Coincidindo co día mundial do enoturismo, o GDR publicou un vídeo divulgativo da bitácora audiovisual da “RUTA DOS VIÑOS OCEÁNICOS” na IXP Ribeiras do Morrazo. Trátase de 14 pezas audiovisuais para darlle voz aos legatarios do patrimonio, aos viticultores e a todos aqueles que posúen coñecementos, experiencias e vivenciais vencelladas á cultura do viño nas súas múltiples dimensións humanas, históricas, artísticas e culturais.Preme a ligazón para acceder ao vídeo divulgativo: https://youtu.be/JJdwTFgSXMw

A “Ruta dos viños oceánicos” que o GDR esta a desenvolver, é un itinerario enoturístico e cultural que percorre os atractivos turísticos dos concellos da IXP Ribeiras do Morrazo (Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela) tendo a cultura do viño fío condutor.

A bitácora ten como principais obxectivos:

  • Visibilización e divulgación dos bens patrimoniais (materiais e inmateriais) que rodean a viticultura nas terras da IXP Ribeiras do Morrazo como unha forma de atraer e mellorar o turismo cultural cara á esta IXP.
  • Enriquecer e promocionar a Ruta dos Viños Oceánicos con novas alternativas que teñan en conta outros contidos culturais, patrimoniais e históricos como elementos diferenciadores.

A Bitácora, pódese ver na Exposición da “RUTA DOS VIÑOS OCEÁNICOS” na planta baixa da sede do GDR, en Os Campos, 19 de Pontevedra.

Publicado en novas

Reflexión, e música foron protagonistas no encontro celebrado onte no Museo Meirande de Redondela. Luis Paadin, autor da «Guía de Vinos, Bodegas y Destilados de Galicia 2022», sinalou que nas catas a cegas que fai para a elaboración da súa guía dos viños galegos, sempre atopa alma nos viños con IXP. Juan Carlos Vázquez Abal, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), repasou os retos para unha viticultura sostible, onde as IXPs teñen moito que dicir pola súa raigame tradicional e vínculo co territorio. Xavier Blanco da Fundación Legar puxo o foco no vínculo entre cultura vitícola e música nun encontro ao que acudiron adegueiros de toda Galicia.

O encontro supuxo o peche a un ano de actividades de Viños das IXP de Galicia, un proxecto de cooperación dos Grupos de Desenvolvemento Rural no que colaboran 15 adegas repartidas entre as catro Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia. Este proxecto pretende impulsar o sector vitivinícola de cada unha das indicacións establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

Tanto o Subdirector de relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural da Agader (Xunta de Galicia), Moisés Blanco Paradelo, como o xerente do GDR Pontevedra-Morrazo, José María Tobío, coordinador do proxecto, sinalaron a necesidade de dar continuidade ás actividades deste proxecto co obxectivo de dar a coñecer estes produtos tamén no ámbito urbano, potenciar o asociacionismo e seguir explorando as oportunidades que plantexan os recursos etnoturísticos que rodean a actividade das adegas.

Publicado en novas
Adega Os Areeiros, de Vilaboa, ven de acadar un dos 15 premios Gran Ouro co seu albariño na categoría de viños brancos tranquilos no IV Concurso Nacional de viños Vinespaña. O certame organizado pola Federación Española de Enoloxía (FEAE) tivo lugar do 28 ao 30 de abril no Balneario de Laias, en Cenlle (Ourense). 
Ademais, o albariño Praia do Santo da Adega Ardán, ubicada en Marín, tamén conseguiu unha medalla de Prata na mesma categoría, e Os Areeiros outro Ouro na modalidade de viños de variedades minoritarias.
SOMOS UNHA MARCA DE GARANTÍA, SOMOS CALIDADE.
Ribeiras do Morrazo, SER QUEN SOMOS.
Viños das IXP de Galicia, VIÑOS QUE FALAN DE NÓS.
Publicado en novas

6 Grupos de desenvolvemento rural e 15 Adegas das 4 Ixp de viños de Galicia xuntan os seus esforzos nun proxecto de cooperación  para dinamizar o sector vitivinícola e contribuír a súa consolidación e crecemento futuro

Descargar Programa acto de presentación

Descargar Folla de inscrición 

O proxecto, cuxo acto de presentación, celebrarase o 4 de novembro ás 17.30 h no Pazo da Cultura de Pontevedra, ten como obxectivos xerais:

  • Dinamizar aos operadores e establecer canles de colaboración entre as catro IXP vitícolas de Galicia.
  • Impulsar o sector vitivinícola en cada un dos territorios
  • Contribuír a consolidar e/ou aumentar o número de marcas comerciais.
  • Mellorar as canles de divulgación, promoción e comercialización dos viños.
  • Mellorar a formación en proxección e comercialización dos elaboradores.
  • Favorecer un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas.
  • Favorecer o posicionamento enoturístico.

E como obxectivos específicos:

  • Dar a coñecer entre as persoas consumidoras os viños e a realidade das IXP como selo de garantía e calidade.
  • Ofrecer aos elaboradores a oportunidade de presentar os seus viños en distintos foros e formatos, tanto ás persoas consumidoras como ó sector da distribución e a restauración.
  • Conseguir a colaboración das administracións locais na promoción dos viños das IXP mediante a participación en eventos da súa competencia.
  • Establecer acordos de colaboración co sector da restauración local para a promoción dos viños das IXP
  • Posicionamento dixital (Web e RRSS) das IXP.
  • Identificar os elementos de interese enoturístico nos catro territorios para o seu posterior desenvolvemento.
  • Espertar o interese e curiosidade dos visitantes por coñecer os viños dos territorios de cada unha das IXP de Galicia

Actuacións previstas.

As accións previstas no proxecto de cooperación parten dun plan de dinamización e promoción das IXP no que se establecen obxectivos e se definen estratexias, actuacións, medios, etc. así como a xestión, control e seguimento das mesmas.

  • Por unha banda haberá actividades de dinamización, divulgación e animación interna como as 6 xornadas (unha en cada GDR cooperante) nas que se abordarán os retos de futuro, a dinamización da viticultura e a procura dunha mellor percepción social e coñecemento das IXP, dos seus viños e dos territorios.
  • Eventos e actividades de promoción/degustación como os 4 túneles do viño (un por cada Indicación xeográfica protexida) coa presenza de todas as adegas promocionando conxuntamente os seus viños e facilitando a súa degustación e coñecemento.
  • Posicionamento dixital das IXP mediante a construción dunha plataforma web promocional, e a elaboración dun plan de comunicación e difusión nas RRSS e outros medios que animen e apoien todo o proceso.
  • Desenvolvemento enoturístico. Identificando os elementos, contidos e actividades de interese enoturístico, e creando unha rede de establecementos colaboradores coas IXP a partires dun receitario de menús enogastronómicos. Complétase está acción coa asistencia técnica para a elaboración dun documento-guía de adaptación das adegas ao enoturismo que lles permita, aos operadores das IXP, crear e/ou mellorar nas súas instalacións zonas de exposición de viños, cata , degustación, etc.

Xornada de presentación e Túnel do viño en Pontevedra

A primeira xornada de dinamización, que servirá como acto de presentación do proxecto,  celebrarase o 4 de novembro ás 17.30 h no Pazo da Cultura de Pontevedra  e contará cun espazo para a divulgación, centrado na calidade dos viños amparados polas IXP, a cargo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e unha mesa redonda. 

Na mesa redonda abordaranse entre outros temas,  a importancia dos recursos enoturísticos, as oportunidades de mercado, os novos modelos de consumo e a caracterización oceánica e ribeirá dos viños das indicacións galegas. Participarán Luís Paadín (profesor e Técnico de Viticultura e Enoloxía da Universidade de Vigo), Antonio Portela (experto en cata de viños, viticultura e enoloxía) e Rafa Quintía (antropólogo e economista). Xunto pódese descargar folla de inscrición e programa.

Está aberta a inscrición ao público a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou a través de teléfono no número 685 722 084 para atender aos protocolos sanitarios en materia da Covid19.

Os túneles do viño son outra das actividades contempladas no proxecto. Parellas ás xornadas realizaranse os mesmos no territorio de cada unha das IXP de viño galegas. Celebrarase un túnel en cada unha das indicacións xeográficas protexidas dos viños de Galicia, en total catro. O primeiro dos túneles, correspondente á IXP Ribeiras do Morrazo, realizarase en Pontevedra o día 20 de novembro de 2021 na nova sede do  grupo coordinador, GDR Pontevedra Morrazo no lugar de Os Campos nº 19 de Mourente.

Os túneles funcionarán como espazo de mostra e promoción de todas as referencias de viño amparadas baixo o selo das IXP, ao tempo, que serán espazos de degustación nos que apreciar as características diferenciais dos mesmos.

Realizaranse varias catas, ao longo do día, co obxectivo de facilitar a participación de diferentes perfís sociais: institucional, canal HORECA, sector, e outros axentes.

Ademais contémplase, a sinatura dun acordo institucional, para a promoción dos viños, no que se pretenden acadar a participación das entidades locais que forman parte das IXP.

Financiamento

O proxecto que conta cun orzamento de preto de 100.000€ está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Entidades colaboradoras

O proxecto conta coa participación activa e contribución ao financiamento do proxecto dos propios operadores das diferentes IXP. En concreto conta coa colaboración de 15 adegas que se distribúen nas 4 Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia: Adega Ardán, Adega Os Areeiros, Mercedarios do Mosteiro de Poio, Reboraina e Videiras no Mar na IXP Ribeiras do Morrazo; Adega Entre os Ríos, Bodegas Calidade Antonio Saborido, Bodegas Torres Augusti, e Cazapitas na IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria; Pagos de Brigante, Casa Beade, Adegas Bordel, Adegas Rilo na IXP Viños da Terra de Betanzos e Adega Terras Mancas e Vides Singulares na IXP Val do Miño-Ourense.

O compromiso destas entidades privadas, é de contribuír ao financiamento do custo do proxecto nunha porcentaxe do 10% dos gastos subvencionables.

Entidades cooperantes

Participan no proxecto os Grupos de Desenvolvemento Rural de Pontevedra Morrazo (Grupo coordinador), Galicia Suroeste Eurural, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Deloa (Sar, Barbanza e Muros-Noia).

 

Viños das IXP de Galicia

As Indicacións Xeográficas Protexidas son figuras impulsadas pola Unión Europea para protexer e certificar a calidade e arraigamento de produtos tradicionais dentro dun territorio. Baixo estas indicacións elabóranse en Galicia viños de calidade, auténticos e diversos, mantendo valores artesanais con arraigamento histórico e empregando materias primas naturais coidadas por produtores locais.

Existen actualmente catro Indicacións Xeográficas Protexidas baixo as que se elaboran viños en Galicia:

  • IXP Val do Miño-Ourense. Foi a primeira das IXPs constituídas, con grande arraigamento histórico nas comarcas situadas na zona central do val río Miño, onde se inclúe a depresión de Ourense capital e as súas zonas limítrofes.
  • IXP Viños da Terra de Betanzos. As condicións límite de luz e temperatura son características propias desta zona para obter os seus singulares viños. O río Mandeo e o seu afluente, o Mendo, crean os vales que rodean á cidade de Betanzos, onde se concentran as terras dedicadas ás súas castes autóctonas.
  • IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria. A zona baixa do litoral norte da ría de Arousa mais o leito inferior e desembocadura do río Ulla configuran esta comarca costeira onde case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo de viñedos se atopa por debaixo dos 150 m sobre o nivel do mar.
  • IXP Ribeiras do Morrazo. A máis nova das indicacións de viño de Galicia traballa dende 2018 pola recuperación dunha cultura vitivinícola moi arraigada socialmente dende un territorio de gran potencial que se resiste ao abandono dos seus viñedos.

 

Publicado en novas

O mércores 13 de outubro, trala celebración de varias reunións de traballo cos viticultores de Cela e outras persoas interesadas, o GDR Pontevedra-Morrazo en colaboración coa Asociación de Vitivinicultores San Martiño de Bueu presentou no Centro Social do Mar as conclusións alcanzadas trala análise de diferentes alternativas para potenciar a viticultura na zona no marco do Proxecto de viabilidade para a comercialización e posta en valor dos recursos vitivinícolas de Bueu dentro da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo.

 

Publicado en novas

Este xoves 16 de xaneiro o GDR participou no encontro de diagnose das catro zonas vitivinícolas galegas con Indicación Xeográfica Protexida que tivo lugar no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), co obxectivo de elaborar de xeito participativo a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia e afrontar, entre outros, os seguintes retos:

  • A dimensión dos viticultores e das adegas.
  • O cambio climático e a sostenibilidade.
  • Os novos patróns de consumo e enoturismo.
  • A adaptación a novas tecnoloxías e a innovación.
  • A loita contras as enfermidades.
  • A falta de relevo xeracional dos viticultores.
  • A necesidade de profesionalización do sector.
  • A comercialización e a internacionalización.
  • A nova PAC 2021-2027.
  • O brexit e os novos aranceis en EEUU.
  • O mantemento da calidade e o incremento do prezo.
  • Sinerxías con turismo, gastronomía e territorio.
  • Indentificar o viño coa marca-país.
Publicado en novas