O albariño "Raigames" de Bodegas Costas, foi galardoado co Gran Ouro, o máximo recoñecemento deste prestixioso concurso nacional de viños que organiza a Federación Española de Asociacións de enoloxía. Un premio que pon en valor non só a calidade excepcional deste viño, senón tamén o gran potencial do sector vitivinícola da nosa comarca.
Ademais, "Os Areeiros" de Vilaboa, logo de conseguir en 2024 un merecido Gran Ouro, tamén acadou unha Medalla de Prata, cun albariño, colleita 2023.
Unha logro para o noso territorio e o seu crecemento
Estes galardóns non só destacan o talento e o esforzo dos produtores locais, senón que tamén reforzan a posición da IXP Ribeiras do Morrazo como un selo de calidade que impulsa os nosos viños no panorama vitivinícola galego e estatal. A consolidación desta indicación xeográfica protexida é clave para o desenvolvemento rural, pois contribúe á dinamización económica, á creación de emprego e á valorización dos nosos recursos naturais.
Os viños premiados son un reflexo do noso territorio: elaborados con variedades autóctonas, cun marcado carácter atlántico e respectando a tradición, pero sempre coa mirada posta na innovación. Estes recoñecementos son un paso máis cara á consolidación dos viños do Morrazo como produtos de excelencia.
Compromiso co futuro do sector vitivinícola
Desde o GDR Pontevedra Morrazo, seguiremos traballando para apoiar proxectos que, apostan pola calidade, a sostibilidade e a identidade territorial. Cada paso que damos na promoción e valorización dos nosos produtos supón un avance cara a un rural máis forte, dinámico e recoñecido.