con outros.

Cando cheguei do Brasil viña con 100 euros no peto. Agora traballo 15 ou 16 horas e síntome moi afortunado. Puiden construír unha vida aquí, síntome apreciado e querido e xa non me vexo vivindo en ningún outro lado”.

Di que non ten ambición, pero João é competitivo, non se pon un tope e quere chegar, como el di, até onde poida, ou até onde a vida lle deixe.