Transporte adaptado para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias neurodexenerativas

  • Promotor: Asociación de familiares de enfermos de alzheimer do Morrazo.
  • Localización: Moaña
  • Orzamento: 34.980,00 €
  • Axuda Aprobada: 24.486,00 €

A Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer do Morrazo (AFAMO) trátase dunha entidade sen ánimo de lucro que nace con data 14/09/2000 para atender ás demandas dun colectivo de familias e persoas afectadas polas graves consecuencias da enfermidade de alzhéimer e outras demencias. Está inscrita como Entidade prestadora de Servizos Sociais con data 23/06/2001, e é Declarada de Utilidade Pública con data 18/06/2007.

O seu ámbito de actuación é comarcal, actuando nos municipios de Moaña, Cangas, Bueu e Vilaboa. E ten como principal finalidade: Prestar asistencia psicolóxica aos familiares; Axudar no coidado diario da persoa afectada informando, formando, asesorando e apoiando ao coidador principal e familia; Tratamento e rehabilitación da persoa afectada mediante o uso de terapias non invasivas (estimulación cognitiva, reminiscencia, terapia de orientación á realidade, psicomotricidade, fisioterapia e saídas terapéuticas, etc).

O proxecto presentado abrangue a adquisición dun elemento de transporte adaptado, que permita realizar un servizo integral de transporte cunha furgoneta preparada especificamente para atender persoas afectadas polo alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, usuarios/as dos servizos e programas de estimulación da AFAMO dende os seus domicilios ata os devanditos programas, e ampliar as actividades de carácter lúdico dende a asociación (excursións, visitas, saídas terapéuticas e culturais). Así mesmo, este novo servizo contribuirá a:

- Aumentar a participación nos programas terapéuticos e de estimulación, cubrindo as rutas requiridas polas persoas usuarios cunha programación adecuada e conforme coas necesidades desta poboación.

- Mellorar a calidade de vida das persoas afectadas

- Promover a autonomía persoal

- Aliviar a sobrecarga do coidador principal proporcionándolle un tempo de respiro.

Ningún evento vindeiro!