Comunidade de Montes en Man Común de Salcedo. Proxecto: Parque etnoarqueolóxico das cabanas prehistóricas do Outeiro das Mouras en Salcedo

Somos un equipo cun proxecto ilusionante

Todo comeza cando entra unha nova xunta reitora na Comunidade de Monte Veciñais en Man Común (CMVMC) na parroquia de Salcedo (Pontevedra) en 2009. Unha particularidade dos montes de Salcedo é que neles está instalada a BRILAT, a brigada aerotransportable do exército, ocupando unhas 60 hectáreas. Ese ano os veciños inician un proceso de reivindicación e loita contra unha Orde ministerial de Defensa (época de Carmen Chacón) na que se pretendía impoñer unha nova franxa de seguridade por parte dos militares, afectando a 300 casas dos veciños de Salcedo.

Unha desas casas era a de Fernando Pintos Pereira que nese ano saíu elixido presidente da CCMVMC. Con anterioridade tentara participar na organización veciñal, pero non foi posible. Fernando é persoa seria con antecedentes de sindicalista e profunda conciencia social. Falamos con el pero en todo momento fai fincapé en que “somos un equipo de 14 persoas comprometidas, activas e responsables, unha grande sorte”, comenta.

Os montes de Salcedo estaban cedidos ao concello de Pontevedra dende o ano 1965, pero cando chegou a Orde ministerial o concello non actuou; esta circunstancia foi o detonante para que dende a CMVMC organizaran unha plataforma veciñal para que se atenderan as súas reivindicacións. A reclamación xudicial para recuperar o monte a gañaron en 2011. A sentencia foi firme e sentou precedente no xulgado de Pontevedra e no Tribunal Supremo. Nesta teima tamén estivemos acompañados polas comunidade de montes de Figueirido, Vilaboa e San Xulián.

Ao final fomos a Madrid e firmamos un convenio cos militares e conseguimos que nos ingresaran un canon anual importante, durante 70 anos, por ter as instalacións nos nosos montes ”

Unha vez gañado de novo o monte, e cos recursos económicos dispoñibles, nos plantexamos que facer para coidalo e poñelo en valor. A filosofía de traballo é ir cara a unha multifuncionalidade do monte e a creación dunha conciencia medioambiental e cultural ligado a el”

O primeiro que fixeron foi restaurar a orografía do terreo, eliminar a maior parte das especies invasores, algunha delas froito de experimentos de Lourizán anos atrás, e retirar os vertidos. A continuación pasaron a un plan de reforestación con frondosas, limpeza de camiños e creación de corta lumes, “plantamos 40.000 árbores, deles 8.000 foron castiñeiros”.

O monte estaba moi afectado polos movemento de terras que fixeran os militares, había vertidos incontrolados, daba pena velo. Era un monte aniquilado polas manobras militares”.

O monte xa non ten na actualidade os usos que tivo antigamente por parte dos habitantes do rural de tal xeito que a xente deulle as costas e entrou no esquecemento. Ao meso tempo, cos cambios nos estilos de vida, a xente das vilas tivo necesidade de sitios de espallamento. Coa idea de ligar á xente da parroquia de novo co monte e a súa posta en valor se prepararon corredoiras e zonas de lecer, así como tres fontes de auga potable, asentos, mesas, etc..

Despois viu o momento de atender ao patrimonio e así recuperamos muíños, o monte do Castro onde unha das cabanas se consolidou, os petróglifos… Se procurou que os veciños se concienciaran do valor do patrimonio e se sentiran identificados. Con este motivo se organiza unha saída anual ao monte onde lles explican aos veciños o que hai.

Facemos todos os anos unha xornada explicativa sobre o monte, o patrimonio que hai nel. Convidamos a arqueólogos, antropólogos, xuristas e logo facemos unha xornada na casa da CMVMC; logo da saída, recibimos suxestións da xente. Antes viña mais xente de fóra que da parroquia, agora xa é ao revés”

E continúa:

Un monte como o noso non pode ser solo para explotación forestal, nós queremos darlle a volta á xestión forestal tal e como a teñen concibida a maioría das entidades. Para nós o monte ten que ser multifuncional e ademais de ter un aproveitamento económico, teno que ter social e por suposto ser motivo de coidado medioambiental e de protección do patrimonio”

O proxecto é pioneiro polo xeito en como se está a levar a cabo. Dende a CMVMC queren que a xente entenda o interese e o futuro que ten coidar o monte. Claro, pero a cuestión era como espertar nos veciños, sobre todo nos máis maiores, o interese do proxecto:

“Preparamos unha xornada e levámolos nun bus ao castro de San Cibrán de Lás a ver o castro e a Campo Lameiro e así a xente visualizou e descubriu que non lles estabamos contando un conto. E pasamos de que a xente da parroquia pasara olimpicamente do monte a que estea pendente del. Así é a forma de poñer en valor o noso proxecto que é o da parroquia”.

O proxecto das cabanas, polo que solicitamos a axuda ao GDR, xurde pois de ver o que se fai noutros sitios arredor destes espazos onde hai cantidade de restos arqueolóxicos. Vai consistir na reprodución dun asentamento neolítico/calcolítico de 3.146,45 metros cadrados, que contará con varias réplicas de edificacións históricas e estruturas de almacenamento e cercados para os animais. Tamén servirán de espazos multifuncionais dedicados á arqueoloxía experimental con actividades didácticas sobre a prehistoria, a antropoloxía e a educación medioambiental.

As cabanas as facemos coa idea de dar a coñecer o patrimonio arqueolóxico para que os rapaces/as e todos/as coñezan a nosa historia. Logo pretendemos construír un Centro de Interpretación como o que hai en Tourón con recursos didácticos para comprendelo e valoralo.”

Encargaron á empresa Citania o proxecto, empresa que xa traballara para a Asociación no proxecto dos sete camiños (ruta que recorre Lourizán, Salcedo e San Xulián), pioneiro en rutas de petróglifos.

O monte estaba sendo usado por bicis así que prepararon as pistas para que a xente puidera ir por elas sen alterar outras zonas do monte. Hai un club ciclista que tódolos anos organiza unha volta ciclista polos montes de Salcedo á que veñen entre nenos e familiares sobre unhas 1.000 persoas e que “da gusto velo”, di Fernando.

Desde esta entidade teñen especial preocupación polos nenos e mozos e están apoiando todas aquelas ideas que impliquen aos rapaces cos montes da parroquia. De feito todos los anos teñen uns cartos destinados a subvencionar a asociacións que despreguen a súa actividade con actividades para nenos en Salcedo.

Colaboramos con todas as entidades da parroquia que se aproximan a nós. Cada ano damos un 5% dos ingresos da CMVMC para que as actividades que se fagan aquí. Este ano a solicitaron 11 entidades.”

No futuro queren, en colaboración co concello, facer instalacións máis ambiciosas tanto no deportivo como no cultural. Os concellos, di, necesitan da participación das parroquias.

Aquí ten vido xente de varias artes de España. É unha referencia no que se refire a restos arqueolóxicos. A raíz disto activouse o contacto do Concello coa nosa asociación.”

Así por todo isto consideran que a subvención que solicitan ao GDR ten todo o sentido xa que supón crear un espazo para veciños e visitantes, coidar o patrimonio natural, histórico-cultural e social. Supón ademais, unha manifestación práctica de como as entidades sen fin de lucro poden ter no seu ADN a Responsabilidade Social Corporativa ao pensar non soamente nelas senón na repercusión que teñen sobre a súa contorna máis inmediata.

Fernando Pintos Pereira

Presidente da CMVMC de Salcedo. Parroquia de Pontevedra