A Xunta Directiva e Asemblea do GDR celebrada onte no Pazo da Cultura de Pontevedra acordaron, entre outros asuntos, a presentación da candidatura do GDR Pontevedra Morrazo como entidade colaboradora da Xunta de Galicia para a xestión da medida LEADER de Galicia 2023_27.

Os traballos preparatorios iniciáronse o pasado 2 de xuño, data na que se publicaron as bases reguladoras para a selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras na medida Leader de Galicia para o período 2023-2027, para a concesión de axudas orientadas á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo para o período de programación 2023-2027, cofinanciadas polo fondo Feader, e para a aprobación de estratexias de desenvolvemento local, así como a correspondente convocatoria, para as anualidades 2022 e 2023.

Na Asemblea xeral aprobouse a modificación dos estatutos necesaria para cumprir as condicións de admisibilidade do novo período, destacando a importancia da participación activa dos socios e outras entidades do territorio nas actuacións preparatorias.

Ademais deuse conta da campaña de “portas abertas” que o GDR está a desenvolver para darse a coñecer e promover a participación das diferentes asociacións de mulleres, mozos, entidades de acción social, relacionadas coa protección e/ou mellora do ambiente, sector agrario, cultural, asociacións de empresarios e profesionais, etc. do territorio.

Tamén se destacou na reunión, a importancia  da participación pública dentro do proceso participativo para elaborar a nova estratexia do territorio, xa que para optar a converterse en entidade colaboradora da medida LEADER de Galicia para o período 2023_2027, o GDR deberá desenvolver entre outras as seguinte actuacións:

  • Elaboración dunha análise e diagnóstico do contexto territorial, socioeconómico e normativo, para o que se desenvolverán eventos, consultas, reunións, e outros procesos de participación activa tanto cos grupos de interese da entidade ou institucións doutros territorios cuxa utilidade sexa manifesta para a correcta configuración das accións preparatorias.
  • Elaboración dunha análise exhaustiva da evolución dos programas europeos de desenvolvemento rural nos períodos de programación anteriores, para identificar éxitos e propostas de mellora que permita propoñer estratexias e procedementos innovadores, adaptados á nova realidade do territorio e ao marco normativo vixente.
  • Deseño de liñas estratéxicas e propostas de actuación para incluír na futura estratexia, coherentes coas características, necesidades e potencialidades do territorio afectado.
  • Análise do novo marco normativo e institucional, e impacto previsible na futura estratexia, centrado no ámbito territorial correspondente.
  • Análise da situación actual de uso e xestión do territorio correspondente, centrado nas posibilidades de recuperación da terra agraria.
  • Análise das posibilidades de cooperación con outros territorios.
  • Propostas de coordinación coas restantes propostas de estratexias de desenvolvemento local de Galicia.
  • Plans de animación, que incluirá o desenvolvemento de accións para involucrar os actores locais para deseñar as liñas estratéxicas: actividades de formación e de animación; asesoramento; fomento da participación en proxectos piloto e, en xeral, fomento das capacidades dos actores locais de xestión dos proxectos.
  • Análise e proposta de proxectos piloto en prol do desenvolvemento rural, que poidan servir de exemplo replicable dentro do territorio da entidade seleccionada, ou mesmo en toda a Comunidade Autónoma.
  • Plan de acción.
  • Normas para a xestión da estratexia de desenvolvemento local, Plan de seguimento e Plan financeiro do gasto público previsto.
Publicado en novas