O túnel do viño do Pazo de Goiáns en Boiro pecha a semana de eventos do Barbanza das IXP de viños de Galicia

O sábado 28 de maio tivo lugar, no Pazo de Goiáns (Boiro), o terceiro Túnel do viño das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia, na que foi protagonista a IXP Barbanza-Iria. Institucións, adegueiros, profesionais da hostalería e público xeral brindaron polos viños das IXP de Galicia, viños de calidade e comprometidos coa preservación do patrimonio cultural e vitivinícola.

O túnel inaugurouse coa lectura dunha declaración institucional a través da que se busca o compromiso das entidades locais cos viños das Indicacións Xeográficas Protexidas para a promoción dos seus viños, o fomento do seu consumo e o reforzo do sector vitícola no territorio. Esta declaración contou co apoio dos Concellos de Boiro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Dodro, Valga, Pontecesures, Catoira, Portas, Ribadumia, Ribeira e outros concellos que forman parte da IXP Barbanza-Iria e comarcas limítrofes, así como adegueiros de toda Galicia, o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, a presidenta da asociación Ambar, e representantes dos Grupos de Desenvolvemento Rural Deloa e Salnés-Ulla-Umia, así como dos outros GDR que participan no proxecto.

Pola tarde, no Túnel do viño, case un cento de persoas tanto do sector da hostalaría como público xeral puideron coñecer e probar viños das catro Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia, a través de catas comentadas polo sumiller Martiño Santos Canosa, que puxo o foco nas potencialidades dos viños das IXP para como complemento dunha oferta gastronómica actual, así como a singularidade das diferentes marcas que se comercializan baixo cada unha das Indicacións, que nos permiten coñecer novas variedades de uvas.

Durante a semana, celebráronse tamén dúas xornadas divulgativas en Valga e Rianxo nas que o asociacionismo no sector vitivinícola e a recuperación de terras para o seu cultivo foron os temas centrais. Na xornada do martes, José María Bello Maneiro, alcalde de Valga, deu a benvida aos participantes e referiuse á tradición vinícola de Valga, que ten como principal expoñente á caña do país, e anunciou que o Concello está a promover xunto a Consellería do Medio Rural a creación dunha zona de plantación de viñedos no municipio. Juan Manuel Vidal Seage, alcalde de Pontecesures e presidente do GDR Salnés-Ulla-Umia, sinalou a necesidade de establecer unha simbiose entre adegas e insitucións. Pola súa banda, José Luis Cabarcos, Director da AGACAL, despois de presentar as potencialidades de futura lei da cadea alimentaria puxo o foco na importancia do futuro das IXP de viño dentro da proxección de produtos de calidade e variedades autóctonas a nivel nacional e internacional.

Na segunda das xornadas, Inés Santé Riveira, Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, destacou as posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para impulsar a produción das catro indicacións xeográficas protexidas do viño galegas, e respondeu as cuestións que lle plantexaron os adegueiros presentes. O Alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, puxo o foco no apoio da súa corporación a proxectos que impliquen a posta en valor do territorio.