Soluciones Conceptuales e Innovación, S.L. Proxecto: Ampliación e Modernización de Estudo de Deseño Industrial (Soutomaior)

Queremos democratizar o deseño industrial

Os socios de Soluciones Conceptuales e Innovación, S.L, Antonio e Javier, son dous mozos levando adiante unha iniciativa empresarial novidosa e pioneira en Galicia: un estudo de deseño industrial; probablemente o único existente na nosa Comunidade Autónoma orientado só ao traballo que eles especificamente fan.

Non hai moito tecido industrial na nosa comunidade e a demanda dende ela aínda non é moita, por iso somos os únicos, senón, seríamos máis”.

Situado no concello de Soutomaior, acaban de instalarse nunha diáfana casa-nave onde afrontan unha tarefa nada fácil: tratar que o deseño industrial chegue ás empresas promovendo unha maior cultura do deseño no noso tecido produtivo. Este novo espazo vai permitir mellorar a execución do seu traballo en tódolos ámbitos e poder facelo, ademais, con prototipos.

A filosofía dos dous socios é democratizar o uso do deseño industrial e que todo tipo de entidades poidan ter acceso a el, sexan grandes ou pequenas. A aposta polo rural é outra das dimensións innovadoras de este estudo xa que entenden que a actual situación é un plus engadido ao seu traballo que lles permite ter unha calidade de vida que eles desexaban. O seu lema recolle a filosofía do negocio que teñen os dous socios:

Pensamos nas persoas; o centro do nosos traballo é o usuario, as persoas que van utilizar o nosos produto”

Este enfoque non é alleo ao destacado papel que ten xogado para eles a escola na que se formaron como enxeñeiros, a EUDI -Escola Universitaria de Deseño Industrial de Ferrol-, único centro da universidade pública en España dedicado exclusivamente ao deseño industrial.

Rematamos a carreira no 2004. Despois dunha viaxe de estudos a Euskadi onde observamos o que alí había no ámbito da nosa profesión o vimos claro e decidimos que queríamos montar algo como o que temos. Para nós o paso por esta Escola foi determinante, no centro animábannos moito a emprender”.

A Escola púxoos en contacto co mercado e pouco a pouco foron avanzando. Moito do seu traballo lle chega por recomendación, aínda así fan un intenso traballo comercial.

Dende o principio tiveron claro que querían ser autónomos e iniciaron a súa aventura empresarial. No mesmo ano no que remataron os seus estudos botaron a andar a súa iniciativa para o cal contaron co apoio dun viveiro de empresas en Ferrol. Corría o ano 2005 cando se trasladaron a Pontevedra.

Estábamos nunhas oficinas en Pontevedra, aínda que o pasamos mal durante a crise, fomos a máis nos derradeiros anos”

 

Fan un balance satisfactorio do feito até chegar aquí. Destacan o valor do equipo interdisciplinar que os acompaña na travesía: deseñadores gráficos, enxeñeiros, persoal de administración. O ambiente da empresa é espectacular e moderno; non hai divisións nin despachos e respírase un ambiente de actividade, comunicación e creatividade.

Para traballar coa nosa orientación é necesario un equipo interdisciplinar moi integrado; senón fora así non tiñamos remontado a crise. Agora somos entre 8 e 10 persoas no estudo”.

A demanda dos produtos que deseñan acostuman vir pola vía da oferta, é dicir, visitan potenciais clientes e tratan de que entendan as oportunidade que ten o deseño para innovar e mellorar os produtos das súas empresas. Traballan con todo tipo de empresas: grandes e pequenas, de fóra ou locais.

Nestes momentos, o deseño de contedores (de superficie e soterrados) representa unha boa parte da súa facturación. Estes produtos deseñados para unha empresa de Ourense están competindo nos concursos públicos con multinacionais de contedores de lixo. Outro dos seus produtos estrela é un modelo de radiador (para unha empresa de Viveiro) que neste momento é capaz de competir con produtos de orixe asiática e distribuírse en mercados tan esixentes como o británico.

Para que vexades como funciona este tema: no caso da empresa de Viveiro, tes que ir empuxando para que se produzan as cousas. Levamos anos colaborando con eles pero tivemos que facer un labor de convencemento. Insistir en que si se podía facer, até que se decidiron”.

Como enxeñeiros técnicos en deseño industrial o que pretenden é resolver problemas que poidan ter ás empresas cara a mellorar os seus produtos: “menos moda deseñamos de todo, incluso xoias”.

O deseño acostuma asociarse á estética, pero Antonio e Javier se esforzan en facer entender que o deseño forma parte da innovación, que axuda a resolver problemas, a mellorar produtos e prestacións e que non resulta tan caro como pode parecer. Tamén din que “é difícil facerse entender no noso contexto cultural; non hai tradición nin se sabe ver as oportunidades que se xeran cando ti incorporas o deseño como elemento de innovación aos teus produtos”. Por ese motivo hai que empregarse a fondo na tarefa comercial e facer as propostas de xeito adecuado e comprensivo.

Queremos estar desde o principio e participar en tódalas fases para o logro do éxito do produto. Nos comprometemos e implicamos moito cós proxectos; non queremos executar o noso traballo de forma banal”.

Para Soluciones Conceptuales e Innovación S.L a axuda do GDR Pontevedra-Morrazo foi moi importante e fan unha valoración moi positiva de todo o proceso de solicitude da axuda.