Este xoves celebrouse no Pazo de Quián en Boqueixón a Xornada de presentación e coordinación do proxecto de cooperación “Desenvolvemento e Dinamización das IXP de Viños de Galicia 2023”.

Tratase dun proxecto promovido por seis Grupos de Desenvolvemento Rural no que colaboran 16 adegas repartidas entre as cinco Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia.

Ao longo desta mañá representantes das 16 adegas que forman parte das cinco IXP de Viños de Galicia, presentes nas catro provincias galegas, e os representantes de AGACAL, do grupo coordinador GDR Pontevedra Morrazo, do GDR DELOA, do GDR Mariñas-Betanzos, do GDR ADERCOU, do GDR Salnés-Ulla-Umia e do GDR Montes e Vales Orientais reuníronse para avanzar nesta segunda edición do proxecto de cooperación. Un proxecto que pretende impulsar o sector vitivinícola de cada unha das indicacións establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

Desta forma, levaranse a cabo accións que poñan en valor ao produto, ao territorio e aos produtores e que axuden a consolidar as marcas comerciais en cada IXP, a que haxa un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas, así como un mellor posicionamento enoturístico das adegas e territorios.

Algunha destas accións serán: a creación e posta en marcha da asociación de adegas das IXP de viños de Galicia, traballar na mobilización ou recuperación da terra agraria para aumentar a base territorial das explotacións vitícolas, a creación de itinerarios enoturísticos nas IXP de Viños de Galicia ou a celebración de catro masterclass de viños das IXP de Galicia (Coruña, Lugo, Ourense, Vigo) de formación e divulgación sobre a viticultura e os viños, que incluirán catas comentadas e a degustación de viños das diferentes IXP de Galicia.

O proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 e conta coa participación activa e contribución ao financiamento do proxecto dos propios operadores das diferentes IXP. En concreto conta coa colaboración de 16 adegas que se distribúen nas cinco Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia: Adega Ardán, Adega Os Areeiros, Mercedarios do Mosteiro de Poio, Reboraina e Videiras no Mar na IXP Ribeiras do Morrazo; Adega Entre os Ríos, Bodegas Calidade Antonio Saborido, Bodegas Torres Augusti, e Cazapitas na IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria; Pagos de Brigante, Adegas Bordel, Adegas Rilo na IXP Viños da Terra de Betanzos, Adega Terras Mancas e Vides Singulares na IXP Val do Miño-Ourense e Adega Panchín e Adega Sidrón na IXP Terras do Navia.

Publicado en novas

O vindeiro xoves, 7 de xullo, celebraremos unha xornada técnica de divulgación sobre o novo decreto de artesanía alimentaria impartida e financiada por Agacal, co fin de animar aos operadores deste ámbito a inscribirse baixo esta marca de calidade diferenciada. 

Así, a formación levarase a cabo na sede do GDR Pontevedra Morrazo en horario de mañá (10,00 a 13,00 horas). Ao longo da xornada abordaranse os obxectivos deste selo e as condicións xerais para a produción de alimentos artesáns, ademais da normativa reguladora correspondente, o control e certificación da actividade artesá e a flexibilización das normas de hixiene. Tamén se tratará o propio proceso de inscrición ao selo e o inicio da actividade artesanal.

Ademais, tamén haberá un apartado sobre prácticas innovadoras, así como exemplos de normas técnicas. Descargar Programa.

Compre sinalar que o pasado 4 de marzo foron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) as primeiras 14 normas técnicas que veñen desenvolver o decreto que regula a artesanía alimentaria na nosa comunidade, así como os distintivos que identificarán os produtos artesáns, os produtos artesáns da casa e os produtos artesáns de montaña.

CapturaAAlimentaria

En cada unha destas normas fíxanse, entre outras cuestións, as materias primas autorizadas, os procesos de elaboración permitidos e prohibidos, e o límite máximo de produción artesanal. Tamén se indica como debe ser a presentación e envasado, as especificacións para os produtos artesáns caseiros e os controis de calidade e a sistemática da rastrexabilidade necesaria para proporcionar aos consumidores todas as garantías.

Os interesados en asistir a esta xornada divulgativa poderán cumprimentar a solicitude de inscrición na seguinte ligazón, https://forms.gle/UdtiKhYhHtT9Xa6D9. Se precisan máis información, poderán chamar ao número 627 570 950 ou escribir ao enderezo de Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Publicado en novas