O 2º proxecto de cooperación das IXP de viño de Galicia culmina coa creación e posta en marcha da asociación dos operadores das IXP, coa elaboración de estudos preeliminares para mellorar a base territorial das explotacións e apostando polo enoturismo.

A asociación nace dentro do proxecto de cooperación “Desenvolvemento e dinamización das IXP de Viño de Galicia” . Trátase dunha iniciativa impulsada polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR 15 Pontevedra Morrazo, GDR 03 Montes e Vales Orientais, GDR 11 Comarca de Ourense, GDR 17 Salnés, Ulla, Umia GDR 18 Deloa, GDR 23 Mariñas Betanzos) e financiada polo FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural), no marco do programa LEADER, actuando o GDR Pontevedra Morrazo como grupo Coordinador.

Entre os obxectivos do proxecto contemplase o impulso ao asociacionismo e cooperación entre os diferentes operadores das IXP de viños de Galicia para crear estruturas permanentes de colaboración.

Como colofón deste proceso, este luns 27, na Sede de Agacal, tivo lugar o acto de constitución da Asociación de IXP de Viños de Galicia, coa sinatura da acta fundacional e a elección da Xunta Directiva e coa participación das 17 adegas pertencentes ás diferentes IXP: IXP Ribeiras do Morrazo, IXP Barbanza Iria, IXP Betanzos, IXP Val do Miño-Ourense, IXP Terras de Navia.

Coa constitución da Asociación mellórase a gobernanza e colaboración entre operadores, reforzando o posicionamento e mellorando a información e promoción das adegas das IXP e dos seus viños.

A aposta pola colaboración entre ás adegas das IXP supón, entre outras as seguintes vantaxes:

  • Unha solución conxunta e máis rendible para afrontar as problemáticas comúns do sector.
  • A promoción conxunta implica unha maior oferta de produto, máis solvente e diversificada, o que optimiza a comercialización. Tamén supón ter maior capacidade para enfrontarse ao mercado e para asistir a feiras ou eventos.
  • Increméntanse as posibilidades de acceso ao financiamento público, principalmente no relacionado coa calidade alimentaria.
  • Aumentan as posibilidades de compartir servizos comúns de carácter técnico, de asesoramento, esixencias normativas,... pero tamén recursos.
  • Cooperar é necesario para facer a xestión e uso compartido da plataforma común de promoción: https://viños.ixp.gal/es, creada a través do proxecto de cooperación. Isto implicará unha maior difusión e comunicación de todas as IXP e de cada unha das adegas.
  • Por último, cooperar tamén permitirá a posibilidade de compartir provedores comúns: botellas, cortizas, portaenxertos, fitosanitarios, produtos de limpeza etc.

Este luns, 27 de novembro, ás 11 horas celebrouse na sede de AGACAL (Santiago de Compostela) a constitución da asociación das IXP de viño de Galicia. Á cita acudiron representantes das 17 adegas que forman parte das cinco IXP de Galicia. Tras aprobar os estatutos da asociación, designáronse aos titulares da xunta directiva:

  • Presidente/a: María Teresa Maestre Manteca
  • Secretario/a: Luís Sande Lamas
  • Vicepresidente/a: Manuel Cancio López
  • Tesoureiro/a: José Manuel Bandín Castiñeiras
  • Vogal: Enrique Fernández-Perán Martínez Cubells.

 

OUTROS RESULTADOS DO PROXECTO DE COOPERACIÓN

O proxecto de desenvolvemento e dinamización das IXP de viños de Galicia, ten tamén como finalidade impulsar a viticultura nas IXP de Galicia desenvolvendo a base territorial das explotacións vitícolas, promocionando os seus viños e adegas e desenvolvendo o enoturismo.

Por iso outra das accións realizadas para lograr os obxectivos deste proxecto, e a elaboración de estudos preliminares para desenvolver polígonos agroforestais nas IXP de viños de Galicia (mínimo de 10 ha. en cada polígono de cada IXP), que permitan a posible ampliación da superficie cultivada.

Tamén foron creados e deseñados cinco itinerarios enoturísticos. Trátase de cinco itinerarios circulares, un por zona, a partir da identificación de recursos do territorio xeoreferenciados (adegas, espazos ou recursos de interese vitícola ou enolóxico, elementos patrimoniais, etc.) Inclúense tamén un folleto enoturístico por cada IXP

Ademais durante o mes de outubro celebráronse catro xornadas divulgativas de viños das IXP de Galicia en catro cidades galegas (Lugo, Ourense, Vigo e A Coruña) que reuniron a máis de 700 persoas.

En cada xornada púidose coñecer unha mostra/exposición de todos os viños que comercializan as IXP de Galicia. Pola mañá, impartiuse unha masterclass de formación e divulgación sobre a viticultura e os viños das IXP de Galicia da man de Alejandro e Luis Paadín, e pola tarde, con Martiño Santos, realizáronse catas comentadas de viño dirixidas a prescritores, canle Horeca e público xeral.

Publicado en novas

Coincidindo co día mundial do enoturismo, o GDR publicou un vídeo divulgativo da bitácora audiovisual da “RUTA DOS VIÑOS OCEÁNICOS” na IXP Ribeiras do Morrazo. Trátase de 14 pezas audiovisuais para darlle voz aos legatarios do patrimonio, aos viticultores e a todos aqueles que posúen coñecementos, experiencias e vivenciais vencelladas á cultura do viño nas súas múltiples dimensións humanas, históricas, artísticas e culturais.Preme a ligazón para acceder ao vídeo divulgativo: https://youtu.be/JJdwTFgSXMw

A “Ruta dos viños oceánicos” que o GDR esta a desenvolver, é un itinerario enoturístico e cultural que percorre os atractivos turísticos dos concellos da IXP Ribeiras do Morrazo (Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela) tendo a cultura do viño fío condutor.

A bitácora ten como principais obxectivos:

  • Visibilización e divulgación dos bens patrimoniais (materiais e inmateriais) que rodean a viticultura nas terras da IXP Ribeiras do Morrazo como unha forma de atraer e mellorar o turismo cultural cara á esta IXP.
  • Enriquecer e promocionar a Ruta dos Viños Oceánicos con novas alternativas que teñan en conta outros contidos culturais, patrimoniais e históricos como elementos diferenciadores.

A Bitácora, pódese ver na Exposición da “RUTA DOS VIÑOS OCEÁNICOS” na planta baixa da sede do GDR, en Os Campos, 19 de Pontevedra.

Publicado en novas

Reflexión, e música foron protagonistas no encontro celebrado onte no Museo Meirande de Redondela. Luis Paadin, autor da «Guía de Vinos, Bodegas y Destilados de Galicia 2022», sinalou que nas catas a cegas que fai para a elaboración da súa guía dos viños galegos, sempre atopa alma nos viños con IXP. Juan Carlos Vázquez Abal, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), repasou os retos para unha viticultura sostible, onde as IXPs teñen moito que dicir pola súa raigame tradicional e vínculo co territorio. Xavier Blanco da Fundación Legar puxo o foco no vínculo entre cultura vitícola e música nun encontro ao que acudiron adegueiros de toda Galicia.

O encontro supuxo o peche a un ano de actividades de Viños das IXP de Galicia, un proxecto de cooperación dos Grupos de Desenvolvemento Rural no que colaboran 15 adegas repartidas entre as catro Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia. Este proxecto pretende impulsar o sector vitivinícola de cada unha das indicacións establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

Tanto o Subdirector de relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural da Agader (Xunta de Galicia), Moisés Blanco Paradelo, como o xerente do GDR Pontevedra-Morrazo, José María Tobío, coordinador do proxecto, sinalaron a necesidade de dar continuidade ás actividades deste proxecto co obxectivo de dar a coñecer estes produtos tamén no ámbito urbano, potenciar o asociacionismo e seguir explorando as oportunidades que plantexan os recursos etnoturísticos que rodean a actividade das adegas.

Publicado en novas