Procedemento de xestión

Selección de Proxectos

O GDR é o responsable de aplicar o procedemento de selección de proxectos en función dunha serie de principios que definirán o seu proceder á hora de actuar. Estes principios son tamén aplicables ás actuacións que desenvolve o propio grupo como entidade xestora do FEADER:

  • A igualdade e non discriminación na asignación dos fondos públicos. Todas as persoas concorrerán nas mesmas condicións ao procedemento, se ben a estratexia pode primar que determinados colectivos sexan prioritarios, o cal se establecerá nos criterios de baremación dos proxectos.
  • A transparencia do gasto público. A definición duns criterios baremables obxectivamente e un procedemento claro e coñecido por todos os potenciais promotores, garantirán unha correcta decisión de que proxectos aprobar ou rexeitar.
  • A publicidade, vinculada ao principio anterior, garantirá o coñecemento por todas as persoas e entidades dos procedementos vinculados ao programa de axudas, etc. Teranse en conta todas as disposicións regulamentarias recollidas no Regulamento 1305/2014, no referente á información e comunicación e a privacidade dos datos. Tamén se terán en conta as medidas de publicidade relativas aos proxectos financiados.
  • O procedemento evitará o conflito de intereses. As persoas que formen parte do órgano encargado da selección e aprobación dos proxectos asinarán unha declaración de ausencia de conflito de intereses, con carácter previo ás diferentes convocatorias de axuda.
    A eficacia é outro dos principios que o GDR terá presente, co obxectivo último de dar cumprimento aos fins que se formula na estratexia, mediante o cumprimento dos seus obxectivos, dunha maneira sistemática, ordenada e cuantificada.
  • A eficiencia do gasto público. Este principio debe terse presente non só no que respecta á aplicación da EDLP (programa de axudas), senón tamén no que respecta aos custos correntes e de animación do programa.
  • Consenso á hora de tomar decisións. Malia a que estatutariamente se contemple unha regra de maiorías á hora de adoptar decisións, o GDR terá en conta as normas que eviten o conflito de intereses, intentando procurar que as decisións se adopten por consenso.

Proceso

A selección e aprobación de proxectos constará dos seguintes pasos:

1. A convocatoria do programa de axudas é aberta, podéndose presentar solicitudes de axuda ata o 31 de marzo de 2020. Estas solicitudes serán presentadas no GDR, as cales serán rexistradas debidamente, deixando constancia deste trámite. Existen unha serie de formularios normalizados para a súa presentación.

2. Recepción da solicitude. O equipo técnico será o responsable de analizar en primeira instancia que a solicitude cumpre o réxime de axudas para a súa admisibilidade, así como que contén toda a información necesaria. En caso contrario, requirirase á persoa ou entidade solicitante para que subsane as deficiencias atopadas nun prazo de dez días, coa indicación de que se así non o fixera teráselle por desistido da súa petición e procederá o arquivo do expediente, en función da normativa vixente sobre o réxime xurídico das administracións públicas e o procedemento administrativo común (art. 71 da lei 30/1992 do 26 de novembro, e modificacións sucesorias). Completada a solicitude, comprobarase a información pertinente e a veracidade dos datos, co obxectivo da súa futura selección. Se o promotor non presenta a documentación solicitada farase o informe de control de elixibilidade desfavorable.

3. Acta de non inicio. Nun prazo dos 10 días seguintes á recepción da solicitude, o GDR realizará unha visita in situ, para comprobar que o inicio dos gastos ou investimentos non se efectuou, levantando a correspondente acta.

4. Análise da solicitude e da documentación. Valoración da solicitude en función dos criterios definidos nesta estratexia, das normas do GDR para a súa xestión, nos criterios de selección e priorización dos proxectos, así como na suxeición a outras normas que garantan a instrución debida do expediente, realizarase a correspondente valoración da solicitude. Para isto, o equipo técnico realizará o correspondente informe de viabilidade e de control de elixibilidade do proxecto (ICE).

5. Remisión de solicitude de verificación do ICE a AGADER. As solicitudes que sexan conformes, e que por tanto teñan un informe favorable, serán remitidas a Agader, incluíndo a maiores do informe, a documentación necesaria para valorar a elixibilidade do proxecto. Tamén se remitirán as solicitudes con informe desfavorable, co obxectivo de que Agader contraste e revise tal información. O GDR remitirá a solicitude de verificación do ICE a AGADER cando estea completa a documentación.

6. Verificación da solicitude na Agader. A axencia verificará os expedientes emitindo un informe de verificación de ICE, pronunciándose sobre a elixibilidade do proxecto, así como do cumprimento da normativa que será de aplicación por parte do GDR. Para a fundamentación da decisión terase en conta o establecido no PDR de Galicia, o réxime de axudas e normativa reguladora do FEADER, a normativa sectorial de aplicación do proxecto e os principios de complementariedade e coherencia co resto de políticas do marco galego. Si se apreciasen carencias de documentación a axencia requirirá a documentación ao GDR. Se a mesma está no GDR, este remitiralla a AGADER e se non a ten requiriralla ao promotor dándolle un prazo de 10 días para presentala. Indicaráselle que de non na presentala, se entenderá que desiste da solicitude, procedendo ao arquivo do expediente.
Unha vez que estea a documentación completa AGADER remitirá a verificación do ICE ao GDR.

7. Proposta de selección de proxectos pola Xunta Directiva. A xunta directiva do GDR emitirá unha proposta de selección de proxectos (con anterioridade ao 30 de xuño de cada ano, para as solicitudes presentadas ata o 31 de marzo de cada ano, e previsiblemente con anterioridade ao 31 de agosto para as solicitudes presentadas ata o 31 de maio de cada ano) que teñan verificación favorable do ICE. Dita proposta incluirá a lista de proxectos subvencionables, ordenada en función da puntuación acadada no baremo e tendo en consideración o límite de orzamento máximo dispoñible, que quede consignado no correspondente plan financeiro da estratexia e conveniado coa Agader. Esta proposta diferenciará entre proxectos produtivos e non produtivos, indicando nestes últimos os que correspondan ás entidades públicas locais e ao resto de entidades. Os proxectos non produtivos irán ordenados por prioridades, primeiro os de prioridade alta, logo os da media e logo os de baixa. Tamén incluirá a distribución da axuda en cada anualidade e o prazo máximo co que contará cada proxecto para a súa execución.

8. Concesión de axuda. O GDR trasladará a proposta motivada á Agader, co fin de que esta emita a resolución de axuda, en virtude do acordo tomado pola xunta directiva do GDR, ou órgano competente. Teranse en conta as propostas de concesión ou denegación. O Director Xeral de Agader resolverá sobre a concesión ou denegación da axuda, en función dos termos establecidos na proposta de resolución da Xunta Directiva.

 

procedemento

 

A forma e prazos de notificación ao interesado, aceptación da axuda, xustificación documental do gasto, resolución de pago e controis posteriores fixaranse no réxime de axuda.

No caso de non esgotarse o orzamento podería realizarse unha segunda proposta de adxudicación de axudas ata o límite de crédito dispoñible para a anualidade. Esta proposta realizaríase antes do 31 de agosto, tendo como referencia as solicitudes de axuda presentadas antes do 31 de maio, as cales deberían ter o ICE verificado por parte de Agader.

As propostas que non poidan acceder ao financiamento por esgotarse este, formarán parte dunha lista de agarda, na que se ordenarán en función da súa prioridade; estas solicitudes deben ter o ICE verificado por Agader.

As solicitudes que non fosen verificadas por Agader en tempo, ou ben que quedaran excluídas por falta de crédito, poderán concorrer á seguinte convocatoria, sen que isto supoña ningunha prioridade, e sempre e cando exista manifestación expresa a tal efecto por parte da persoa ou entidade solicitante.

Se durante a instrución dun expediente e a elaboración do ICE, o GDR aprecia que o proxecto non é elixible, que non cumpre os requisitos para ser subvencionable, emitirase unha solicitude de verificación de ICE desfavorable e enviarase a AGADER para a súa verificación. Se polo contrario o seu promotor desiste do procedemento, poderá dárselle traslado directamente á xunta directiva do GDR, ou órgano competente, para que tome o acordo de arquivo correspondente. Esta decisión trasladarase a Agader, que terá en conta a motivación exposta polo GDR.

En relación con este procedemento, todas as reunións da xunta directiva ou órgano decisorio, estarán documentadas coas correspondentes actas, reflectíndose nas mesmas todas as persoas participantes, as decisións ou acordos adoptados e os motivos de conflito de intereses, de existiren. En cada convocatoria, as persoas que formen parte deste procedemento deben asinar a correspondente declaración de ausencia de conflito de interese.

Eventos -Calendario

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
Ningún evento vindeiro!