O GDR Pontevedra Morrazo participou onte na xuntanza convocada pola Consellería de Medio Rural para abordar o futuro do programa LEADER no Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, celebrada en Santiago de Compostela.
Durante o encontro, representantes institucionais e dos grupos de desenvolvemento rural galegos coincidimos na necesidade de garantir un financiamento estable e suficiente para o programa LEADER, ferramenta clave para o impulso do emprendemento, a innovación e a cohesión territorial no medio rural.
O novo marco financeiro europeo prevé un Fondo Europeo para a Cohesión Económica, Social e Territorial, que integrará diversas políticas e fondos, entre eles a PAC, a Cohesión e o Fondo Social Europeo. Sen embargo, o financiamento de LEADER dependerá das decisións de cada Estado Membro, polo que é fundamental un compromiso firme co medio rural e cos Grupos de Desenvolvemento Local.
Desde o GDR Pontevedra Morrazo, defendemos que LEADER é unha historia de éxito que debe continuar: o rural precisa políticas participativas, próximas e con recursos suficientes para seguir transformando o territorio.
#SomosGDR #Leader2028 #proxectosquetransforman #ImpulsoRural #DesenvolvementoLocal
