O GDR Pontevedra Morrazo en colaboración coa Asociación de viticultores San Martín de Bueu convocan aos viticultores de Bueu a unha charla-coloquio para dar a coñecer o proxecto de posta en valor dos recursos vitivinícolas do concello de Bueu dentro da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo

A charla, que terá lugar o día 6 de agosto ás 18:30 h. no exterior da Escola Torrecino de Cela (Bueu) será o punto de partida dun proxecto que ten como principal obxectivo a ampliación da base territorial e dinamización do sector vitivinícola da IXP  Ribeiras do Morrazo para poñer en valor os viñedos de tinta femia, así como outras castes autóctonas, localizados no concello de Bueu e maioritariamente na parroquia de Cela.

Lembremos que o GDR Pontevedra Morrazo xunto con outras entidades do territorio, impulsaron a creación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Ribeiras do Morrazo” para amparar os viños elaborados nos concellos de Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela. Este distintivo de calidade para os viños do Morrazo foi aprobado pola Comisión Europea o 9 de xaneiro de 2018.

Segundo o Rexistro Vitícola de Galicia, no territorio da IXP Ribeiras do Morrazo, están inscritas preto de 75.000 parcelas, que suman 2.340 hectáreas, pertencentes a 25.414 viticultoras e viticultores. Sen embargo, actualmente so cinco adegas (situadas nos concellos de Marín, Poio, Redondela, Vilaboa e Cangas) e 15 viticultores con 6,91 ha de superficie en produción, están a elaborar viños certificados baixo esta figura.

Polo tanto,  en xeral nos concellos do territorio,  e de xeito especial en Bueu a  Indicación Xeográfica Protexida ten un enorme potencial de crecemento.

Dada a forte tradición e recoñecemento que teñen os viños de Cela, o GDR considera prioritario explorar a viabilidade das diferentes alternativas para aproveitar e poñer en valor as castes e os viñedos da zona, evitar o arranque ou abandono dos mesmos, e impulsar o aumento da superficie en produción certificada dentro da citada Indicación Xeográfica Protexida, contribuíndo así ao desenvolvemento ambiental, económico, social da zona.

Na xuntanza, na que participarán viticultores e operadores da zona, abordarase a problemática da produción, elaboración dos viños, os obxectivos etc. do proxecto para posteriormente analizar e establecer alternativas para a comercialización posta en valor dos viños dentro da IXP.

Publicado en novas

A Consellería do Medio Rural ven de presentar a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, na que participou o GDR Pontevedra-Morrazo, e que persegue consolidar os viños galegos nos mercados nacional e internacional e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios onde se producen.

O grande obxectivo da Estratexia é mellorar o posicionamento dos viños galegos, aumentar a súa competitividade en mercados nacionais e internacionais e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce. A Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia artéllase en 46 medidas e 299 accións estruturadas en sete eixes estratéxicos. Así, no primeiro eixe relativo á cooperación, búscase incrementar a dimensión do sector vitivinícola e fomentar a colaboración entre as diferentes comarcas implicadas para afrontar os retos da internacionalización.

No segundo eixe, sobre a viticultura e á produción de uva, habilitarase un programa de mobilidade da terra, recuperación de superficies abandonadas e reestruturación parcelaria para asegurar a rendibilidade das explotacións. A nivel normativo proponse a mellora da xestión das autorizacións de plantacións e para garantir a incorporación de novos viticultores, promoverase un plan de fomento do relevo xeracional, priorizando os candidatos con formación universitaria e formación profesional. Ademais, porase en marcha un sistema de seguimento dos custos de produción que contribúa a mellorar a profesionalización do sector. Mentres, para combater os efectos do cambio climático, a Estratexia contempla o impulso da produción ecolóxica e optimizar a xestión da auga, reducir o uso de fitosanitarios, introducir melloras tecnolóxicas e promover estudos de variedades resistentes a pragas e enfermidades.

No terceiro eixe para o fortalecemento da industria vitivinícola, contémplase impulsar proxectos de cooperación entre pequenas adegas priorizándoos nas axudas públicas e a habilitación de liñas dirixidas a facilitar o acceso ao crédito á industria vitivinícola con mecanismos como o préstamo vendima. No apartado da formación, incidirase na xestión empresarial e nos ámbitos da dixitalización, da cultura do dato e da industria 4.0, cun plan de formación continua para o persoal das adegas. En canto aos estudos universitarios, avaliarase establecer un Grao en viticultura e enoloxía e un curso de posgrao interuniversitario en xestión de empresas vitivinícolas. No relativo á formación profesional, preténdese impulsar os programas de FP dual. A Estratexia tamén aposta por incentivar procesos industriais máis sustentables e favorecer a súa valorización nos mercados cun programa para promover a inclusión das adegas galegas na certificación Wineries for Climate Protection (WfCP) -primeira e única certificación específica para este sector en materia de sostibilidade ambiental- e cunha guía de fomento da sustentabilidade.

No marco do cuarto eixe da comercialización e mercados, proponse deseñar o mapa de posicionamento dos viños de Galicia nos distintos segmentos de mercado en función das tipoloxías de consumidores, diversificar o portfolio de viños cara a tipoloxías como os viños ecolóxicos ou ecosostibles, equilibrar a presenza dos viños galegos nas distintas canles e desenvolver un foro continuado de coñecemento, debate e análise sobre a evolución, tendencias e retos que afronta a comercialización de viño. Para fomentar a transformación dixital, a Estratexia propón un Plan de conectividade e o impulso da dixitalización, unha campaña de lanzamento da marca Viños de Galicia nos mercados internacionais e un espazo dixital para o desenvolvemento e impulso da promoción e comercialización internacional dos nosos viños. Así mesmo, crearase a Oficina dixital de apoio á exportación e elaborarase un Plan de exportación anual que contemple actuacións como as misións internacionais ou encontros con distribuidores.

Ao abeiro do quinto eixe de organización e funcionamento, prevese realizar un informe sobre a necesidade de introducir nas normativas das denominacións de orixe mecanismos de regulación de oferta plurianuais, mediante reservas individuais cuantitativas e/ou cualitativas de produción, que permita unha certa marxe de flexibilidade para compensar as variacións anuais da produción vitivinícola. Tamén se quere avaliar a posibilidade de distinguir dentro de cada D.O.P. unidades xeográficas menores con particularidades específicas e promover contratos entre viticultores e adegas de maior duración temporal, asegurando unha repartición equilibrada do valor xerado entre os diferentes elos da cadea produtiva.

No sexto eixe relativo ao turismo e ao enoturismo, búscase eliminar as restricións á implantación de adegas e complexos enoturísticos en solos rústicos, incorporar novas categorías de aloxamentos turísticos vinculados ao enoturismo, realizar campañas de concienciación sobre as oportunidades deste negocio e crear liñas de axuda ao efecto. Ao tempo, reforzaranse as sinerxías entre o enoturismo e os recursos paisaxísticos e patrimoniais, estreitando os vínculos entre comida e viño, ademais de promover unha rede de aldeas viñateiras para fixar poboación e dinamizar a economía local. Así mesmo, mellorarase o funcionamento e coordinación das Rutas do Viño do Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra, solicitando a súa adhesión e certificación por parte de ACEVIN. No eido da promoción, integrarase a oferta de enoturismo con eventos turísticos recoñecidos coma os entroidos das comarcas da Limia, Verín, Trives ou Viana ou a Festa da Istoria de Ribadavia, reforzarase a promoción de iniciativas de Turismo de Galicia como “Escenarios ao volante” ou “Paseando entre viñedos” e promoveranse estratexias de marketing dixital no enoturismo. Mentres, no campo da formación, proponse reforzar a FP e os estudos universitarios con propostas relacionados co enoturismo e coa cultura vitivinícola.

Por último, no sétimo eixe relacionado co patrimonio natural, cultural e a paisaxístico, proponse a redacción dun atlas das paisaxes vitivinícolas de Galicia, a realización dun inventario dos viñedos máis antigos para a súa protección e promoción e a posibilidade de catalogar as paisaxes máis características, entre outros aspectos.

Publicado en novas

Os vindeiros días 9, 10 e 11 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra a Indicación Xeográfica Protexida RIBEIRAS DO MORRAZO estará presente na feira do gourmet galego Etiqueta Negra, da man do GDR Pontevedra Morrazo coa intención de poñer en valor e consolidar a imaxe da IXP no mercado.

Trátase dunha cita gastronómica, que reunirá nun mesmo espazo a profesionais do sector, produtores e consumidores co fin de coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.

Nesta cuarta edición, poderanse coñecer e degustar os viños desta nova Indicación Xeográfica protexida vitivinícola e apreciar todos os matices destes viños oceánicos a través das catas comentadas.

Máis información

https://etiquetanegragourmet.com/programa-2019/

Publicado en novas