Presentación campaña #Rachemos Coa Indiferenza

Este mércores 20 de novembro presentouse a campaña dixital de sensibilización para prevención da violencia de xénero #RACHEMOS COA INDIFERENZA que está a desenvolver o GDR Pontevedra Morrazo na Casa da Luz do Concello de Pontevedra coa asistencia de Miguel Anxo Fernández Lores, como presidente do GDR e alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Ángel Pérez Dubois, como Director Xeral da Agader e Ana Ortiz Álvarez como Secretaria Xeral da Xunta de Galicia en Pontevedra. Ademais, tamén asistiron alcaldes, concelleiros e persoal técnico dos servizos de atención á muller dos diferentes concellos vencellados ao GDR.

Conscientes de que a violencia de xénero é un problema social e non só das mulleres agredidas e que a eliminación da violencia é un reto de toda a sociedade que require unha actuación conxunta e a máxima colaboración e cooperación, o GDR PONTEVEDRA MORRAZO pon en marcha esta CAMPAÑA DIXITAL DE SENSIBILIZACIÓN ENFOCADA Á CONCIENCIACIÓN SOCIAL EN MATERIA DE PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO dentro do acordo de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza e a Consellería de Medio rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a posta en marcha dalgunha das medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A campaña deseñouse co obxectivo de contribuír á reflexión sobre a problemática da violencia de xénero e sensibilizar á poboación de cara a súa prevención e á promoción da igualdade e consiste no deseño e realización dunha imaxe e slogan así como a creación de tres vídeos curtos para a difusión nos distintos espazos web e redes sociais dos 13 concellos vencellados ao GDR Pontevedra Morrazo.