Adegas, institucións e GDR promocionan en Ourense os viños galegos con Indicación Xeográfica Protexida

Durante todo o día tivo lugar, no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense), a segunda Xornada de divulgación e Túnel do viño das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia, na que foi protagonista a IXP Val do Miño-Ourense. Institucións, adegueiros, profesionais da hostalería e público xeral brindaron polos viños das IXP de Galicia, viños de calidade e comprometidos coa preservación do noso patrimonio cultural e vitivinícola.

Gabriel Alén Castro (Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense), Luis Jorge Álvarez Ferro (Xefe Territorial da Consellería do Medio Rural), Rosendo Luis Fernández Fernández (Vicepresidente da Deputación de Ourense), Moisés Blanco Paradelo (Subdirector Xeral de Relacións cos GDR) Rogelio Martínez (Expourense), Manuel Seoane Rodríguez (Presidente de ADERCOU) e representantes dos Concellos de Amoeiro, Barbadás, Cartelle, Coles, Gomesende, Nogueira de Ramuín, Ourense, Padrenda, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Pontedeva, Quintela de Leirado, San Cibrao das Viñas e Toén e dos diferentes Grupos de Desenvolvemento Rural que participan no proxecto brindaron, xunto con adegueiros, despois da lectura dun manifesto de apoio institucional aos viticultores e viticultoras que a través da súa actividade recuperan vides e castes autóctonas e preservan a paisaxe, contribuíndo á promoción e posta en valor dos seus produto e promovendo un consumo responsable e saudable.

A xornada divulgativa comezou coa benvida institucional a cargo de Armando Ojea Bouzo, Tenente de Alcalde do Concello de Ourense, que deu paso a Moisés Blanco Paradelo,  Subdirector Xeral de Relacións cos GDR. AGADER / Xunta de Galicia, que fixo fincapé na necesidade de poñer en valor a cultura do viño a través das IXP e destacar o beneficioso impacto na recuperación de patrimonio e posta en valor de recursos enoturísticos. Manuel Seoane Rodríguez, Presidente de ADERCOU e Alcalde de A Peroxa, presentou o proxecto de cooperación e dinamización das IXP de viño de Galicia no que se enmarca este evento.

Na seguinte mesa tiveron protagonismo as adegas. Maite Maestre Manteca, xerente de Vides Singulares, explicou que o seu é un proxecto de viticultura e vida, situado na casa reitoral de Santo Eusebio (Concello de Coles), un edificio do século XVII que poñen en valor dentro da súa oferta de enoturismo. Jorge Pereira Chao, un dos tres socios de Adega Terras Mancas, explicou o como levan anos recuperando terras de cultivo en Soutomanco, na parroquia de Trasalba, Amoeiro (Ourense). Os adegueiros estiveron acompañados do profesor José Eduardo López Pereira, que fixo un percorrido histórico polos puntos de maior interese patrimonial da IXP Val do Miño-Ourense.

Por último, Isabel Otero Pombo, da Oficina Agraria Comarcal de Ourense da Consellería de Medio Rural e máis o experto en viticultura Francisco Rego Martínez fixeron un repaso polas características que distinguen os viños desta Indicación e da importancia da IXP como garante de calidade dos seus produtos.

Pola tarde, no Túnel do viño, case un cento de persoas tanto do sector da hostalaría como público xeral puideron coñecer e probar viños das catro Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia, a través de catas comentadas polo sumiller Martiño Santos Canosa, que puxo o foco nas potencialidades dos viños das IXP para como complemento dunha oferta gastronómica actual, así como a singularidade das diferentes marcas que se comercializan baixo cada unha das Indicacións, que nos permiten coñecer novas variedades de uvas.

No hay próximos eventos!