Este xoves, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o GDR Pontevedra Morrazo celebrou Xunta directiva e Asemblea xeral, nas que se aprobou, entre outros asuntos a Estratexia de desenvolvemento participativo (EDLP) 2023_27 que orientará os fondos europeos do Programa LEADER dos vindeiros anos no territorio.

A estratexia coordina e integra todos os elementos, todas as accións e actuacións sobre o territorio dirixíndoas a conseguir o obxectivo xeral de promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, a inclusión social e o desenvolvemento local.

Para isto o Plan de acción contempla pequenos investimentos destinados á diversificación das actividades non agrícolas no rural reforzando o sector agrario e forestal e mellorando a competitividade das zonas rurais e fomentando ao mesmo tempo un modelo produtivo inclusivo e diversificado, que tende cara a dixitalización, a transición ecolóxica e a sostibilidade

No que se refire ao conxunto da economía rural, para mellorar a calidade de vida e benestar social da poboación rural, o Plan prioriza os investimentos destinados á prestación de servizos básicos que axuden a manter as persoas no rural, creando emprego e reducindo o risco de pobreza.

Ademais dase prioridade aos proxectos vinculados aos diferentes instrumentos establecidos na Lei de recuperación dá terra agraria de Galicia, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural.

No Plan de acción tamén se incorpora unha nova forma para fomentar o emprego no rural; o Bono activa rural. Trátase dunha axuda a tanto global destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrícolas en zonas rurais. A axuda non se vinculará á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón ao mantemento da actividade e ao cumprimento dun plan empresarial que deberá demostrar a súa viabilidade técnica e económica, apoiándose nas condicións de mercado.

No plan de formación afondase na viticultura sustentable proporcionando coñecementos e habilidades para implantar prácticas sostibles na produción de viño e contribuír ao desenvolvemento dun sector máis responsable e respectuoso co medio ambiente, e na Silvicultura sustentable, para implantar prácticas forestais sostibles, centrándose en cultivos alternativos á madeira, como as oliveiras e as castañas, e aproveitando as oportunidades dos mercados de carbono.

No plan de cooperación, contémplase 4 proxectos, en colaboración cos GDR de Galicia, que teñen como finalidade:

  • Realizar unha aposta pola produción agrogandeira de carácter artesanal e de calidade diferenciada, aproveitando os selos existentes a tal efecto, e potenciando a colaboración entre diferentes sectores e territorios.
  • Valorizar dunha maneira cooperativa os servizos ecosistémicos que prestan as comunidades de montes, incluidos os dereitos de carbono, apostando por un modelo de xestión forestal sostible e circular.
  • Apostar polo desenvolvemento do enoturismo ligado ás IXP vitícolas de Galicia, para promocionar os viños das IXP, ao tempo que se xera maior valor engadido para as explotacións e se contribúe a dinamizar a economía local, poñendo tamén en valor os recursos e o patrimonio local.
  • Apostar pola dixitalización do tecido económico local, promovendo un maior acceso á dixitalización e novas tecnoloxías por parte de pequenas empresas, co obxectivo de gañar maior competitividade no acceso aos mercados.

Finalmente, a estratexia tamén contempla actuacións propias do GDR no ámbito da animación e dinamización territorial, como o desenvolvemento da “Ruta dos viños oceánicos” da IXP Ribeiras do Morrazo, o proxecto "Memoria sonora" de activación da memoria a través da música de Raíz nos centros de día subvencionados polo GDR, ou a campaña de sensibilización ambiental para preservar a paisaxe, así como mesas redondas, xornadas , seminarios etc. para poñer en valor poñer en valor e potenciar a Estratexia e contribuír ao desenvolvemento do territorio e a reforzar a gobernanza das súas entidades.

Publicado en novas

O Foro Virtual celebrado este mércores permitiu poñer en común e contrastar con todas as persoas e entidades participantes a diagnose realizada e a definición de prioridades estratéxicas 2023_27 do territorio. Ademais puidéronse tratar e debater as propostas de proxectos piloto do ámbito agrario e forestal, xurdidas dos diferentes paneis estratéxicos convocados polo GDR nos que participaron diversas persoas, colectivos, entidades, empresas, universidades e centros de investigación do territorio.

Trátase de proxectos de carácter innovador, con capacidade de arrastre e relevantes para a economía e a sociedade.

En concreto abordouse un proxecto do ámbito agrario que explora novas vías para loitar contra as enfermidades do viñedo para acadar a través do coñecemento científico e as novas tecnoloxías unha viticultura máis sustentable e respectuosa co medio. O proxecto centrarase nas castes autóctonas máis comúns na IXP Ribeiras do Morrazo, albariño, tinta femia (caiño tinto) e mencia e a variedade ratiño, como singularidade dentro da D.O. Rias Baixas do territorio. O proxecto, no que participarán adegueiros e viticultores do territorio, contará co apoio técnico e científico da Misión Biolóxica de Galicia e da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

No ámbito forestal, apostouse polas posibilidades do monte como secuestradores de carbono, ante a demanda emerxente, cada vez maior, de empresas que buscan como lograr a neutralidade carbónica reducindo e compensando as súas emisións de CO2. Trátase de que o carbono se convirta nun novo recurso forestal que anime aos propietarios do monte a practicar unha silvicultura máis sustentable. O proxecto concebido fora do mercado regulado, apela á resposabilidade social corporativa para contribuir á descarbonización do territorio apostando por proxectos forestais locais sustentables.

Publicado en novas

O GDR Pontevedra Morrazo organiza en Bueu unha xornada sobre “sistemas alternativos de cultivo na viticultura” na que se abordará a problemática do cultivo sustentable da viña, e como mellorar a saúde dos solos, para lograr mellores rendementos vitícolas, tanto en cantidade como en calidade. O evento terá lugar o día 1 de setembro ás 18:30h, no Centro Social do Mar en Bueu.

A xornada, que se enmarca dentro do proceso de dinamización que o GDR Pontevedra-Morrazo está a realizar na IXP Ribeiras do Morrazo, pretende contribuír a desenvolver as potencialidades da viticultura no territorio da IXP, e de xeito especial no Concello de Bueu, procurando a formación en aspectos de índole técnica e experimental que melloren os coñecementos e capacitación profesional do sector e de pequenos produtores, e a promoción de sistemas produtivos máis respectuosos co medio ambiente.

O acto arrancará cunha conferencia a cargo de José Manuel García Queijeiro, biólogo, experto en viticultura, profesor e investigador do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do solo da Universidade de Vigo, cunha longa traxectoria no estudo e manexo dos solos dos viñedos galegos. Seguirá unha mesa redonda con produtores, moderada por Carme Freire Cruces, labrega, formadora e recoñecida divulgadora, na que participarán representantes de tres adegas para dar a coñecer a súas experiencias na procura dun cultivo máis respectuoso co medio ambiente: Antonio Méndez Rodríguez, de Señorío de Rubiós (D.O. Rías Baixas); Antonio Alfonso Volvoreta, de Finca Volvoreta (Premio Nacional de Biodiversidade) e Manuel Primitivo Lareu López de Adegas e Viñedos Lareu (D.O. Ribeira Sacra). A sesión rematará cun debate aberto a tódolos asistentes.

Publicado en novas