Servicios Hípicos Pontevedra S.L. Proxecto: Creación de Escola Hípica (Ponte Caldelas)

O meu soño era ter unha escola hípica: encántanme os nenos e os cabalos

Carlos Blanco é xinete de saltos profesional que lidou en multitude de campionatos, que chegou a competir en citas internacionais, incluso participou nunha Copa do Mundo. Con dezasete anos tivo un grave accidente que lle dificultou seguir na senda competitiva. Na ensinanza ecuestre para nenos, encontrou un futuro no que seguir ligado a súa paixón, os cabalos, e co mundo infantil, no cal se fai entender moi ben.

Para Carlos os cabalos representan unha paixón infantil e un estilo de vida.

Tanto Carlos como Sandra (que se encarga da xestión da escola) xa contaban con experiencia neste ámbito, pero sempre tiveron a ilusión de crear a súa hípica. Agora con este proxecto poden despregar toda a súa creatividade e construír unhas instalacións acordes a súa forma de entender a ensinanza ecuestre.

Para este emprendedor é esencial empezar unha empresa dende abaixo. Carlos, ademais de dedicarse á competición, estivo nun centro de alto rendemento de hípica en Vigo e foi alí onde tivo a súa primeira experiencia con nenos. Máis tarde formouse como Graduado Laboral, pero sempre coa cabeza posta en dedicarse aos cabalos e a ensinanza da hípica.

O proxecto o tiña na cabeza dende que empecei a montar a cabalo porque eu tiven que ir fóra de Pontevedra a facelo. Ao final quería volver e montar unha escola de equitación para nenos. Gústanme moito os rapaces dende sempre, coidalos, métome moito na súa cabeza”.

A ambición de Carlos é que o seu centro chegue a ser un clube de referencia como escola de hípica para nenos de 4 a 16 anos, onde tamén lle gustaría traballar con pais e nenos conxuntamente. As clases son de tarde como actividade extraescolar. En vacacións escolares teñen campamentos de mañá. O período mais forte da actividade da hípica é durante o período escolar.

A filosofía do centro de hípica Atlántico é o coidado e respecto polos seus cabalos. Que estean en liberdade e non en lugares pechados é esencial para eles. O cabalo ten que estar ben tratado, tendo en conta as súas necesidades; se é así o animal se convirte en algo máis que nun obxecto de monta, realmente, como din, é un psicólogo para os nenos onde o trote estimula o sistema nervioso dos rapaces.

Nós somos amantes dos cabalos, aquí non sofren e cremos que os valores que aporta a hípica son importantes para a vida. Pensamos que con esforzo e traballo todo se pode conseguir”.

O centro ecuestre Atlántico abriuse en 2018 en terreos alugados á Comunidade de Montes en Man Común de Ponte Caldelas, contando pois, cun grande espazo natural para o desenvolvemento da súa actividade.

Conta cunhas instalacións moi modernas e accesibles e cun deseño moi cálido onde a madeira sempre está presente, “como debe ser unha hípica, non unhas naves de aparencia industrial”.

Ademais, conta cun amplo aparcadoiro (porque tamén organizan eventos –“todo menos vodas”- apto para recibir camións de catering e carpas de pulpeiros), almacén para a ferramenta e apeiros, dúas impresionantes pistas de geolastic, que cando se mollan, a superficie faise elástica (unha grande no exterior e outra un pouco máis reducida cuberta) e non sofren as articulacións dos cabalos cando saltan.

Conta tamén, obviamente, coas cuadras necesarias para os vinte equinos dos que dispoñen, con duchas de auga quente (de placas solares) para os cabalos, unha ampla e cálida sala de espera para os pais con servizos diversos, e a oficina, que ademais na parte traseira fai de estancia ocasional para os donos.

O enfoque da escola é realizar unha actividade formativa, neste caso utilizando cabalos e contando coa implicación dos pais. Non buscan ter moitos alumnos/as senón agrupalos correctamente, facer as cousas ben buscando sempre un horizonte de formación integral na que sexa tan importante dominar a técnica de montar, o respecto polos animais, como a orde no guadarnés: as cousas ben feitas ben parecen, págase por montar e os rapaces aprenden tamén a ser ordenados e coidadosos.

Para o ano próximo queren facer convenios con centros de ensino da provincia para facilitar que os nenos que queiran poidan ir a aprender alí.

Nós entendemos a hípica como unha actividade non elitista. Tampouco ten porque ser cara, máis ben cremos que é un fermoso deporte no que o rapaz e mais o cabalo forman un equipo –ou sexa que non é un deporte individual- e que leva implícito unha serie de valores moi interesante e importantes para a formación dos máis pequenos. Non todo vai ser fútbol…!

A proximidade de Pontevedra, a escasos 20 minutos, é unha fortaleza da súa empresa. En Ponte Caldelas síntense acollidos e pretenden facer un pack xunto cos establecementos turísticos da localidade de cara o ofertar a escola como atractivo turístico para as familias que teñan nenos e nenas.

Carlos non quere deixar pasar a ocasión para recoñecer a axuda do seu sogro e sobre todo da do seu pai que con grande afán os apoian, a él e a Sandra, e axudan en múltiples tarefas tanto na posta a punto das instalacións como na xestión. El foi quen se informou e xestionou a axuda do GDR sen a cal, indica Carlos, non sería posible este proxecto.

O proxecto da hípica Atlántico representa un grande atractivo para un concello como Ponte Caldelas xa que aparte do emprego que xera (de momento o encargado do coidado diario dos cabalos é un empregado da localidade co cal están moi contentos), o pon no mapa dos eventos ecuestres en Galicia.

Tamén hai que resaltar o esforzo deste concello para facilitar o desempeño de empresas como esta contratando a liña wifi Aurea para que os seus veciños poidan ter un acceso a internet de altas prestacións.

Carlos e Sandra séntense moi satisfeitos co realizado pero son conscientes do traballo que queda por diante:

Ter o teu propio negocio dáche quebradoiros de cabeza pero é moi bonito.