A Ruta dos Viños Mareiros inaugura en Boiro as Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia

O Pazo de Goiáns (Boiro) acolleu este martes 16 de xuño a primeira das Xornadas das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, unha iniciativa que busca promover unha nova forma de descubrir Galicia a través dos seus territorios vitivinícolas, conectando viño, gastronomía, patrimonio e paisaxe baixo unha proposta común.
A primeira cita do programa estivo dedicada á IXP Barbanza e Iria, coa presentación da súa Ruta dos Viños Mareiros, un itinerario que pon en valor a estreita relación entre o viño, o mar e a identidade cultural dun territorio marcado pola influencia atlántica.
A xornada, organizada polos GDR Deloa e Salnés-Ulla-Umia, reuniu, entre as sesións de maña e tarde, a preto de cen persoas, entre representantes institucionais, profesionais da hostalería e do turismo, adegas, viticultores, prescritores, persoal técnico dos Grupos de Desenvolvemento Rural e público xeral.
A programación arrancou cunha reunión de traballo orientada á creación e fortalecemento da Rede de Colaboradores das IXP de Viño de Galicia, na que participaron adegas e representantes dos distintos territorios implicados no proxecto.
Posteriormente celebrouse o acto institucional de apertura, no que participaron José Ramón Romero García, alcalde de Boiro e Juan Manuel Vidal Seage, presidente do GDR Salnés-Ulla-Umia,quen destacaron o potencial do enoturismo como ferramenta para a valorización do territorio, a dinamización económica do rural e a promoción dos viños das IXP galegas.
Durante a súa intervención, o xerente do GDR Pontevedra-Morrazo, entidade coordinadora do proxecto, contextualizou os obxectivos desta iniciativa de cooperación, que busca consolidar unha oferta enoturística diferenciada arredor das cinco IXP vitícolas de Galicia e reforzar a súa visibilidade no mercado.
Un dos momentos centrais da xornada foi a presentación da Ruta dos Viños Mareiros, a cargo do antropólogo Rafael Quintía, quen explicou as claves dun itinerario enoturístico e cultural de dous días de duración que conecta as tres adegas da IXP Barbanza e Iria con diversos recursos patrimoniais, paisaxísticos e culturais da comarca.
A sesión da mañá completouse cunha cata comentada dirixida por Luis Paadín, na que os asistentes puideron descubrir as características dos viños da IXP acompañados por unha selección de produtos gastronómicos locais.
Ao longo da xornada tamén permaneceu aberto un espazo expositivo dos itinerarios e dos viños, no que participaron as adegas Entre os Ríos, Castellum Augusti e Cazapitas, achegando ao público unha mostra da diversidade e singularidade dos viños elaborados neste territorio.
Xa pola tarde, a actividade trasladouse ao propio territorio coa realización dunha visita guiada por algúns dos principais recursos incluídos na ruta. Esta experiencia permitiu ás persoas participantes coñecer de primeira man os lugares, paisaxes e elementos patrimoniais que conforman a proposta enoturística da IXP Barbanza e Iria.
A xornada concluíu cunha nova cata comentada e maridada con produto local, reforzando unha das ideas centrais do proxecto: que os viños das IXP son tamén unha porta de entrada para descubrir a cultura, a gastronomía e a identidade dos territorios onde nacen.