A Casa do Cazador de Negueira de Muñiz acolleu unha xornada dedicada á viticultura de montaña, coa presentación do novo itinerario, catas comentadas e unha visita guiada aberta ao público
A Casa do Cazador acolleu a presentación da Ruta dos Viños entre Montañas, o itinerario enoturístico da IXP Terras do Navia, nunha xornada que pon o foco na singularidade dun dos territorios vitivinícolas máis descoñecidos e auténticos de Galicia. Con esta cita complétase o ciclo de presentación das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, un proxecto de cooperación que promove unha oferta conxunta arredor dos cinco territorios vitivinícolas das IXP galegas.
O acto institucional de apertura contou coa presenza do Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández; o Concelleiro de Obras de Navia de Suarna, Jorge Eugenio Rodríguez; o Alcalde Cervantes, Benigno Gómez; a Concelleira de Negueira de Muñiz, Raquel Díaz Barcia; o Alcalde da Fonsagrada e Presidente do GDR Montes e Vales Orientais, Carlos López; e o equipo técnico do GDR Montes e Vales Orientais, quen puxeron en valor o papel da viticultura de montaña como elemento diferenciador das Terras do Navia e destacaron o potencial do enoturismo para contribuír á dinamización do medio rural, á conservación da paisaxe e á promoción dos produtos locais.
Durante a sesión da mañá, o antropólogo Rafael Quintía presentou a Ruta dos Viños entre Montañas, un itinerario que convida a descubrir a identidade das Terras do Navia a través dos seus viñedos en socalcos, da arquitectura tradicional, da paisaxe de montaña e do patrimonio cultural asociado á cultura do viño.
A continuación, o sumiller e profesor Luis Paadín dirixiu unha cata comentada na que as persoas asistentes puideron coñecer as características e singularidades dos viños elaborados polas adegas da IXP Terras do Navia, acompañados por unha selección de produtos do territorio.
As adegas Bodega da Señora, Adega Sidrón, Adega Panchín, Adega Cancelada e Adega Vizcaín participaron tamén nesta xornada dando a coñecer os seus proxectos e contribuíndo á promoción dunha viticultura estreitamente vinculada á paisaxe, ás variedades tradicionais e á identidade destas terras.
Pola tarde, a programación, aberta ao público xeral, continuou coa presentación da ruta, unha visita guiada por parte do itinerario enoturístico e unha nova cata comentada, permitindo ás persoas participantes coñecer sobre o terreo os recursos naturais, patrimoniais e vitivinícolas que integran esta proposta.
As Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia están promovidas polos Grupos de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo (coordinador), Deloa, Mariñas-Betanzos, Ardecou, Salnés-Ulla-Umia e Montes e Vales Orientais, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, as adegas e os viticultores dos cinco territorios participantes. A iniciativa desenvólvese ao abeiro da intervención LEADER do PEPAC 2023-2027 e conta co financiamento do FEADER, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).
