Este xoves celebrouse no Pazo de Quián en Boqueixón a Xornada de presentación e coordinación do proxecto de cooperación “Desenvolvemento e Dinamización das IXP de Viños de Galicia 2023”.

Tratase dun proxecto promovido por seis Grupos de Desenvolvemento Rural no que colaboran 16 adegas repartidas entre as cinco Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia.

Ao longo desta mañá representantes das 16 adegas que forman parte das cinco IXP de Viños de Galicia, presentes nas catro provincias galegas, e os representantes de AGACAL, do grupo coordinador GDR Pontevedra Morrazo, do GDR DELOA, do GDR Mariñas-Betanzos, do GDR ADERCOU, do GDR Salnés-Ulla-Umia e do GDR Montes e Vales Orientais reuníronse para avanzar nesta segunda edición do proxecto de cooperación. Un proxecto que pretende impulsar o sector vitivinícola de cada unha das indicacións establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

Desta forma, levaranse a cabo accións que poñan en valor ao produto, ao territorio e aos produtores e que axuden a consolidar as marcas comerciais en cada IXP, a que haxa un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas, así como un mellor posicionamento enoturístico das adegas e territorios.

Algunha destas accións serán: a creación e posta en marcha da asociación de adegas das IXP de viños de Galicia, traballar na mobilización ou recuperación da terra agraria para aumentar a base territorial das explotacións vitícolas, a creación de itinerarios enoturísticos nas IXP de Viños de Galicia ou a celebración de catro masterclass de viños das IXP de Galicia (Coruña, Lugo, Ourense, Vigo) de formación e divulgación sobre a viticultura e os viños, que incluirán catas comentadas e a degustación de viños das diferentes IXP de Galicia.

O proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 e conta coa participación activa e contribución ao financiamento do proxecto dos propios operadores das diferentes IXP. En concreto conta coa colaboración de 16 adegas que se distribúen nas cinco Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia: Adega Ardán, Adega Os Areeiros, Mercedarios do Mosteiro de Poio, Reboraina e Videiras no Mar na IXP Ribeiras do Morrazo; Adega Entre os Ríos, Bodegas Calidade Antonio Saborido, Bodegas Torres Augusti, e Cazapitas na IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria; Pagos de Brigante, Adegas Bordel, Adegas Rilo na IXP Viños da Terra de Betanzos, Adega Terras Mancas e Vides Singulares na IXP Val do Miño-Ourense e Adega Panchín e Adega Sidrón na IXP Terras do Navia.

Publicado en novas

Este xoves, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o GDR Pontevedra Morrazo celebrou Xunta directiva e Asemblea xeral, nas que se aprobou, entre outros asuntos a Estratexia de desenvolvemento participativo (EDLP) 2023_27 que orientará os fondos europeos do Programa LEADER dos vindeiros anos no territorio.

A estratexia coordina e integra todos os elementos, todas as accións e actuacións sobre o territorio dirixíndoas a conseguir o obxectivo xeral de promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, a inclusión social e o desenvolvemento local.

Para isto o Plan de acción contempla pequenos investimentos destinados á diversificación das actividades non agrícolas no rural reforzando o sector agrario e forestal e mellorando a competitividade das zonas rurais e fomentando ao mesmo tempo un modelo produtivo inclusivo e diversificado, que tende cara a dixitalización, a transición ecolóxica e a sostibilidade

No que se refire ao conxunto da economía rural, para mellorar a calidade de vida e benestar social da poboación rural, o Plan prioriza os investimentos destinados á prestación de servizos básicos que axuden a manter as persoas no rural, creando emprego e reducindo o risco de pobreza.

Ademais dase prioridade aos proxectos vinculados aos diferentes instrumentos establecidos na Lei de recuperación dá terra agraria de Galicia, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural.

No Plan de acción tamén se incorpora unha nova forma para fomentar o emprego no rural; o Bono activa rural. Trátase dunha axuda a tanto global destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrícolas en zonas rurais. A axuda non se vinculará á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón ao mantemento da actividade e ao cumprimento dun plan empresarial que deberá demostrar a súa viabilidade técnica e económica, apoiándose nas condicións de mercado.

No plan de formación afondase na viticultura sustentable proporcionando coñecementos e habilidades para implantar prácticas sostibles na produción de viño e contribuír ao desenvolvemento dun sector máis responsable e respectuoso co medio ambiente, e na Silvicultura sustentable, para implantar prácticas forestais sostibles, centrándose en cultivos alternativos á madeira, como as oliveiras e as castañas, e aproveitando as oportunidades dos mercados de carbono.

No plan de cooperación, contémplase 4 proxectos, en colaboración cos GDR de Galicia, que teñen como finalidade:

  • Realizar unha aposta pola produción agrogandeira de carácter artesanal e de calidade diferenciada, aproveitando os selos existentes a tal efecto, e potenciando a colaboración entre diferentes sectores e territorios.
  • Valorizar dunha maneira cooperativa os servizos ecosistémicos que prestan as comunidades de montes, incluidos os dereitos de carbono, apostando por un modelo de xestión forestal sostible e circular.
  • Apostar polo desenvolvemento do enoturismo ligado ás IXP vitícolas de Galicia, para promocionar os viños das IXP, ao tempo que se xera maior valor engadido para as explotacións e se contribúe a dinamizar a economía local, poñendo tamén en valor os recursos e o patrimonio local.
  • Apostar pola dixitalización do tecido económico local, promovendo un maior acceso á dixitalización e novas tecnoloxías por parte de pequenas empresas, co obxectivo de gañar maior competitividade no acceso aos mercados.

Finalmente, a estratexia tamén contempla actuacións propias do GDR no ámbito da animación e dinamización territorial, como o desenvolvemento da “Ruta dos viños oceánicos” da IXP Ribeiras do Morrazo, o proxecto "Memoria sonora" de activación da memoria a través da música de Raíz nos centros de día subvencionados polo GDR, ou a campaña de sensibilización ambiental para preservar a paisaxe, así como mesas redondas, xornadas , seminarios etc. para poñer en valor poñer en valor e potenciar a Estratexia e contribuír ao desenvolvemento do territorio e a reforzar a gobernanza das súas entidades.

Publicado en novas

O Foro Virtual celebrado este mércores permitiu poñer en común e contrastar con todas as persoas e entidades participantes a diagnose realizada e a definición de prioridades estratéxicas 2023_27 do territorio. Ademais puidéronse tratar e debater as propostas de proxectos piloto do ámbito agrario e forestal, xurdidas dos diferentes paneis estratéxicos convocados polo GDR nos que participaron diversas persoas, colectivos, entidades, empresas, universidades e centros de investigación do territorio.

Trátase de proxectos de carácter innovador, con capacidade de arrastre e relevantes para a economía e a sociedade.

En concreto abordouse un proxecto do ámbito agrario que explora novas vías para loitar contra as enfermidades do viñedo para acadar a través do coñecemento científico e as novas tecnoloxías unha viticultura máis sustentable e respectuosa co medio. O proxecto centrarase nas castes autóctonas máis comúns na IXP Ribeiras do Morrazo, albariño, tinta femia (caiño tinto) e mencia e a variedade ratiño, como singularidade dentro da D.O. Rias Baixas do territorio. O proxecto, no que participarán adegueiros e viticultores do territorio, contará co apoio técnico e científico da Misión Biolóxica de Galicia e da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

No ámbito forestal, apostouse polas posibilidades do monte como secuestradores de carbono, ante a demanda emerxente, cada vez maior, de empresas que buscan como lograr a neutralidade carbónica reducindo e compensando as súas emisións de CO2. Trátase de que o carbono se convirta nun novo recurso forestal que anime aos propietarios do monte a practicar unha silvicultura máis sustentable. O proxecto concebido fora do mercado regulado, apela á resposabilidade social corporativa para contribuir á descarbonización do territorio apostando por proxectos forestais locais sustentables.

Publicado en novas

Reflexión, e música foron protagonistas no encontro celebrado onte no Museo Meirande de Redondela. Luis Paadin, autor da «Guía de Vinos, Bodegas y Destilados de Galicia 2022», sinalou que nas catas a cegas que fai para a elaboración da súa guía dos viños galegos, sempre atopa alma nos viños con IXP. Juan Carlos Vázquez Abal, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), repasou os retos para unha viticultura sostible, onde as IXPs teñen moito que dicir pola súa raigame tradicional e vínculo co territorio. Xavier Blanco da Fundación Legar puxo o foco no vínculo entre cultura vitícola e música nun encontro ao que acudiron adegueiros de toda Galicia.

O encontro supuxo o peche a un ano de actividades de Viños das IXP de Galicia, un proxecto de cooperación dos Grupos de Desenvolvemento Rural no que colaboran 15 adegas repartidas entre as catro Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia. Este proxecto pretende impulsar o sector vitivinícola de cada unha das indicacións establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

Tanto o Subdirector de relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural da Agader (Xunta de Galicia), Moisés Blanco Paradelo, como o xerente do GDR Pontevedra-Morrazo, José María Tobío, coordinador do proxecto, sinalaron a necesidade de dar continuidade ás actividades deste proxecto co obxectivo de dar a coñecer estes produtos tamén no ámbito urbano, potenciar o asociacionismo e seguir explorando as oportunidades que plantexan os recursos etnoturísticos que rodean a actividade das adegas.

Publicado en novas

O evento celebrarase o vindeiro venres 7 de outubro ás 17.30 no Museo Meirande de Redondela. Abrirá o faladoiro o sumiller Luis Paadín, sumiller, autor da «Guía de Vinos, Bodegas y Destilados de Galicia 2022», cun relatorio titulado «Retos nun mercado cambiante: posicionamento das IXP». Juan Carlos Vázquez Abal, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), continuará poñendo o foco nos retos para unha viticultura sostible nos nosos días.

O mestre gaiteiro, artesán e técnico en cultura tradicional Xavier Blanco, da Fundación Legar, abordará nunha actuación musical a representación da música tradicional na cultura do viño.

O evento rematará coa degustación de viños galegos con IXP. O encontro servirá tamén como resumo das actividades desenvolvidas no último ano dentro do proxecto de cooperación para a Dinamización e promoción das Indicacións Xeográficas Protexidas de Viños de Galicia, que dende novembro de 2021 percorreu catro das IXP galegas para dar a coñecer os seus produtos: viños de calidade, auténticos e diversos, que manteñen valores artesanais con arraigamento histórico e empregando materias primas naturais coidadas por produtores locais.

A asistencia é gratuíta con prazas limitadas. É necesario inscribirse a través da web viños.ixp.gal

Publicado en novas

O GDR Pontevedra Morrazo foi seleccionado como organización candidata a converterse en entidade colaboradora da AGADER na xestión da medida Leader Galicia 2023-27.

Na Xunta Directiva celebrada onte deuse conta da preselección do GDR como entidade colaboradora e da concesión dunha subvención orientada á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño da futura estratexia de desenvolvemento local participativo para o período 2023-27.

Deste xeito a Xunta Directiva acordou lanzar o proceso de elaboración da EDLP que deberá estar finalizado antes do 20 de decembro de 2022.

Publicado en novas

Durante todo o día tiveron lugar, na contorna da Capela da Esperela (Paderne), as cuartas Xornadas de divulgación e Túnel do viño das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia, coa IXP Terra de Betanzos como anfitrioa. Institucións, e expertos coincidiron na importancia do valor diferencial e identitario dos viños con indicación xeográfica. Profesionais da hostalería e público xeral puideron comprobar a calidade diferencial destes viños nas catas comentadas que se celebraron pola tarde.

José González Vázquez, Conselleiro de Medio Rural, José Ramón Rioboo Castro, alcalde de Culleredo e Delegado de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible da Deputación da Coruña, César Longo Queijo, Alcalde de Paderne e Xosé Antonio Santiso Miramontes, Alcalde de Abegondo e Presidente GDR As Mariñas Betanzos presidiron a mesa insitucional dende a que se deu lectura a un manifesto de apoio ás IXP, importante ferramenta para o desenvolvemento rural. Todos coincidiron na importancia dos produtos que aportan calidade diferencial, como son os viños con indicación xeográfica protexida, no desenvolvemento do medio rural en afrontar retos como o da posta en valor do territorio e evitar o abandono de terras. Tamén en recoñecer o labor dos viticultores e adegueiros que traballan con paixón na elaboración destes viños.

 17

As estratexias de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, as características do branco lexítimo (variedade por excelencia da IXP Terra de Betanzos), o papel das Oficinas Agrarias Comarcais no desenvolvemento das IXP de Viños ou a promoción de produtos agroalimentarios dende a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo foron os temas que se abordaron nos faladoiros, tras os que se mantivo un debate co público asistente.

 8

Pola tarde, no Túnel do viño, persoas do sector da hostalaría como público xeral puideron coñecer e probar viños das catro Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia, a través de catas comentadas polo sumiller Martiño Santos Canosa, que puxo o foco nas potencialidades dos viños das IXP como complemento dunha oferta gastronómica actual, así como a singularidade das diferentes marcas que se comercializan baixo cada unha das Indicacións, que nos permiten coñecer novas variedades de uvas.

Publicado en novas

As estratexias de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, as características do branco lexítimo (variedade por excelencia da IXP Terra de Betanzos), o papel das Oficinas Agrarias Comarcais no desenvolvemento das IXP de Viños ou a promoción de produtos agroalimentarios dende a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo serán algúns dos temas que se abordarán nos faladoiros que se van celebrar no entorno da Capela da Esperela (Paderne) o vindeiro martes 12 de xullo.

Ese mesmo día celebrarase un acto institucional de apoio no que participarán representantes de concellos do ámbito de Betanzos e da administración pública galega.

Pola tarde e no mesmo lugar terá lugar o túnel do viño, no que profesionais da hostalaría e público xeral poderán coñecer os viños desta Indicación Xeográfica Protexida así como das outras tres que existen en Galicia a través de catas comentadas. 

A asistencia aos eventos é gratuíta con prazas limitadas. Por iso é necesario inscribirse a través da web viños.ixp.gal

DESCARGAR PROGRAMA

INSCRICIÓN GRATUITA 

Publicado en novas
Martes, 14 Xuño 2022 12:28

O Leader cumpre 30 anos

Onte celebramos en Cenlle (Ourense) o 30 aniversario da medida Leader en Galicia.

Dende  a súa posta en marcha na Unión Europea no ano 1991, baixo esta metodoloxía promovéronse no rural galego a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, máis de 7.300 proxectos que mobilizaron máis de 930 millóns de euros, creando máis de 5.000 novos empregos e consolidando cerca de 6.000.

O  LEADER, polo tanto, foise consolidando como unha ferramenta eficaz, que cos seus erros e acertos, conseguiu superar con éxito os obxectivos, expectativas e previsións iniciais.

Publicado en novas

O sábado 28 de maio tivo lugar, no Pazo de Goiáns (Boiro), o terceiro Túnel do viño das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia, na que foi protagonista a IXP Barbanza-Iria. Institucións, adegueiros, profesionais da hostalería e público xeral brindaron polos viños das IXP de Galicia, viños de calidade e comprometidos coa preservación do patrimonio cultural e vitivinícola.

O túnel inaugurouse coa lectura dunha declaración institucional a través da que se busca o compromiso das entidades locais cos viños das Indicacións Xeográficas Protexidas para a promoción dos seus viños, o fomento do seu consumo e o reforzo do sector vitícola no territorio. Esta declaración contou co apoio dos Concellos de Boiro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Dodro, Valga, Pontecesures, Catoira, Portas, Ribadumia, Ribeira e outros concellos que forman parte da IXP Barbanza-Iria e comarcas limítrofes, así como adegueiros de toda Galicia, o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, a presidenta da asociación Ambar, e representantes dos Grupos de Desenvolvemento Rural Deloa e Salnés-Ulla-Umia, así como dos outros GDR que participan no proxecto.

Pola tarde, no Túnel do viño, case un cento de persoas tanto do sector da hostalaría como público xeral puideron coñecer e probar viños das catro Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia, a través de catas comentadas polo sumiller Martiño Santos Canosa, que puxo o foco nas potencialidades dos viños das IXP para como complemento dunha oferta gastronómica actual, así como a singularidade das diferentes marcas que se comercializan baixo cada unha das Indicacións, que nos permiten coñecer novas variedades de uvas.

Durante a semana, celebráronse tamén dúas xornadas divulgativas en Valga e Rianxo nas que o asociacionismo no sector vitivinícola e a recuperación de terras para o seu cultivo foron os temas centrais. Na xornada do martes, José María Bello Maneiro, alcalde de Valga, deu a benvida aos participantes e referiuse á tradición vinícola de Valga, que ten como principal expoñente á caña do país, e anunciou que o Concello está a promover xunto a Consellería do Medio Rural a creación dunha zona de plantación de viñedos no municipio. Juan Manuel Vidal Seage, alcalde de Pontecesures e presidente do GDR Salnés-Ulla-Umia, sinalou a necesidade de establecer unha simbiose entre adegas e insitucións. Pola súa banda, José Luis Cabarcos, Director da AGACAL, despois de presentar as potencialidades de futura lei da cadea alimentaria puxo o foco na importancia do futuro das IXP de viño dentro da proxección de produtos de calidade e variedades autóctonas a nivel nacional e internacional.

Na segunda das xornadas, Inés Santé Riveira, Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, destacou as posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para impulsar a produción das catro indicacións xeográficas protexidas do viño galegas, e respondeu as cuestións que lle plantexaron os adegueiros presentes. O Alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, puxo o foco no apoio da súa corporación a proxectos que impliquen a posta en valor do territorio.

 

Publicado en novas