Presentación da Ruta dos Viños con Esencia de Río da IXP de Val do Miño-Ourense

O Pazo de Trasalba reuniu a profesionais do sector, representantes institucionais e público interesado no desenvolvemento do enoturismo
O Pazo de Trasalba (Amoeiro) acolleu este luns a segunda das Xornadas das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, centrada nesta ocasión na IXP Val do Miño-Ourense e na presentación da súa Ruta dos Viños con Esencia de Río.
A iniciativa forma parte do proxecto de cooperación “Desenvolvemento do Enoturismo nas IXP de Viño de Galicia”, promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural participantes en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, as adegas e os viticultores dos cinco territorios implicados.
No acto institucional de apertura participaron José Luís González López, alcalde de Amoeiro; Manuel Seoane Rodríguez, presidente do GDR Adercou e alcalde da Peroxa; Eduardo López, presidente da Fundación Otero Pedrayo; e José Antonio Armada, director territorial da Consellería do Medio Rural, quenes subliñaron o potencial do enoturismo como motor de desenvolvemento territorial, a súa capacidade para visibilizar os viños e recursos locais e o seu papel na creación de experiencias turísticas de calidade.
A xornada reuniu a arredor de cen persoas, entre representantes institucionais, profesionais dos sectores vitivinícola, turístico e hostaleiro, adegas, persoal técnico dos GDR e público xeral.
Durante o encontro presentouse a Ruta dos Viños con Esencia de Río, un itinerario que propón descubrir o territorio do Val do Miño-Ourense a través dos seus viños, das súas paisaxes fluviais e do seu patrimonio cultural. O programa incluíu tamén catas comentadas dos viños da IXP polo sumiller e profesor Luis Paadín e unha visita guiada polos recursos integrados na ruta da man do antropólogo Rafael Quintía.
As adegas Vides Singulares: Adega Ferreiros e Terras Mancas, integrantes da IXP, participaron activamente na xornada, dando a coñecer os seus viños e contribuíndo á promoción do territorio.