A Ruta dos Viños Oceánicos esperta un gran interese polo enoturismo na súa presentación no Mosteiro de Poio

A nova proposta da IXP Ribeiras do Morrazo reuniu a profesionais do sector, representantes institucionais e público xeral arredor da cultura do viño, a paisaxe e o patrimonio atlántico

Poio, 3 de xullo de 2026. O Mosteiro de Poio acolleu este venres a presentación da Ruta dos Viños Oceánicos, o itinerario enoturístico da IXP Ribeiras do Morrazo, nunha xornada que congregou a unhas 150 persoas entre representantes institucionais, profesionais dos sectores vitivinícola, turístico e hostaleiro, adegas, persoal técnico dos GDR e público xeral.

A proposta forma parte das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, unha iniciativa que convida a percorrer cinco territorios singulares onde o viño se converte no fío condutor para descubrir a paisaxe, a cultura, o patrimonio e as tradicións que lles dan identidade.

Durante a apertura institucional, Rocío Cochón, Concelleira de Urbanismo e Turismo do Concello de Poio; Araceli Gestido, Alcaldesa do Concello de Cangas; e Romina Fernández, Directora de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra, destacaron a capacidade do enoturismo para transformar os recursos locais en experiencias de valor, xerando riqueza, fortalecendo a identidade territorial e contribuíndo á promoción dos viños e dos atractivos turísticos da comarca.

Pola súa banda, o xerente do GDR Pontevedra-Morrazo e coordinador do proxecto, José María Tobío, contextualizou a iniciativa dentro do terceiro proxecto de cooperación desenvolvido polas IXP de Viño de Galicia e salientou “a importancia da cooperación entre territorios e adegas para construír unha oferta turística diferenciada baseada no viño, a cultura, a gastronomía e o patrimonio”.

A continuación, o antropólogo Rafael Quintía presentou a Ruta dos Viños Oceánicos, un itinerario que propón descubrir a singular cultura vitivinícola do Morrazo a través da súa relación histórica co Atlántico, os seus recursos patrimoniais e a súa paisaxe costeira.

A sesión da mañá completouse cunha cata comentada dirixida por Luis Paadín, na que as persoas asistentes puideron coñecer as características e singularidades dos viños da IXP Ribeiras do Morrazo, maridados con produtos locais.

Un percorrido entre viño, mar e patrimonio

Xa pola tarde, a programación continuou cunha experiencia práctica para descubrir sobre o terreo os recursos que forman parte da ruta. O percorrido incluíu a visita ao histórico lagar e aos viñedos do Mosteiro de Poio, continuando por Cela (Bueu), berce da variedade autóctona Tinta Femia, e por algúns dos espazos máis emblemáticos da península do Morrazo, como O Hío, e a Costa da Vela, onde paisaxe, historia e viticultura conforman unha identidade única.

A xornada rematou cunha nova cata comentada aberta ao público xeral, consolidando unha proposta que combina coñecemento, experiencia e contacto directo co territorio.

Durante toda a xornada, as persoas participantes tamén puideron achegarse ao espazo expositivo das seis adegas que integran actualmente a IXP Ribeiras do Morrazo: Bodegas Costas de Exportación, Adega Ardán, Adega Os Areeiros, Mercedarios Monasterio de Poio, Reboraina e Videiras no Mar, que deron a coñecer os seus proxectos e os viños elaborados neste territorio atlántico.

O proxecto e próxima cita

As Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia están promovidas polos Grupos de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo (coordinador), Deloa, Mariñas-Betanzos, Ardecou, Salnés-Ulla-Umia e Montes e Vales Orientais, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, as adegas e os viticultores dos cinco territorios participantes.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro da intervención LEADER do PEPAC 2023-2027 e conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

O ciclo de presentacións pecharase o vindeiro luns 13 de xullo na Casa do Cazador de Negueira de Muñiz, coa presentación da Ruta dos Viños Entre Montañas, correspondente á IXP Terras do Navia.