Ruth Gundín Villar. Proxecto: Explotación agrícola para produción de viñedo e oliveiras (Verducido)

Para ter futuro hai que coidar o noso expertise agrario

Ruth Gundín Villar é enxeñeira agrónoma e paixasista e xunto ao seu home teñen claro dende fai tempo que unha vida no agro sería estimulante para eles e para os seus fillos. Por convicción e por elección, compraron unha preciosa finca en Verducido (Pontevedra), que leva por nome Bouciña Nova no 2009 e solicitaron licenza ao concello de Pontevedra para a explotación agraria que querían levar a cabo.

A idea inicial era arranxar a casa en ruínas que ten a finca e irse a vivir para alí. Pero ate o 2016 non obtiveron a licenza por parte do concello e nese tempo naceron dous pequenos e outras necesidades máis inmediatas se presentaron. “Nós temos nenos e queremos que os rapaces teñan contacto co rural: sen natureza e agricultura non hai nada.”

Chegados ao momento actual plantexáronse que facer coa finca, de 8.000 metros cadrados, xa que o transcurso do tempo fai que comece, segundo as súas palabras, a medrar o desarraigo. Xa tiñan plantadas algunhas árbores nobres e froiteiras e pensaron en facer unha plantación ordenada de froiteiras autóctonas recuperando variedades pero o tempo tamén fixo que reconsideraran ese proxecto. Agora mesmo teñen que facer algúns traballos de reubicación de árbores para poder abordar o novo proxecto para o cal solicitaron a axuda do GDR.

Despois de estudalo en detalle, e de asesorarnos tamén, optamos por plantar viñedo e oliveiras. O do viñedo xurdiu pola oportunidade que representa a existencia da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo. Ademais, a finca xa tivera viñedo, está moi ben orientada, moi soleada en dúas terrazas e por cuestións administrativas tamén se podía perder o seu rexistro vitivinícola”.

Pero Ruth non quere montar unha adega, nin transformar os produtos da plantación, de momento. Plantarán albariño porque é unha uva que ten demanda no mercado para a elaboración de viño. Coas oliveiras, que plantarán en menor extensión, tamén teñen previsto vendela a algunha almazara. De calquera xeito, esta é unha produción que tardará en chegar pero que teñen moitas gañas de ver como se adapta a esta zona.

A variedade que queremos plantar non é das mais demandadas no mercado, cultivaremos unha variedade portuguesa que está moi ben adaptada ao norte de Portugal e non da maiores problemas no seu cultivo.”

Esta promotora quere facer un proxecto integral, sen adiantarse moito, con prudencia, e ver como se vai decantando a produción. A partir de aí tampouco desbotan sacar algunha elaboración artesanal cos produtos. Ruth tamén é técnica agroalimentaria e atráelle facer transformados con produtos da finca.

Cre, así mesmo, que os produtos diferenciados do noso agro teñen futuro e lle resulta inconcibíbel o abandono e o desaproveitamento dos recursos do rural e que na formación de capacitación agraria, en xeral, non se aborden máis estes temas.

O ano pasado fixo intención de solicitar as axudas do GDR para definir a potencialidade da finca cara a unha actividade turística ou agropecuaria. Finalmente agardaron ata este ano para solicitar a axuda cunha idea máis clara e pensada do que facer co terreo. Tamén foi moi importante para decidirse a atención recibida por parte do GDR e as facilidades na tramitación da axuda.

Non se coñecen moito as axudas do GDR. Eu entereime polo meu home que traballa en Medio Rural. Pero en xeral na administración, nin entre elas, parece ser que non se comunican moito as axudas dos fondos dos GDR”

Esta finca ten un valor para a contorna moi grande; coidala supón manter a paisaxe, aproveitar produtivamente as terras, dinamizar o rural económica e socialmente, dalo a coñecer cos produtos xerados e ofrecer a posibilidade de que a xente se acerque a visitar e experimentar estes proxectos. Valores todos intrínsecos da Responsabilidade Social Corporativa coa cal os dous promotores se senten plenamente identificados.

Queremos un sistema de produción pero tamén algo máis, que nos conecte e conectar co rural. Queremos que nos gratifique persoalmente porque o que vaia a dar a finca non se sabe”.

Para Ruth, como paisaxista, a agricultura é un xeito de conservar e coidar a paisaxe do rural. Por este motivo este proxecto vincula a produción agropecuaria co coidado da contorna. Dous aspectos produtivos intimamente vinculados, segundo ela, xa que un produto agrícola diferenciado require dun espazo con narrativa propia como é o agro galego.

Ruth leva moito tempo pensando como darlle xeito a este proxecto, o tempo fai que reconsidere certas cousas, pero o espírito segue intacto. Por iso cre que tería interese que houbera mais conexión, incluso colaboración, entre proxectos que se están a levando a cabo no ámbito rural. Outra sinatura pendente tamén é contar cos Centros de Investigación existentes na nosa Comunidade Autónoma como apoio e interlocutor imprescindible.

En Galicia hai xente e experiencias no rural de moito interese e valor. Estas persoas traballan duro polos seus proxectos, pero a soidade acostuma ser grande. Habería que solucionar isto”