O GDR participa na primeira xuntanza da Mesa de Turismo da provincia de Pontevedra

O GDR Pontevedra - Morrazo ven de asistir a primeira xuntanza da Mesa de Turismo da Deputación de Pontevedra, futuro órgano de coordinación entre esta institución e as entidades públicas e privadas do sector turístico.


A creación desta Mesa de Turismo da provincia de Pontevedra nace con carácter propositivo, de observación e seguimento do Plan Estratéxico de Turismo da Provincia 2017-2020, buscando a colaboración pública e privada, especialmente nos campos da coordinación, xestión, promoción, ordenación, innovación e internacionalización da provincia como destino turístico.


Esta Mesa estará composta por vinte persoas, entre as que estarán a presidenta da Deputación e outros tres representantes da Administración provincial. Así mesmo, contarase con membros de Turismo de Galicia, da Secretaría de Turismo do Estado, así como das cidades de Pontevedra e Vigo e con dúas persoas en representación dos concellos de interés turístico da provincia. Igualmente, terán cabida un representante dos destinos adheridos ao SICTED, unha persoa dos Grupos de Acción Local Participativa do Sector Pesqueiro (GALP), outra persoa en nome dos Grupos de Desenvolvemento Rural e asociacións ou mancomunidades de municipios, tres representantes do ámbito académico e universitario vinculado ao turismo, un representante do aeroporto de Peinador e tres do sector privado (Clúster de Turismo, Federación provincial de Hostelería e Ruta do Viño Rías Baixas).

Ningún evento vindeiro!