O centro de día da parroquia de Sobral, concello de Soutomaior, que contou cunha axuda do programa Leader de máis de 134.000 euros, recibiu onte a visita da Directora Xeral de AGADER, Inés Santé, do presidente do GDR Pontevedra Morrazo, Miguel A. Fernández Lores, do alcalde de Soutomaior, do Subdirector de AGADER e do director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón . Alí, Inés Santé destacou que a achega xestionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, previa selección do GDR Pontevedra-Morrazo, supuxo cubrir o 45% do investimento destas instalacións para 48 prazas, cunha superficie útil construída de máis de 230 m², emprazadas na parroquia de Sobral, en Soutomaior, co obxecto de atender persoas maiores con necesidade de coidados.

En concreto, proporciónaselles aos usuarios os servizos básicos de atencións na vida diaria, sociais, sanitarios e de apoio encamiñados a facilitar a súa autonomía, aseo e hixiene persoal, así como acompañamento médico ou hospitalario. Tamén servizos de terapia fisioterapéutica, transporte, comedor, perruquería, logopedia ou actividades complementarias como obradoiros con música, animais etc.

O presidente do GDR, Miguel A. Fernández Lores, salientou a importancia que teñen estes investimentos para o rural, no que por exemplo o GDR Pontevedra Morrazo, ten aprobado, nos dous últimos períodos LEADER, axudas para financiar 6 Centros de Día dos concellos de Cangas, Moaña, Poio e Soutomaior, cun investimento total de máis dun millón de euros e unha axuda de fondos públicos de máis de 500.000 euros.

A nova convocatoria

O presidente do GDR puxo tamén en valor o papel dos GDR como axentes dinamizadores do rural e salientou a necesidade de dotar de máis fondos o novo período de axudas LEADER 2023_27 para que as actuacións dos GDR teñan o impacto necesario para contribuír á fixación de poboación no rural á diversificación da economía etc.

A directora xeral, pola súa banda, anunciou que a Xunta investirá 840.000€ para axudar aos grupos de desenvolvemento rural a deseñar novas estratexias participativas de dinamización no marco do programa LEADER.

A orde de axudas, está orientada á selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras na medida LEADER de Galicia para o período 2023-2027, á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo para dito período de programación.

Publicado en novas