O Pazo de Mariñán acolleu unha xornada con catas, visitas guiadas e a presentación dun novo itinerario vinculado á IXP Viño da Terra de Betanzos
O Pazo de Mariñán (Bergondo) acolleu este luns a presentación da Ruta dos Viños da Biosfera, unha proposta enoturística que pon o foco na singularidade da IXP Viño da Terra de Betanzos e na súa estreita relación coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Este novo itinerario forma parte das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, un proxecto de cooperación promovido 6 Grupos de Desenvolvemento Rural das 5 IXP, que busca dar a coñecer Galicia a través da conexión entre viño, gastronomía, patrimonio, paisaxe e identidade territorial. A ruta dos Viños da Biosfera é unha das cinco propostas que integran esta iniciativa.
A xornada reuniu a máis de cen persoas, entre representantes institucionais, profesionais dos sectores vitivinícola, turístico e hostaleiro, adegas, persoal técnico dos GDR e público interesado
Xosé Regueira, vicepresidente y diputado de turismo de la Diputación de Coruña; Sergio Platas, vicepresidente de la RDA Mariñas-Betanzos y vicepresidente del Consejo de Dirección de la Reserva de la Biosfera Mariñas Coruñesas y José Ramón Lorenzo, concelleiro de Medio Ambiente, Equipamentos Públicos e Seguridade do concello de Bergondo participaron no acto institucional de apertura e destacaron o potencial do enoturismo como ferramenta para dinamizar o territorio, visibilizar os viños locais e crear experiencias turísticas de calidade vinculadas ao patrimonio e aos recursos propios da comarca.
Tras a sesión inaugural, o antropólogo Rafael Quintía foi o encargado de presentar a Ruta dos Viños da Biosfera, un percorrido que invita a descubrir a paisaxe, a cultura e a tradición vitivinícola das Terras de Betanzos a través dos seus principais recursos patrimoniais e enogastronómicos.
A continuación, as persoas asistentes participaron nunha cata comentada dirixida por Luis Paadín, na que puideron coñecer as características e singularidades dos viños da IXP Betanzos, maridados con produtos locais.
As adegas Beade, Bordel e Rilo, integrantes desta indicación xeográfica, contaron cun espazo propio para presentar os seus viños e compartir co público a diversidade e riqueza vitivinícola dun territorio que mantén viva unha tradición centenaria.
Xa pola tarde, a programación continuou cunha visita guiada polos recursos incluídos no novo itinerario enoturístico, seguida dunha nova cata comentada aberta ao público.
A Ruta dos Viños da Biosfera nace co obxectivo de consolidar o Viño da Terra de Betanzos como un dos elementos identitarios da comarca, contribuíndo á promoción dun modelo de turismo sostible baseado na autenticidade, na paisaxe e na cultura do territorio.
O proxecto
As Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia constitúen un proxecto promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo (coordinador), Deloa, Mariñas-Betanzos, Ardecou, Salnés-Ulla-Umia e Montes e Vales Orientais, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, as adegas, os viticultores e outros axentes dos cinco territorios participantes.
A iniciativa desenvólvese ao abeiro da intervención LEADER do PEPAC 2023-2027 e conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).
