Administracións Locais e outras institucións e entidades de Galicia apoian os viños das IXP de Galicia, no primeiro túnel do viño celebrado na IXP de Ribeiras do Morrazo

Máis información e fotos: https://www.facebook.com/media/set/?vanity=vinos.ixp.gal&set=a.121618863647547

Unha ampla representación institucional deu lectura á declaración institucional de apoio aos viños elaborados baixo as Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia e nomeadamente aos da IXP Ribeiras do Morrazo, diante de adegueiros de todos os territorios que se achegaron este sábado á inauguración do 1º Túnel dos Viños das IXP de Galicia.

O Evento, que se celebrou na sede do GDR Pontevedra Morrazo, enmarcase dentro do proxecto de cooperación      “Dinamización e promoción das IXP vitícolas de Galicia” no que participan os 6 GDR (Pontevedra Morrazo, Galicia Suroeste Eurural, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Deloa) e 15 adegas dos territorios das IXP.

No Acto participaron José Luis Cabarcos Corral, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra e María Ramallo Vázquez, alcaldesa de Marín, que deu lectura do manifesto rodeada dos alcaldes do resto dos concellos que forman parte da IXP Ribeiras do Morrazo, así como representantes da Deputación de Pontevedra, Concello de Ponte Caldelas, o Servizo de Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, a Asociación de GDRs de Galicia, o Concello de Pontecesures, o Concello de Caldas de Reis, así como as adegas colaboradoras e os Grupos de Desenvolvemento Rural cooperantes. 

No evento, o presidente do GDR Pontevedra-Morrazo e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández, destacou a importancia das Indicacións Xeográficas Protexidas para poder seguir ampliando as áreas de cultivo e conservar viñas ancestrais. Sinalou que e diversidade que reúnen os viños das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia é unha oportunidade para introducirse nun mercado no que os consumidores valoran cada vez máis a variedade e a singularidade dos produtos. 

José Luis Cabarcos Corral, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dirixiuse aos adegueiros presentes destacando o compromiso da administración pública coa produción das IXP e coincidiu na importancia da compoñente diferencial e de calidade para favorecer a comercialización internacional dos viños de Galicia.

Declaración institucional

A alcaldesa de Marín, María Ramallo Vázquez, deu lectura da declaración institucional de apoio dos concellos aos viños das IXP de Galicia, que partiu da consideración das «IXP como importante ferramenta para o desenvolvemento rural, que como marca colectiva da viabilidade a pequenas producións locais [...] e que ademais de dar a coñecer o territorio potencian outras actividades económicas complementarias». É por isto que os concellos de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa se comprometen a «contribuír á promoción e posta en valor destes viños», especialmente dos amparados na IXP Ribeiras do Morrazo da que forman parte, «apoiando as adegas, facilitando a participación en eventos públicos, empregando os seus viños nos actos celebrados polas institucións», promovendo a cooperación e tamén o seu «consumo responsable e saudable.

Exposición dos viños das IXP de Galicia e catas comentadas.

Con este acto institucional inaugurouse o primeiro dos Túneles do Viño das IXP de Galicia. Os túneles son espazos de mostra e difusión dos viños. Contan cun espazo expositivo onde se describe o contexto cultural e xeográfico dos viños das catro IXP de Galicia: Val do Miño-Ourense, Terra de Barbanza e Iria, Terrra de Betanzos e Terras do Morrazo. Ademais, ao longo do día desenvolvéronse catas comentadas dirixidas a diferentes perfís: institucionais, hostelaría, prescritores e público xeral nas que participaron máis de cen persoas que puideron coñecer de primera man as propiedades duns viños «que falan de nós», da terra, do lugar, da súa orixe, e en definitiva que falan da memoria do que somos e do que queremos ser.

O proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Máis información e fotos: https://www.facebook.com/media/set/?vanity=vinos.ixp.gal&set=a.121618863647547