O GDR participa na Mesa de Turismo da provincia de Pontevedra

O GDR Pontevedra - Morrazo ven de participar na Mesa de Turismo da provincia de Pontevedra celebrada o 26 de abril de forma telemática e na que se renovaron os integrantes da mesma e se validou o Plan Estratéxico Provincial de Turismo 2021-2023, iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra co obxectivo de definir a estratexia a seguir para consolidar ás Rías Baixas como un territorio turístico intelixente aliñado coa Norma UNE178501 e coa Axenda 2030 das Nacións Unidas, así como para establecer un sistema de medición que sirva para orientar a acción do servizo de Turismo da Deputación de Pontevedra. O Plan Estratéxico ten unha estimación orzamentaria de 16 millóns de euros cara ao período 2021-2023 así como a incorporación de fondos europeos que permitirán mobilizar ata 20 millóns de euros no desenvolvemento do conxunto das accións. En total recóllense 46 plans de actuacións con 269 accións operativas con elementos moi identificativos da nosa provincia como son os festivais de música, os castelos, o enoturismo, a gastronomía, a ruta da camelia, a ornitoloxía, os Camiños de Santiago, e outros fundamentais para a competitividade como o SICTED, os workshops e feiras promocionais, o programa SMARTPEME, a rede de oficinas de turismo, os programas de fondos europeos, así como accións de comunicación e promoción como o Programa de sensibilización ao sector sobre sustentabilidade, o Programa de sensibilización ao sector sobre a igualdade de xénero e empoderamento das mulleres ou o Programa de sensibilización sobre accesibilidade turística.