Este xoves, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o GDR Pontevedra Morrazo celebrou o FORO FINAL DE DESENVOLVEMENTO RURAL 2023_27 que culmina o proceso participativo para elaborar a estratexia dos vindeiros anos do territorio.

No foro afondouse a necesidade de deseñar unha estratexia que coordine e integre todos os elementos, todas as accións e actuacións sobre o territorio dirixíndoas a conseguir o obxectivo xeral de promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, a inclusión social e o desenvolvemento local.

Para isto o plan abarcará pequenos investimentos destinados á diversificación das actividades non agrícolas no rural reforzando o sector agrario e forestal e mellorando a competitividade das zonas rurais e fomentando ao mesmo tempo un modelo produtivo diversificado e respectuoso co medio ambiente.

No que se refire ao conxunto da economía rural, para mellorar a calidade de vida da poboación rural, o Plan priorizará os investimentos destinados á prestación de servizos básicos que axuden a manter as persoas no rural, creando emprego e reducindo o risco de pobreza.

Ademais fíxose fincapé na sustentabilidade ambiental e na necesidade de conservación dos recursos naturais das zonas rurais, apostando pola adopción de prácticas agrícolas e gandeiras respectuosas co medio ambiente, como o uso eficiente da auga, a xestión adecuada dos residuos e o uso reducido de pesticidas e fertilizantes químicos.

Entre outras accións, promoverase a protección e conservación da biodiversidade no rural mediante o fomento de prácticas agroecolóxicas, a creación de espazos naturais protexidos e a restauración de ecosistemas degradados. Fomentarase o uso de enerxías renovables no sector rural, promovendo a instalación de sistemas de enerxía solar, eólica ou outros limpos. Tamén se buscará promover a economía circular nas comunidades rurais, promover a reutilización, a reciclaxe e a redución de residuos.

Estas medidas contribuirán á conseguir un rural máis sostible dende o punto de vista ambiental, onde se promoverá a biodiversidade, se reducirá a pegada ecolóxica e se promoverá a transición cara a unha economía verde.

Publicado en novas

O GDR Pontevedra Morrazo foi seleccionado como organización candidata a converterse en entidade colaboradora da AGADER na xestión da medida Leader Galicia 2023-27.

Na Xunta Directiva celebrada onte deuse conta da preselección do GDR como entidade colaboradora e da concesión dunha subvención orientada á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño da futura estratexia de desenvolvemento local participativo para o período 2023-27.

Deste xeito a Xunta Directiva acordou lanzar o proceso de elaboración da EDLP que deberá estar finalizado antes do 20 de decembro de 2022.

Publicado en novas