Os participantes no programa formativo "Profesionalización e desenvolvemento da viticultura na IXP Ribeiras do Morrazo (2019)", no marco de cooperación entre as IXP de viños de Galicia, tiveron ocasión de realizar unha visita de estudo á IXP Val do Miño.

Nesta xornada coñeceron a finca e adega de Terras Mancas, unha das poucas adegas que na actualidade elaboran viño baixo o selo da IXP Val do Miño. Os socios ensinaron o viñedo e as instalacións, e explicaron aos asistentes tanto o proceso de constitución do seu proxecto, como as súas dificultades, o presente e os proxectos de futuro.

Ademais, nesa mesma xornada, realizouse unha visita de estudo ao proxecto colaborativo: Solaina Minei. As Bouzas – Macendo  (Castrelo de Miño). Un proxecto colaborativo dos veciños do lugar de As Bouzas, situado na D.O. Ribeiro, que baixo a fórmula dunha SL, pero traballando conxuntamente, crearon no 2008 O Polígono Agrario da Asociación "As Bouzas", un proxecto de produción vitivinícola. Actualmente son 54 socios, todos eles viticultores ou fillos de viticultores, que antes de que as viñas quedasen ermas; xuntáronse para facer realidade o proxecto.

O obxecto social da SL foi redactado de xeito máis amplo que o vitivinícola sendo parte do mesmo a producción, transformación e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros e forestais, e atender a calquera fin ou servizo que sexa propio ou estea directamente relacionado con estas actividades, en particular, coa explotación da madeira.

Na actualidade xa empezaron a elaborar o seu propio viño baixo a marca “9 queipos”, aínda que a maior parte da uva é vendida a terceiros.

Representantes dos socios ensinaron o viñedo e as instalacións, e explicaron aos asistentes todo o camiño levado a cabo dende a súa constitución.

Agradecer a todos a atención dispensada, así como a súa colaboración na xornada explicando os elementos esenciais das súas iniciativas e a posterior visita guiada ás instalacións.

 

Publicado en novas