Rosa Ana Rios Fernández. Proxecto: Creación de empresa de educación medioambiental e ocio (Paredes)

Salinas do Ulló: un patrimonio e un espazo singular no concello de Vilaboa

As salinas do Ulló son unha xoia do noso patrimonio etnográfico e cultural, situada nun marabilloso enclave pertencente á Rede Natura da Ensinada de San Simón, na parroquia de Paredes, concello de Vilaboa. Estas salinas datan do século XVII e representan un conxunto único na nosa comunidade autónoma. Ademais do propio sistema salinífero conta cun muíño de mareas, e un conxunto de casas que se dedicaban a diversos usos relacionados coa explotación do sal. E ten un fermoso e longo paseo que as arrodea.

Moito do recoñecemento, divulgación e medios de acceso que agora teñen as salinas son obra da Asociación Cultural Salinas do Ulló. Esta asociación leva vinte anos loitando por este lugar, por dalo a coñecer, por mellorar as súas prestacións. Este ano, un grupo pertencente á asociación, conformou unha Comunidade de Propietarios –neste momento composta por 7 persoas- co fin de poñer en marcha un proxecto de turismo e educación ambiental nesta zona. Para cumprir este fin, Rosa Ana Ríos decidiu solicitar unha axuda ao GDR Pontevedra-Morrazo.

Grazas ao traballo e esforzo desta asociación en 2004 Costas investiu un millón de euros para facer e acondicionar tramos de paseo que arrodean as salinas; e no 2007 levouse adiante un proxecto PRODER para a recuperación da ruta das salinas.

Temos a Asociación Cultural Salinas do Ulló desde fai 20 anos e todo ese tempo estivemos traballando en diversos proxectos e iniciativas para recuperar as salinas e poñelas en valor. Nos últimos cinco anos conseguimos 5 km de sendas para paseo: é un lugar idóneo para isto. Para nos é como se fora un fillo, levamos moitos anos con isto”

O proxecto que presenta Rosa Ana ao GDR representa unha combinación entre educación ambiental e turismo de natureza, contando co privilexiado entorno e dúas casas axeitadas para este fin.

Coméntannos Rosana e Alberto, promotora deste proxecto e o seu marido, que pouco a pouco foi vindo xente, moitos xa son asiduos, e cada vez hai máis interese por este espazo tan singular. Todo isto, xunto coa boa conexión da zona cos centros urbanos próximos e ás zonas de praia do Morrazo, outórganlle ás salinas un atractivo moi importante. Tanto é así que hai demanda por parte de colexios, colectividades, familias e público en xeral por visitar e coñecer o lugar. Esta demanda non era atendida por ninguén, salvo pola voluntariedade da Asociación Salinas. Esta circunstancia é o xerme deste proxecto.

Hai unha necesidade evidente de servizos para a demanda de visitas que hai na zona. Escoitamos as necesidades da xente. Sabemos que nalgúns sitios as aulas de natureza non funcionaron por iso queremos facer un proxecto integrativo que dinamice toda a zona de salinas. O concello de Vilaboa ten poucos recursos así que pensamos que a iniciativa cívica e cidadá tamén pode ser unha alternativa”

Esta iniciativa quere ser un proxecto produtivo que se sustente economicamente, non se buscan beneficios senón o desempeño dun labor de concienciación e posta en valor do espazo Salinas do Ulló que poida xerar uns postos de traballo e unha dinámica de coidado da zona. Unha persoa da comunidade de propietarios dos terreos necesarios para desenvolver o proxecto é monitora de tempo libre e se encargará das actividades da aula de natureza e das visitas e interpretación do lugar. Logo as casas doutros socios serán quen de acoller a un turismo de natureza.

Hoxe en día hai empresas que fan o labor de ensinar o noso patrimonio. Nós, que levamos loitando por el vinte anos, tamén o podemos facer e incluír outros servizos que a xente demanda, especialmente a xente maior que pide lugares onde comer ou aloxarse para pasar uns días. Nós optamos polo que se da en chamar turismo habitacional. Algúns dos nosos socios son persoas formadas en distintas disciplinas que poden completar unha oferta moi interesante para os nosos visitantes.”

Rosana e Alberto consideran que dende as asociacións, que coñecen o territorio e están sensibilizados con el, se poden facer moitas cousas. Cren, así mesmo, que as agrupacións de persoas son un elemento que pode contribuír a mellorar os pobos, o seu coidado medioambiental e a conectalos cunha contorna máis ampla:

As Salinas do Ulló son un grande atractivo para a comarca, representan unha alternativa ao turismo de sol e praia. O seu coidado implica ter en conta moitas cousas: a calidade da auga, as infraestruturas, a recuperación de inmobles pouco utilizados, os servizos e a creación de emprego”.

As persoas que inician este proxecto son grandes coñecedoras da contorna. Militantes e activistas en pro das salinas do Ulló. Ademais o seu modo de pensar con perspectiva os leva a entender a importancia de ligar todo isto cunha mobilidade alternativa que lle facilite as cousas as persoas que queiran visitalos. Por este motivo están no proxecto Vía Verde que vai unir Pontevedra con Vilaboa.

Tamén queren facer mención ao papel tan importante que tiveron as persoas que cederon terreos para poder facer todo o paseo. Por outra banda din que as veces a administración local non é todo o áxil que debería á hora de facilitar que estes proxectos vaian para adiante, o que fai que todo leve un grande esforzo.

Houbo 16 propietarios que cederon para facer o paseo; é mérito do concelleiro de medioambiente de Vilaboa que neste caso é unha persoa moi implicada e iso é moi importante”.

Este proxecto ten un marcado carácter vocacional por parte dos seus promotores, que din representa un pracer compartilo e cren que ten vocación de futuro porque as novas xeracións serán moito máis sensibles co tema medioambiental.

Sacar os proxecto adiante é moi complicado, requírese moito traballo e tesón, pero cremos que as cousas se poden mellorar e que temos unha riqueza nas nosas mans que canto menos debemos de agradecer e coidar”

Sen dúbida este proxecto é un claro exemplo de materialización da Responsabilidade Social Corporativa toda vez que afecta de xeito positivo a unha multiplicidades de axentes, amais de ser un legado para as xeracións futuras, e sen esquecer que é no presente un elemento importante na calidade de vida das persoas da comarca.