Os viños das IXP acreditan en Paderne a súa relevancia no desenvolvemento do medio rural como produtos de calidade diferenciada

Durante todo o día tiveron lugar, na contorna da Capela da Esperela (Paderne), as cuartas Xornadas de divulgación e Túnel do viño das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia, coa IXP Terra de Betanzos como anfitrioa. Institucións, e expertos coincidiron na importancia do valor diferencial e identitario dos viños con indicación xeográfica. Profesionais da hostalería e público xeral puideron comprobar a calidade diferencial destes viños nas catas comentadas que se celebraron pola tarde.

José González Vázquez, Conselleiro de Medio Rural, José Ramón Rioboo Castro, alcalde de Culleredo e Delegado de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible da Deputación da Coruña, César Longo Queijo, Alcalde de Paderne e Xosé Antonio Santiso Miramontes, Alcalde de Abegondo e Presidente GDR As Mariñas Betanzos presidiron a mesa insitucional dende a que se deu lectura a un manifesto de apoio ás IXP, importante ferramenta para o desenvolvemento rural. Todos coincidiron na importancia dos produtos que aportan calidade diferencial, como son os viños con indicación xeográfica protexida, no desenvolvemento do medio rural en afrontar retos como o da posta en valor do territorio e evitar o abandono de terras. Tamén en recoñecer o labor dos viticultores e adegueiros que traballan con paixón na elaboración destes viños.

 17

As estratexias de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, as características do branco lexítimo (variedade por excelencia da IXP Terra de Betanzos), o papel das Oficinas Agrarias Comarcais no desenvolvemento das IXP de Viños ou a promoción de produtos agroalimentarios dende a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo foron os temas que se abordaron nos faladoiros, tras os que se mantivo un debate co público asistente.

 8

Pola tarde, no Túnel do viño, persoas do sector da hostalaría como público xeral puideron coñecer e probar viños das catro Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia, a través de catas comentadas polo sumiller Martiño Santos Canosa, que puxo o foco nas potencialidades dos viños das IXP como complemento dunha oferta gastronómica actual, así como a singularidade das diferentes marcas que se comercializan baixo cada unha das Indicacións, que nos permiten coñecer novas variedades de uvas.