Reflexión, e música foron protagonistas no encontro celebrado onte no Museo Meirande de Redondela. Luis Paadin, autor da «Guía de Vinos, Bodegas y Destilados de Galicia 2022», sinalou que nas catas a cegas que fai para a elaboración da súa guía dos viños galegos, sempre atopa alma nos viños con IXP. Juan Carlos Vázquez Abal, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), repasou os retos para unha viticultura sostible, onde as IXPs teñen moito que dicir pola súa raigame tradicional e vínculo co territorio. Xavier Blanco da Fundación Legar puxo o foco no vínculo entre cultura vitícola e música nun encontro ao que acudiron adegueiros de toda Galicia.

O encontro supuxo o peche a un ano de actividades de Viños das IXP de Galicia, un proxecto de cooperación dos Grupos de Desenvolvemento Rural no que colaboran 15 adegas repartidas entre as catro Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia. Este proxecto pretende impulsar o sector vitivinícola de cada unha das indicacións establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

Tanto o Subdirector de relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural da Agader (Xunta de Galicia), Moisés Blanco Paradelo, como o xerente do GDR Pontevedra-Morrazo, José María Tobío, coordinador do proxecto, sinalaron a necesidade de dar continuidade ás actividades deste proxecto co obxectivo de dar a coñecer estes produtos tamén no ámbito urbano, potenciar o asociacionismo e seguir explorando as oportunidades que plantexan os recursos etnoturísticos que rodean a actividade das adegas.

Publicado en novas

O evento celebrarase o vindeiro venres 7 de outubro ás 17.30 no Museo Meirande de Redondela. Abrirá o faladoiro o sumiller Luis Paadín, sumiller, autor da «Guía de Vinos, Bodegas y Destilados de Galicia 2022», cun relatorio titulado «Retos nun mercado cambiante: posicionamento das IXP». Juan Carlos Vázquez Abal, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), continuará poñendo o foco nos retos para unha viticultura sostible nos nosos días.

O mestre gaiteiro, artesán e técnico en cultura tradicional Xavier Blanco, da Fundación Legar, abordará nunha actuación musical a representación da música tradicional na cultura do viño.

O evento rematará coa degustación de viños galegos con IXP. O encontro servirá tamén como resumo das actividades desenvolvidas no último ano dentro do proxecto de cooperación para a Dinamización e promoción das Indicacións Xeográficas Protexidas de Viños de Galicia, que dende novembro de 2021 percorreu catro das IXP galegas para dar a coñecer os seus produtos: viños de calidade, auténticos e diversos, que manteñen valores artesanais con arraigamento histórico e empregando materias primas naturais coidadas por produtores locais.

A asistencia é gratuíta con prazas limitadas. É necesario inscribirse a través da web viños.ixp.gal

Publicado en novas

O GDR Pontevedra Morrazo foi seleccionado como organización candidata a converterse en entidade colaboradora da AGADER na xestión da medida Leader Galicia 2023-27.

Na Xunta Directiva celebrada onte deuse conta da preselección do GDR como entidade colaboradora e da concesión dunha subvención orientada á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño da futura estratexia de desenvolvemento local participativo para o período 2023-27.

Deste xeito a Xunta Directiva acordou lanzar o proceso de elaboración da EDLP que deberá estar finalizado antes do 20 de decembro de 2022.

Publicado en novas

Durante todo o día tiveron lugar, na contorna da Capela da Esperela (Paderne), as cuartas Xornadas de divulgación e Túnel do viño das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia, coa IXP Terra de Betanzos como anfitrioa. Institucións, e expertos coincidiron na importancia do valor diferencial e identitario dos viños con indicación xeográfica. Profesionais da hostalería e público xeral puideron comprobar a calidade diferencial destes viños nas catas comentadas que se celebraron pola tarde.

José González Vázquez, Conselleiro de Medio Rural, José Ramón Rioboo Castro, alcalde de Culleredo e Delegado de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible da Deputación da Coruña, César Longo Queijo, Alcalde de Paderne e Xosé Antonio Santiso Miramontes, Alcalde de Abegondo e Presidente GDR As Mariñas Betanzos presidiron a mesa insitucional dende a que se deu lectura a un manifesto de apoio ás IXP, importante ferramenta para o desenvolvemento rural. Todos coincidiron na importancia dos produtos que aportan calidade diferencial, como son os viños con indicación xeográfica protexida, no desenvolvemento do medio rural en afrontar retos como o da posta en valor do territorio e evitar o abandono de terras. Tamén en recoñecer o labor dos viticultores e adegueiros que traballan con paixón na elaboración destes viños.

 17

As estratexias de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, as características do branco lexítimo (variedade por excelencia da IXP Terra de Betanzos), o papel das Oficinas Agrarias Comarcais no desenvolvemento das IXP de Viños ou a promoción de produtos agroalimentarios dende a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo foron os temas que se abordaron nos faladoiros, tras os que se mantivo un debate co público asistente.

 8

Pola tarde, no Túnel do viño, persoas do sector da hostalaría como público xeral puideron coñecer e probar viños das catro Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia, a través de catas comentadas polo sumiller Martiño Santos Canosa, que puxo o foco nas potencialidades dos viños das IXP como complemento dunha oferta gastronómica actual, así como a singularidade das diferentes marcas que se comercializan baixo cada unha das Indicacións, que nos permiten coñecer novas variedades de uvas.

Publicado en novas

As estratexias de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, as características do branco lexítimo (variedade por excelencia da IXP Terra de Betanzos), o papel das Oficinas Agrarias Comarcais no desenvolvemento das IXP de Viños ou a promoción de produtos agroalimentarios dende a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo serán algúns dos temas que se abordarán nos faladoiros que se van celebrar no entorno da Capela da Esperela (Paderne) o vindeiro martes 12 de xullo.

Ese mesmo día celebrarase un acto institucional de apoio no que participarán representantes de concellos do ámbito de Betanzos e da administración pública galega.

Pola tarde e no mesmo lugar terá lugar o túnel do viño, no que profesionais da hostalaría e público xeral poderán coñecer os viños desta Indicación Xeográfica Protexida así como das outras tres que existen en Galicia a través de catas comentadas. 

A asistencia aos eventos é gratuíta con prazas limitadas. Por iso é necesario inscribirse a través da web viños.ixp.gal

DESCARGAR PROGRAMA

INSCRICIÓN GRATUITA 

Publicado en novas

O vindeiro xoves, 7 de xullo, celebraremos unha xornada técnica de divulgación sobre o novo decreto de artesanía alimentaria impartida e financiada por Agacal, co fin de animar aos operadores deste ámbito a inscribirse baixo esta marca de calidade diferenciada. 

Así, a formación levarase a cabo na sede do GDR Pontevedra Morrazo en horario de mañá (10,00 a 13,00 horas). Ao longo da xornada abordaranse os obxectivos deste selo e as condicións xerais para a produción de alimentos artesáns, ademais da normativa reguladora correspondente, o control e certificación da actividade artesá e a flexibilización das normas de hixiene. Tamén se tratará o propio proceso de inscrición ao selo e o inicio da actividade artesanal.

Ademais, tamén haberá un apartado sobre prácticas innovadoras, así como exemplos de normas técnicas. Descargar Programa.

Compre sinalar que o pasado 4 de marzo foron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) as primeiras 14 normas técnicas que veñen desenvolver o decreto que regula a artesanía alimentaria na nosa comunidade, así como os distintivos que identificarán os produtos artesáns, os produtos artesáns da casa e os produtos artesáns de montaña.

CapturaAAlimentaria

En cada unha destas normas fíxanse, entre outras cuestións, as materias primas autorizadas, os procesos de elaboración permitidos e prohibidos, e o límite máximo de produción artesanal. Tamén se indica como debe ser a presentación e envasado, as especificacións para os produtos artesáns caseiros e os controis de calidade e a sistemática da rastrexabilidade necesaria para proporcionar aos consumidores todas as garantías.

Os interesados en asistir a esta xornada divulgativa poderán cumprimentar a solicitude de inscrición na seguinte ligazón, https://forms.gle/UdtiKhYhHtT9Xa6D9. Se precisan máis información, poderán chamar ao número 627 570 950 ou escribir ao enderezo de Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Publicado en novas

O sábado 28 de maio tivo lugar, no Pazo de Goiáns (Boiro), o terceiro Túnel do viño das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia, na que foi protagonista a IXP Barbanza-Iria. Institucións, adegueiros, profesionais da hostalería e público xeral brindaron polos viños das IXP de Galicia, viños de calidade e comprometidos coa preservación do patrimonio cultural e vitivinícola.

O túnel inaugurouse coa lectura dunha declaración institucional a través da que se busca o compromiso das entidades locais cos viños das Indicacións Xeográficas Protexidas para a promoción dos seus viños, o fomento do seu consumo e o reforzo do sector vitícola no territorio. Esta declaración contou co apoio dos Concellos de Boiro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Dodro, Valga, Pontecesures, Catoira, Portas, Ribadumia, Ribeira e outros concellos que forman parte da IXP Barbanza-Iria e comarcas limítrofes, así como adegueiros de toda Galicia, o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, a presidenta da asociación Ambar, e representantes dos Grupos de Desenvolvemento Rural Deloa e Salnés-Ulla-Umia, así como dos outros GDR que participan no proxecto.

Pola tarde, no Túnel do viño, case un cento de persoas tanto do sector da hostalaría como público xeral puideron coñecer e probar viños das catro Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia, a través de catas comentadas polo sumiller Martiño Santos Canosa, que puxo o foco nas potencialidades dos viños das IXP para como complemento dunha oferta gastronómica actual, así como a singularidade das diferentes marcas que se comercializan baixo cada unha das Indicacións, que nos permiten coñecer novas variedades de uvas.

Durante a semana, celebráronse tamén dúas xornadas divulgativas en Valga e Rianxo nas que o asociacionismo no sector vitivinícola e a recuperación de terras para o seu cultivo foron os temas centrais. Na xornada do martes, José María Bello Maneiro, alcalde de Valga, deu a benvida aos participantes e referiuse á tradición vinícola de Valga, que ten como principal expoñente á caña do país, e anunciou que o Concello está a promover xunto a Consellería do Medio Rural a creación dunha zona de plantación de viñedos no municipio. Juan Manuel Vidal Seage, alcalde de Pontecesures e presidente do GDR Salnés-Ulla-Umia, sinalou a necesidade de establecer unha simbiose entre adegas e insitucións. Pola súa banda, José Luis Cabarcos, Director da AGACAL, despois de presentar as potencialidades de futura lei da cadea alimentaria puxo o foco na importancia do futuro das IXP de viño dentro da proxección de produtos de calidade e variedades autóctonas a nivel nacional e internacional.

Na segunda das xornadas, Inés Santé Riveira, Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, destacou as posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para impulsar a produción das catro indicacións xeográficas protexidas do viño galegas, e respondeu as cuestións que lle plantexaron os adegueiros presentes. O Alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, puxo o foco no apoio da súa corporación a proxectos que impliquen a posta en valor do territorio.

 

Publicado en novas

O asociacionismo no sector vitivinícola e a recuperación de terras para o seu cultivo serán os temas centrais das xornadas divulgativas que se celebrarán en Valga e Rianxo os días 24 e 25 de maio. O sábado 28 terá lugar no Pazo de Goiáns (Boiro), o Túnel do viño, no que profesionais da hostalaría e público xeral poderán coñecer os viños desta IXP e das outras tres que existen en Galicia. Ese mesmo día, celebrarase un acto institucional de apoio no que participarán representantes de concellos e da administración pública.  

Descargar Programa Valga, Rianxo e Túnel do viño en Boiro 

A asistencia aos eventos é gratuíta e as prazas son limitadas. Por iso é necesario inscribirse a través da web viños.ixp.gal.

Dentro do proxecto de cooperación Viños das IXP de Galicia, que percorre todo o territorio galego, celebraranse durante unha semana unha serie de eventos destinados a coñecer e impulsar os viños que se elaboran baixo as catro Indicacións Xeográficas Protexidas que existen en Galicia. Os viños das IXP son viños de calidade, auténticos e diversos, que maneteñen valores artesanais con arraigamento histórico e empregan materias primas naturais coidadas por produtores locais. De aí o lema da campaña que acompaña o proxecto: «Viños que falan de nós»

As xornadas divulgativas estarán centradas no asociacionismo do sector e na recuperación de terras para o cultivo, polo que as protagonistas serán as quince adegas que colaboran no proxecto. Participarán tamén a Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé Riveira, o Director Xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luís Cabarcos, alcaldes, representantes da administración pública e dos Grupos de Desenvolvemento Rural Deloa e Salnés-Ulla-Umia, así como do resto de GDRs que cooperan no proxecto.


No túnel do viño poderanse probar viños das catro IXP de viño de Galicia en catas comentadas que se celebrarán ao longo do día, poñendo o foco nos da IXP Terra de Barbanza-Iria.

 

Programa

Martes 24 de maio
Valga (Centro de Interpretación da Caña do País)

18:30
Benvida institucional
José María Bello Maneiro (Alcalde de Valga)
Juan Manuel Vidal Seage (Alcalde de Pontecesures. Presidente do GDR Salnés-Ulla-Umia)
José Luis Cabarcos Corral (Director Xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.Consellería do Medio Rural)

18:45
Novo marco normativo da calidade alimentaria en Galicia
José Luis Cabarcos Corral

19:10
Implicacións da Lei da cadea alimentaria para as adegas das IXP de Viños de Galicia
Xosé Manuel Fernández Castro (Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural

19:35
Conclusións do Taller sobre asociacionismo das IXP e implicacións normativas

20:15
Degustación de viño da zona
Adega Torres Augusti

Mércores 25 de maio
Rianxo (Auditorio Municipal)

17:30
Benvida institucional
Adolfo Muíños Sánchez (Alcalde de Rianxo. Secretario do GDR Deloa)
Inés Santé Riveira (Directora Xeral de Desenvolvemento Rural. Consellería do Medio Rural)
Francisca Gago Guillán (Xerencia do GDR Deloa)

17:45
A lei de recuperación de terra agraria de Galicia
Inés Santé Riveira

18:15
Faladoiro: Como empregar a normativa para o desenvolvemento vitícola na IXP. Aproveitamento de terras para a viticultura na IXP Barbanza-Iria
Inés Santé Riveira
Adolfo Muíños Sánchez
Adegueiros da IXP

19:45
Degustación de viño da zona:
Cazapitas, Adega Entre os Ríos e Bodegas Antonio Saborido

Sábado 28 de maio
Boiro (Pazo de Goiáns)

12:00
Visita ao Pazo de Goiáns e á mostra dos viños das IXP

12:30
Acto institucional de apoio e promoción dos viños da IXP Terra de Barbanza e Iria

17:00
Catas de viño comentadas para profesionais (canle HORECA)

18:30
Catas de viño comentadas abertas ao público

 

Un proxecto de cooperación 

6 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e 15 Adegas das 4 Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de viños de Galicia xuntan os seus esforzos nun proxecto de cooperación para dinamizar o sector vitivinícola e contribuír a súa consolidación e crecemento futuro. 

Os obxectivos do proxecto son dinamizar os operadores e establecer canles de colaboración entre as catro IXP vitícolas de Galicia, impulsando o sector vitivinícola en cada un dos territorios; contribuír a consolidar e/ ou aumentar o número de marcas comerciais; mellorar as canles de divulgación, promoción e comercialización dos viños así como a formación en proxección e comercialización dos elaboradores, favorecendo un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas. Tamén se busca favorecer o posicionamento como destino enoturístico das comarcas que forma cada IXP.


O proxecto está co-financiado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Publicado en novas
Adega Os Areeiros, de Vilaboa, ven de acadar un dos 15 premios Gran Ouro co seu albariño na categoría de viños brancos tranquilos no IV Concurso Nacional de viños Vinespaña. O certame organizado pola Federación Española de Enoloxía (FEAE) tivo lugar do 28 ao 30 de abril no Balneario de Laias, en Cenlle (Ourense). 
Ademais, o albariño Praia do Santo da Adega Ardán, ubicada en Marín, tamén conseguiu unha medalla de Prata na mesma categoría, e Os Areeiros outro Ouro na modalidade de viños de variedades minoritarias.
SOMOS UNHA MARCA DE GARANTÍA, SOMOS CALIDADE.
Ribeiras do Morrazo, SER QUEN SOMOS.
Viños das IXP de Galicia, VIÑOS QUE FALAN DE NÓS.
Publicado en novas

Durante todo o día tivo lugar, no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense), a segunda Xornada de divulgación e Túnel do viño das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia, na que foi protagonista a IXP Val do Miño-Ourense. Institucións, adegueiros, profesionais da hostalería e público xeral brindaron polos viños das IXP de Galicia, viños de calidade e comprometidos coa preservación do noso patrimonio cultural e vitivinícola.

Gabriel Alén Castro (Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense), Luis Jorge Álvarez Ferro (Xefe Territorial da Consellería do Medio Rural), Rosendo Luis Fernández Fernández (Vicepresidente da Deputación de Ourense), Moisés Blanco Paradelo (Subdirector Xeral de Relacións cos GDR) Rogelio Martínez (Expourense), Manuel Seoane Rodríguez (Presidente de ADERCOU) e representantes dos Concellos de Amoeiro, Barbadás, Cartelle, Coles, Gomesende, Nogueira de Ramuín, Ourense, Padrenda, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Pontedeva, Quintela de Leirado, San Cibrao das Viñas e Toén e dos diferentes Grupos de Desenvolvemento Rural que participan no proxecto brindaron, xunto con adegueiros, despois da lectura dun manifesto de apoio institucional aos viticultores e viticultoras que a través da súa actividade recuperan vides e castes autóctonas e preservan a paisaxe, contribuíndo á promoción e posta en valor dos seus produto e promovendo un consumo responsable e saudable.

A xornada divulgativa comezou coa benvida institucional a cargo de Armando Ojea Bouzo, Tenente de Alcalde do Concello de Ourense, que deu paso a Moisés Blanco Paradelo,  Subdirector Xeral de Relacións cos GDR. AGADER / Xunta de Galicia, que fixo fincapé na necesidade de poñer en valor a cultura do viño a través das IXP e destacar o beneficioso impacto na recuperación de patrimonio e posta en valor de recursos enoturísticos. Manuel Seoane Rodríguez, Presidente de ADERCOU e Alcalde de A Peroxa, presentou o proxecto de cooperación e dinamización das IXP de viño de Galicia no que se enmarca este evento.

Na seguinte mesa tiveron protagonismo as adegas. Maite Maestre Manteca, xerente de Vides Singulares, explicou que o seu é un proxecto de viticultura e vida, situado na casa reitoral de Santo Eusebio (Concello de Coles), un edificio do século XVII que poñen en valor dentro da súa oferta de enoturismo. Jorge Pereira Chao, un dos tres socios de Adega Terras Mancas, explicou o como levan anos recuperando terras de cultivo en Soutomanco, na parroquia de Trasalba, Amoeiro (Ourense). Os adegueiros estiveron acompañados do profesor José Eduardo López Pereira, que fixo un percorrido histórico polos puntos de maior interese patrimonial da IXP Val do Miño-Ourense.

Por último, Isabel Otero Pombo, da Oficina Agraria Comarcal de Ourense da Consellería de Medio Rural e máis o experto en viticultura Francisco Rego Martínez fixeron un repaso polas características que distinguen os viños desta Indicación e da importancia da IXP como garante de calidade dos seus produtos.

Pola tarde, no Túnel do viño, case un cento de persoas tanto do sector da hostalaría como público xeral puideron coñecer e probar viños das catro Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia, a través de catas comentadas polo sumiller Martiño Santos Canosa, que puxo o foco nas potencialidades dos viños das IXP para como complemento dunha oferta gastronómica actual, así como a singularidade das diferentes marcas que se comercializan baixo cada unha das Indicacións, que nos permiten coñecer novas variedades de uvas.

Publicado en novas